Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Mostra no Pazo da Cultura de Pontevedra

Repaso dos anos que construíron a identidade 'País-Moda'

A exposición "Os 80, moda en Galicia. Singularidades" analiza o período que proxectou internacionalmente a moda galega.

Redacción - 12:15 08/04/2010
Tags: moda téxtil

Gene Cabaleiro, Caramelo, Kina Fernández, Roberto Verino, Adolfo Domínguez, Florentino, Inditex, Luís Fortes, Estrella G, María Moreira, Antonio Pernas, Teresa Ramallal, Toypes... Son nomes clave na transformación do sector da moda en Galiza durante a década dos 80. Os seus traballos serán parte da mostra que este xoves se inaugura no Pazo da Cultura de Pontevedra, "Os 80, moda en Galicia. Singularidades", e que debullará até o próximo 4 de xullo arredor de medio cento de estilismos xerados por empresas e deseñadores que marcaron esa década como punto de inflexión para o téxtil galego.

A exposición está comisariada por Cristina Varela e Silvia García, douras en Belas Artes e profesoras dos estudos de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (ESDEMGA). Ambas as dúas pertencen ao grupo de investigación Dx7. Tracker. Laboratorio Visual da Universidade de Vigo, e a propia mostra xorde do traballo de Varela para a súa tese doutoral ao abeiro dunha investigación máis ampla coordinada polo propio grupo investigador sobre as manifestacións culturais menos estudadas dese contexto dos anos 80.

Ofrécese un repaso polo escenario no sector en Galiza nesa década, considerado un período que "propiciou a proxección internacional da moda galega e supuxo o lanzamento do sector dentro do ámbito creativo". A etiqueta 'Singularidades' fai referencia ademais a tendencias que foron clave nesa evolución: a recuperación dos tecidos naturais (como recolle o célebre concepto de “a engurra é bela”), ou as propostas máis escenográficas e barrocas que modificaron a silueta mediante ombreiras, brillos, cores flúor e estampados extraordinarios.

Identidade de 'País-Moda'
Segundo explican as organizadoras, a exposición amosa o traballo individual das empresas que seguen a identificarse coa moda galega e evidénciase o tremendo esforzo colectivo que supuxo “Galicia Moda”, unha estratexia que nace da iniciativa da axencia de Luís Carballo, co apoio institucional, á que se suman un número moi importante de empresas co obxectivo de construír unha identidade de ‘País-Moda’. "No actual momento de crise global, resulta estimulante ver este percorrido no que se percibe o esforzo colectivo que conseguiu artellar un novo panorama, pasando da industria da confección ao deseño como imaxe de marca", sinálase na presentación da mostra.

A exposición inclúe diversos audiovisuais, como un vídeo con entrevistas a varios dos protagonistas (deseñadores/as, xornalistas, publicistas, críticos de arte e moda e tamén os herdeiros daquel movemento); unha proxección do desfile “Luada”; o vídeo ‘Secret Strike’ de Alicia Framis, que pertence á colección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC); o documental sobre o ambiente da ‘movida viguesa’ nos anos 80, “Periféricos”, de Tamara Blanco, Xosé A.F. Holgado e Carlos Méndez; a interface específica do Wikimap (mapeado cultural dos anos 80 en Galiza) para consultar a información que se elaborou durante o transcurso da investigación. Acompáñase de variada documentación gráfica da época: revistas Galicia Moda, Tintimán, a Escrita, dosieres e recortes de prensa e mesmo cadernos de debuxo dos deseñadores.


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Na mostra colabora a ESDEMGA (Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda en Galiza)
Na mostra colabora a ESDEMGA (Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda en Galiza)