Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Cultura no exterior

Publícase en edición bilingüe galego-francés, o poemario 'Oblivionalia'

A editorial Les Hauts-Fonds, de Brest, acaba de sacar ao mercado francés a escolma da poeta e tradutora eumesa Fátima Rodríguez.

Redacción - 12:00 29/04/2010
A edición de Les Hauts-Fonds

A edición de Les Hauts-Fonds

A editorial Les Hauts-Fonds de Brest (Breizh), dirixida polo escritor Alain le Saux, acaba de sacar ao mercado francés a escolma Oblivionalia, de Fátima Rodríguez, poeta e tradutora eumesa radicada en Francia. O poemario, editado en versión bilingüe galego-francés, sucede a Amencida dos corpos e Límite de propiedade, ambos os dous editados en México e Francia en 2005 e 2006.

Vincent Ozanam, responsábel da versión francesa de A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, ou da de Sirventés pola destrucción de Occitania, de Xosé Luís Méndez Ferrín, foi o encargado da tradución do galego.

Segundo o crítico e poeta Jacques Josse, "a escrita encarnada, vibrante e secretamente retida de Fátima Rodríguez afecta o corpo e a súa sombra. Ao proxectar unhas mariolas imaxinarias polo chan, logra, dun poema a outro, mediante un trazado xeométrico implacábel, entrar en contacto con aquela que, gardando un pé na infancia, bota o rolo, colleita a luz exterior e afirma cun pulo inusitado a súa vida feminina en presente".

O galego incorpórase deste xeito á proposta editorial de Alain le Saux, un dos poucos editores que reivindican en Francia a presenza do texto na súa lingua orixinal, acompañado dunha coidada tradución e ilustrado por artistas contemporáneos.


4.63/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: