Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Axústase á convocatoria", di Cultura

A 'subvención' de 83 euros a un club de lectura chegará ao Parlamento

A Lonxa Literaria de Moaña, un dos referentes na promoción da literatura galega da última década, decidiu renunciar a cobrala. En 2009, recibira 2.113,75 euros.

Fernando Arrizado - 11:20 18/03/2010
2010 foi declarado Ano da Lectura

2010 foi declarado Ano da Lectura

"A cantidade concedida (83,53 euros) parécenos absolutamente insignificante, tanto que renunciamos a xustificar a nosa actividade para poder cobrala", e ademais "cremos que está inmotivada". Estes son os dous principais puntos da carta que a Lonxa Literaria de Moaña lle remitiu á Consellaría de Cultura en resposta á resolución da orde de axudas do 1 de abril de 2009.

Unha liña de subvencións específica para a "realización de actividades de promoción da lectura e a creación de clubs de lectura" por parte de "asociacións e institucións culturais". De feito, foi o traballo levado a cabo pola Lonxa Literaria desde a súa constitución hai sete anos que levou a Xunta a crear en 2008 esta orde de axudas a través da Dirección Xeral de Promoción Cultural.

Isto permitiulle acceder na última convocatoria a unha cantidade de 2.113,75 euros, lonxe dos 83,53 desta. A asociación -un referente consolidado no fomento da lectura, na difusión da literatura galega e no seu achegamento a un público non habitual- nunca antes, desde 2003, recibirá menos de 500 euros, mesmo nos primeiros momentos cando a actividade era aínda menos intensa.

2010, Ano do Libro e da Lectura

Desde aquelas máis de medio cento de recoñecidos escritores pasaron polas súas tertulias, organizáronse certames anuais, recitais poéticos, lecturas dramatizadas ou talleres de creación literaria, entre outras moitas actividades pioneiras.

Soledad Ríos, presidenta da Lonxa Literaria, asegura que "non é lóxico" o estipulado na resolución, xa que "a actividade programada é case a mesma que se presentou o ano pasado cando conseguimos máis de dous mil euros".

"Máis aínda -di- tendo en conta que a Consellaría declarou 2010 Ano do Libro e da Lectura". Asegura Ríos, ademais, que renunciaron a facer unha reclamación formal, dado que nin lles "compensaba", nin agardaban que fose a variar "substancialmente".

Pregunta do BNG no Parlamento

O caso é tan significativo, que o grupo parlamentario do BNG rexistrou unha pregunta no rexistro da Cámara para a súa resposta oral en Comisión., onde solicita entre outras cousas unha relación das entidades beneficiadas.

Os deputados Bieito Lobeira e Ana Pontón ironizan con que "se cadra, a motivación deste ridículo e insultante subsidio radica na peculiar e pintoresca visión que da lingua, literatura e cultura galegas mantén o titular desta Consellaría".

Fontes do departamento que dirixe Roberto Varela consultadas por Vieiros aseguran que "a solicitude e a resolución son correctas, axústanse ás bases da convocatoria".

Respecto ás razóns esgrimidas para xustificar á achega de 83,53 euros, sinalan que só se valorou o estabelecido polas bases, e a Lonxa conseguiu unha "puntuación mínima".


4.47/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: