Advírtenlle ao Ministerio de Cultura que malia que o cinema portugués está nun momento de éxito e vitalidade creativa "nunca estivo tan ameazado".
O centenario e prestixioso Manoel de Oliveira encabeza o manifesto dos directores portugueses
"O cinema portugués ten hoxe en día, malia a parálise, cando non hostilidade, dos poderes públicos, un indiscutíbel prestixio internacional". Así o subliñan nun manifesto conxunto un feixe de directores de cinema portugueses, con Manoel de Oliveira á cabeza e que asinan tamén realizadores como Fernando Lopes e Bruno de Almeida e media ducia de coñecidos produtores á outra beira do Miño.
A misiva dirixida ás administracións, e especificamente ao Ministerio de Cultura, pilotado pola socialista Gabriela Canavilhas, advirte de que malia o éxito internacional das producións lusas, o cinema portugués vive "baixo ameaza de paralización e asfixia financeira". Os cineastas chaman a atención sobre o feito de que durante a última década os fondos investidos no sector "non deixan de diminuír", cun descenso acumulado no seu financiamento de máis do 30%. Entre as reclamacións concretas está a normalización do chamado Fundo de Investimento para o Cinema e Audiovisual (FICA) no que consideran debe ser unha "intervención de emerxencia" para evitar a "catástrofe" no sector.
Na rede poden consultar o Manifesto pelo Cinema Portugués.