Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Programación para os próximos meses

Voando cara a terra, jazz... vizosa achega de verán no MARCO

Ademais das exposicións temporais, poderase asistir no museo vigués a concertos, proxeccións audiovisuais e actividades para diferentes grupos de idade.

Redacción - 09:30 17/05/2010
Taller E.P.S. Huayco: 'Sarita Colonia', de Marianne Ryzek (1980)

Taller E.P.S. Huayco: 'Sarita Colonia', de Marianne Ryzek (1980)

O 21 de maio arranca a nova programación do MARCO de Vigo, que se prolongará até o mes de agosto. Haberá un pouco de todo: exposicións temporais, concertos e festivais, audiovisual, actividades didácticas ou a festa do Día Internacional do Museo.

Durante este período de catro meses estará aberta a mostra Voando cara á terra / Flying down to Earth, proxecto gañador da convocatoria máis recente do Premio para novos comisarios, organizado polo MARCO e o FRAC de Lorraine de Metz. A proposta, do comisario colombiano Inti Guerrero, residente en Amsterdam, reúne traballos de artistas que tratan procesos e formas de relixiosidade en relación coa política, a memoria colectiva e a cultura popular dos seus contextos. Unha vez peche en Vigo, a exposición trasladadarse a Lorraine.

Dende comezos de xuño, na planta baixa poderase ver a 89 Km Colección CGAC, con obras da colección da sala compostelá. A selección, con máis dun milleiro de obras, chegan por primeira vez a Vigo da man da comisaria Virginia Torrente. No espazo anexo, até o 20 de xuño está aberta, dentro do ciclo Puntos de Encontro, a obra do artista mexicano José Dávila. Unha vez clausurada, comezará o proceso de transformación do espazo para acoller o proxecto experimental Hotel, de Michael Lin e RVR Arquitectos, que pretende transformar o lugar nun cuarto de hotel con distintos usos. Abir┼Ľa no outono.

Pero o MARCO tamén acollerá concertos. Do 28 ao 30 de xuño será a sede do sexto Festival de Jazz de Vigo, dentro do ciclo Imaxina Sons. As actuacións musicais estarán acompañadas de mesas redondas previas. O 9 e o 10 de xullo terá lugar no museo o festival Via Stellae 2010, que recala por segundo ano consecutivo na cidade de Vigo. Estará integrado polo ciclo Música e arte, con tardes de música e visitas guiadas en espazos singulares.

A oferta audiovisual consistirá no ciclo Centroamérica e o Caribe, complementario á XXXI Bienal de Pontevedra, que terá lugar do 13 ao 30 de xullo. Así mesmo, até o remate do curso escolar seguirán as visitas e obradoiros para grupos de diferentes etapas do sistema educativo, coa proposta Catro paredes e un banco, arredor da mostra de Candida Höfer. Tamén estará destinada a familias.

Do 6 ao 30 de xullo transformarase a oferta para cativos de a partir de tres anos, con diversos obradoiros de verán que terán lugar no Laboratorio das Artes polas mañás. Por último, o día Internacional do Museo, co lema 'Museos para a harmonía social' , celebrarase o 15 e o 16 de maio con obradoiros e audicións musicais en colaboración coa Fundación IgualArte e mais visitas guiadas ás exposicións temporais, con entrada libre e gratuíta.

Esta é só unha parte de todo o que se poderá visitar durante os vindeiros meses no MARCO. Na súa páxina web poderase seguir de preto a actualidade da programación.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: