Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Bellón&Maceiras Quinteto

A gaita "sae da cuncha" e estoupa en Folkfusión

Acáelle a gaita ao blues ou á samba? Conversamos con Dani Bellón sobre o novo disco que o quinteto presenta este venres en Compostela.

R.Noguerol - 09:00 30/04/2010

Juan Tinaquero, Diego Maceiras, Juan Cabe, Dani Bellón e Miguel Lamas integran a formación 'BellónMaceiras Quinteto'. A evolución dun proxecto nado inicialmente da man virtuosa do premiado gaiteiro Dani Bellón e o acordeonista Diego Maceiras. Este venres presentan o novo disco en Compostela (Salón Teatro ás 20h30)

Vieiros: Como nace este FolkFusión, intuímos que o título semella unha declaración de intencións?
Dani Bellón: Ben certo, o traballo é a nosa etiqueta. De feito sería a expresión máis acaida que usamos para dicir que é o que facemos. Trátase da idea dunha fusión sen perder as raíces folk. Dámoslle saída a un conxunto de inquedanzas persoais, desde o que lle prestan as habaneras até o que quere experimentar co vals francés. Mais no fondo segue soando a folk con raíces.

E en perspectiva desde aquel Unión das Terras co que se deron vostedes a coñecer, que evolución lle propoñen ao público?
É unha evolución lóxica. Desde que comezamos como dúo, mais con colaboracións, tiñamos clarísimo que o grupo ía medrar. Buscamos o noso espazo nun panorama folk moi cheo e vimos que o noso traballo callou e que a crítica era boa. A partir de aí remexemos nas inquedanzas a seguir explorando e no fondo Unión das Terras segue aquí. No propio directo tocamos temas daquel primeiro disco, pero pode verse que cambiaron un montón. Incluso un recuperado para o Folk Fusión, a 'Muiñeira de Pontesampaio', experimenta un cambio radical. FolkFusión é un xeito de amoldármonos a novos tempos. Deixámonos levar. É un capricho noso. E estamos satisfeitos de como saíu.

Por certo, innovan vostedes: o disco xa se veu vendendo nos concertos, pero aínda non está nas tendas...
Foi unha opción estratéxica de marketing que tomamos e o certo é que funcionou de marabilla. Só nos concertos da Coruña e Ferrol xa se venderon se cadra arredor de trescentos, tanto do novo como do vello. É tamén unha chiscadela cara ao público. Aínda que insisto en que o disco quedou moi ben, nós sentímonos un grupo fundamentalmente de directo.

Inevitábel preguntarlle por esa portada tan suxestiva. De que faísca saíu a idea?
Efectivamente é unha chamada de atención brutal. Quen o vexa no andel da tenda de seguro que o vai coller para ver que hai por tras. O certo é que queríamos un produto global con chicha e non só no musical. Para os que gustamos de ter discos orixinais agradécese que haxa un coidado especial, que se intente transmitir algo máis co conxunto. E penso que o conseguimos e que varias ideas quedan trasladadas desde esa propia portada. Igual que o caracol, animal por certo hermafrodita, a gaita sae neste disco da súa cuncha e explórase a si mesma e de igual a igual co resto de instrumentos.

Ao fío desa saída da "cuncha" da gaita, como gaiteiro de longa e premiada traxectoria, considera que atinxiu novos espazos con este Folkfusión?
Sen dúbida, téñoo clarísimo e desde o momento en que o propio directo é un desafío moi custoso polo abano no que nos detemos: blues coa gaita, jazz, tango... É moi reconfortante por moitos motivos e un deles é que por fin a gaita está en igualdade de condicións. Ás veces hai quen di que a gaita soa baixa nos concertos, mais pensamos que esa sensación significa que imos no bo camiño. Porque se cadra a xente está viciada de escoitar a gaita por riba do resto. E aquí buscabamos igualdade de condicións.

Por certo, aproveite para contarlle aos internautas que aínda non os coñezan que significa ese concepto que vostedes bautizaron como "espicho"?
É un xogo co público que ten que ver co espírito da mestura e de procurar que non se escoite unha soa voz. O 'espicho' é o xeito que temos de meterlle unha melodía coñecida dentro doutra peza. Desde o Fraggel Rock até a Pantera Rosa pasando pola propia recuperación de cachiños doutras pezas de composicións anteriores. Un xogo divertido co oínte.

Vostede en particular, que ten percorrido moito mundo coa gaita ao ombreiro, que percepción ten da proxección internacional da música galega e onde se sentiu máis a gusto?
Francia gústanos moito. É un mundo aparte. Un escenario cálido, un aplauso distinto, un respecto diferente e grande aos músicos. Estivemos moi cómodos en sitios tan diversos como Polonia, Bruxelas e por suposto Lorient, un éxito total.

Durante moito tempo, e sinto dicilo, tiñamos a sensación de que estabamos máis cómodos fóra. Pero penso que é algo que ten que ver con que aquí aínda hai moito camiño no que se refire a valorar os nosos músicos. Creo que á fin van mudando as cousas. Así o percibimos cada vez máis e en cada concerto. Antes a sensación do público coas orellas limpas, máis aberto, atopábase máis fóra. Pero agora aquí xa hai menos prexuízos da xente á hora de escoitar novas propostas. E o noso é diferente, non hai outro grupo que soe igual.


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: