Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Informe Anual da CSI

101 sindicalistas asasinados en 2009, case a metade en Colombia

A Confederación Sindical Internacional documenta un grave incremento respecto ao ano anterior: un 30% máis.

Redacción - 09:30 13/06/2010
En Colombia houbo 48 asasinatos

En Colombia houbo 48 asasinatos

O Informe Anual da Confederación Sindical Internacional (CSI) sobre dereitos sindicais, feito público esta semana, documenta un grave incremento no número de sindicalistas asasinados no mundo en 2009: 101 mortes, un 30% máis ca o ano anterior.

Case a metade dos crimes, 48, producíronse en Colombia. Ademais, 22 dos sindicalistas colombianos asasinados eran dirixentes sindicais, e cinco destes, mulleres. Porén, o Goberno do país sinalou que "só foron 28", xa que -argumenta- o informe "inclúe líderes sociais que non son líderes sindicais afiliados" ás centrais obreiras.

"Colombia volveu ser o país onde defender os dereitos fundamentais dos traballadores significa, con maior probabilidade que en ningún outro país, a sentenza de morte, a pesar da campaña de relacións públicas do goberno colombiano no sentido contrario, dixo Guy Ryder, secretario xeral da CSI.

"O empeoramento da situación en Guatemala, Honduras e varios outros países é tamén motivo de extrema preocupación", engadiu Ryder. Das 101 mortes, 16 producíronse en Guatemala, 12 en Honduras, seis en México, seis en Bangladesh, catro en Brasil, tres na República Dominicana, tres en Filipinas, unha na India, unha en Iraq e unha en Nixeria.

Tívose ademais noticia doutros 10 intentos de asasinatos e 35 ameazas de morte, máis unha vez en Colombia e Guatemala, principalmente. Doutra banda, numerosos sindicalistas permanecen en prisión, e en 2009 sumáronse a eles un centenar máis.

Presións aos traballadores
Ademais, os empresarios continuaron a recorrer a presións e accións encamiñadas a destruír os sindicatos. En varios países, diversas compañías ameazaron os traballadores con pechar as plantas de produción de optaren por se organizar ou afiliar a un sindicato.

O informe constata tamén que en 2009 se celebrou o 60º Aniversario do Convenio 98 da OIT sobre o dereito de sindicalización e de negociación colectiva. Países como Canadá, China, India, Irán, Corea do Sur, México, Tailandia, EUA e Vietnam aínda non o ratificaron.


Ligazóns

4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: