Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Nota editorial

A Radio Galega tenta sen éxito apropiarse de A Polo Ghit

Vieiros promove en solitario "A Polo Ghit 2010" e pedirá o amparo ao Consello de Administración da CRTVG.

Redacción - 19:30 13/04/2010

Ao fío da actualidade relacionada con 'A Polo Ghit', desde Vieiros cremos necesario facer as seguintes aclaracións:

1. No ano 2006 Vieiros deseña o proxecto 'A Polo Ghit'. A idea é clara: impulsar, difundir e amplificar a voz creativa das bandas musicais do país por medio dun certame do que saíse a "canción galega do verán".

2. Coa iniciativa na man, Vieiros proponlle á Radio Galega colaborar no proxecto. Houbo receptividade desde o comezo. Eran tempos nos que a propia emisora pública abría espazos exclusivos na súa grella para a promoción da música galega.

3. A efectos prácticos, esa colaboración implicou que Vieiros asumise todo o custo da infraestrutura web do proxecto. Malia que se chegou ao acordo de explotación comercial compartida do concurso, quedando responsabilizada a CRTVG destes traballos, Vieiros en ningún momento recibiu nunca nada pola infraestrutura e o traballo fornecido polo noso xornal para a iniciativa 'A Polo Ghit'.

4. Desde o comezo estabelécese que alén de nas páxinas de Vieiros as cancións participantes serán difundidas a través de programas da Radio Galega e da TVG, fixándose tamén como condición que as obras queden baixo licenza Creative Commons, de feito que máis aló do propio Vieiros e da CRTVG as pezas poidan descargarse, copiarse e distribuírse libremente na rede acadando así o máximo de difusión posíbel a través de calquera espazo e medio de comunicación.

5. No verán de 2009, e estando en curso a edición de A Polo Ghit dese ano, prodúcense cambios na dirección da CRTVG. Nos primeiros contactos ao respecto, exprésaselle a Vieiros a vontade de seguir apostando polo concurso, toda vez que demostrara ser un éxito de participación e público.

6. No mes de outubro, Vieiros recibe notificación da Oficina de Patentes e Marcas de que alguén está tratando de rexistrar a marca 'A Polo Ghit'. Consultado o asunto, o intento de rexistro resulta ser froito da dirección da CRTVG, pero "A Polo Ghit" é unha marca previamente rexistrada por Vieiros. Non llo conceden, e preguntados ao respecto, desde a Radio Galega, atribúen a un erro burocrático o acontecido argüíndo que ignoraban que se tratase dunha iniciativa orixinaria de Vieiros e non da Radio Galega e asegurando que, de levarse a cabo, o concurso se celebraría co formato habitual en colaboración con Vieiros.

7. En meses posteriores e sen mediar novas comunicacións, a CRTVG intenta rexistrar outras marcas: " O Ghit do verán", "O Ghit é noso", etc. Vieiros decide deixar de oporse a estes rexistros, xa que cada recurso leva custos asociados.

8. Chegado o momento do lanzamento de 'A Polo Ghit 2010', a Radio Galega expresa a súa negativa a seguir apoiando o certame musical e achaca a un esquecemento non ter respostado antes a Vieiros.

9. Logo de recibir a negativa en firme da propia dirección da emisora pública, Vieiros decide que 'A Polo Ghit' non pode morrer e moito menos no ano que cumpre o seu quinto aniversario. Por moitos motivos, os fundamentais xa expresados na información publicada este luns: é necesario que os medios do país manteñan fiestras abertas á creatividade musical que abrolla forte en Galiza.

10. Paradoxalmente, horas despois do anuncio de Vieiros de que 'A Polo Ghit' non morrerá, a CRTVG enviaba aos medios un comunicado onde anunciaba a posta en marcha dun concurso para "a busca da canción do verán" baixo o título 'Vasacarnota'.

11. Vieiros asume que en calquera momento unha relación entre dúas empresas para levar adiante una iniciativa, pode romperse ou anularse, mais tamén, que o que non pode facer unha delas, máis aínda sendo un medio de titularidade pública, é apropiarse dunha idea que non lle pertence e sobre a que non ten dereitos, aínda que pola imposibilidade de rexistrar o formato, sexan apenas morais. Por ese motivo Vieiros solicitará amparo ao Consello de Administración da CRTVG.

12. Seguiremos adiante e en solitario con 'A polo Ghit', porque é de todos e todas, dos grupos, da xente que votou, dos que descargaron e comentaron, e tamén de Vieiros, que para iso o promoveu. A rede é unha canle idónea para a promoción e a divulgación do talento dos músicos galegos. Desde aquí poñeremos a nosa faragulla para a libre difusión e distribución da nosa música. En internet flúe libre o poder, a imaxinación e a inventiva dos artistas. Que sexa por moitos anos. A Polo Ghit!


4.92/5 (95 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Extracto do Boletín da Prop. Industrial co intento de rexistro da marca A Polo Ghit (Pique para ampliar)
Extracto do Boletín da Prop. Industrial co intento de rexistro da marca A Polo Ghit (Pique para ampliar)