Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Cinema independente

'A Viaxe' gaña un premio do festival de filmes de Potenza

A curtametraxe experimental, dirixida por Xosé González Varela, recibiu o Brigante di Pietra do certame italiano.

Redacción - 12:15 01/04/2010

A curtametraxe A Viaxe, escrita e dirixida por Xosé González Varela, gañou o premio Brigante di Pietra do Festival Internacional de Cine de Potenza, en Italia. A peza competiu con obras de Francia, de Alemaña e do Reino Unido, entre outros, nun certame especializado en cinema independente.

O xurado do festival valorou positivamente a factura e a orixinalidade da curta, que tamén foi seleccionada para a próxima edición dos Premios Mestre Mateo. Protagonizada por Carlos Villa e Evaristo Calvo e producida por Stable Producciones e Domingo Díaz PC, A Viaxe conta a historia dun director de cine que busca o emprazamento onde rodar o plano final da súa próxima película, pero algo falla e un accidente déixao illado nunha estraña paraxe.

O director da peza valorou o recoñecemento recibido en Potenza ao esforzo de todo o equipo, pois a rodaxe estivo rodeada de dificultades que tamén deixaron a súa marca na curtametraxe. A Viaxe estreouse publicamente no festival Filminho. Tamén se incluíu na programación do último Festival de Cine de Ourense e formou parte da retrospectiva que o CGAI lle dedicou a González Varela, un director que xa leva detrás unha prolífica obra aos seus 26 anos.


4.33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: