Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Actualidade

Ciencia fronte a prexuízos.

A normativa da Consellería de Educación comezou, no ano 95, un camiño tendente á capacitación dos máis novos nas dúas linguas oficiais (pois antes disto só a propia clase de lingua galega era impartida en galego) con modelos nos que, lonxe de segregar o alumnado por linguas, houbese convivencia entre eles. Agora damos un paso atrás aparentando tratar en pé de igualdade dúas linguas que na sociedade non gozan do mesmo status e tratando as linguas estranxeiras como se fosen cooficiais.

Manolo G. Turnes - 19:18 02/07/2010

Ao principio (Decreto 247/95) optouse por un modelo no que os resultados obtidos estaban lonxe dos teoricamente pretendidos: as materias que se estudaban en galego eran menos ca en castelán e ademais aquelas ás que familias e alumnado daban menos valor. A desfeita era tal que foi habendo modificacións nas que se ampliaban as materias en galego, cando menos sobre o papel, a outras "máis valoradas" como as Ciencias Naturais. Por fin os políticos chegaron a un novo consenso sobre outro modelo que, de aplicarse realmente, si debería conseguir a competencia bilingüe plena. Nestoutro modelo a lingua menos valorada socialmente había de ser empregada nas clases en igual ou maior número de materias cá lingua de máis prestixio e ademais nas materias de máis valoración social.

Razóns serias

A xustificación disto asenta sobre estudos científicos que nunca foron explicados á sociedade, o que permitiu a reacción que o PP aproveitou para botar abaixo o modelo, convertendo os prexuízos en suposta defensa da liberdade individual e o trilingüismo. Explico isto moi brevemente: A idea xeneralizada é que, de acordo coa imaxe, o coñecemento de dúas linguas implica un reparto do cerebro; o que un globo de coñecemento incha é espazo no que o outro non se pode expandir, véndose polo tanto limitada a aprendizaxe perfecta da outra lingua.

O común das linguas

Porén, especialistas tan prestixiosos coma Jim Cummins conclúen que o modelo real de aprendizaxe das linguas é máis ben estoutro, denominado modelo de competencia subxacente común:

Parece ser que o noso cerebro é máis listo do que aparentamos moitas veces: cando aprendemos unha lingua aprendemos moito máis ca vocabulario ou estruturas gramaticais; sobre todo incorporamos tamén sistemas para ligar lingua e pensamento que son comúns a todas as linguas (e non digamos se falamos de dúas linguas románicas). Por exemplo: cando aprendemos a lateralidade (esquerda/dereita) estamos aprendendo algo máis ca dúas palabras do noso vocabulario; o concepto queda, de xeito que para aprendermos unha segunda lingua non comezamos de cero, só cómpre coñecer as palabras coas que etiquetar eses conceptos (left/right, p. ex.). Así, cantas máis linguas coñecemos, máis doado é aprendermos as seguintes.

O aprendido nunha lingua pode aproveitarse para a seguinte.

Dito dun xeito máis académico: desenvolver unha das linguas é desenvolver o sistema cognitivo global, a capacidade comunicativa, a linguaxe. Baseándose nesta teoría, Cummins estableceu a Hipótese da interdependencia, segundo a que os coñecementos lingüísticos adquiridos nunha lingua se transfiren a unha segunda con tal de que se dean dúas condicións:

A primeira é QUERER aprender esa segunda lingua, é dicir, ter motivación para facer a transferencia de coñecemento xa adquirida na primeira lingua. Por outra banda, precísase unha axeitada exposición a esa segunda lingua, tanto desde un punto de vista cuantitativo (pasar moito tempo escoitando e tendo que empregala) coma cualitativo (estando exposto a unha expresión, dicción e uso da lingua correctas, ademais de variada nos diferentes dialectos e variedades locais da mesma e nas diferentes temáticas e rexistros (non falamos igual cando nos diriximos formalmente a alguén ca cando falamos coa familia ou cos amigos)

Aínda que habería que explicalo mellor e máis polo miúdo, estas son as razóns polas que só o alumnado escolarizado na lingua desprestixiada e que perde falantes remata sendo bilingüe: é inevitable o contacto coa lingua de prestixio (tampouco pretendería ninguén no seu san xuízo evitalo) e o ambiente favorece o interese por facer a transferencia, no noso caso do galego ó castelán. Véñenme á cabeza casos coñecidos de nenos e nenas entre 3 e 5 anos escolarizados en galego e con familia galegofalante "militante". Os compañeiros, os debuxos animados, etc. fan que cheguen a dominar perfectamente o castelán, cousa que non ocorre á inversa cos que se crían en ambiente monocolor castelanfalante. Por estas mesmas razóns, din algúns estudosos, podería ser máis proveitoso para a aprendizaxe do inglés que en Infantil asentasen ben galego e castelán e afonden neses fundamentos comúns das linguas ca ter unhas horas perdidas de clase de Inglés que van estar moi lonxe do mergullamento necesario para unha correcta aprendizaxe. Pero isto xa é outra historia.

Agora ben, falou Feijoo por boca de Anxo Lorenzo e dixo: decrétese que as tecnoloxías, matemáticas, física e química se estuden en castelán e a historia e a bioloxía en galego. Pregúnteselle aos pais, de acordo cos seus prexuízos, que lingua prefiren para os máis cativos. E quedou tan orgulloso que descansou, aínda que non de todo en paz, porque lle chiaban os oídos coas protestas da RAG, o Consello da Cultura, o Consello Escolar de Galicia e outros alborotadores radicais.

----

A modo de exemplo, dous estudos que demostran que o castelán non sairía perdendo coa potenciación do galego:

1.-Castelán en Asturias

Neste estudo chegouse á conclusión de que o alumnado que asistía a clase de asturiano e castelán tiña un mellor coñecemento do castelán có que só tiña clase de castelán. Teñen máis horas de lingua e reforzan os aspectos comúns das mesmas. Ademais, con isto o alumnado desenvolve a lingua propia e logo transfire os coñecementos á outra coa que ten contacto.
2.-Castelán en Cataluña

O dominio do castelán no conxunto de España non difire globalmente do de Cataluña, onde o ensino é todo en catalá agás a clase de lingua castelá, se ben hai pequenas diferenzas nos ítems.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



As linguas non son globos que ocupan espazo no cerebro.
As linguas non son globos que ocupan espazo no cerebro.
Competencia subxacente común
Competencia subxacente común
Fonte: Huguet (2003). Coñecemento de castelán. Sexto de primaria
Fonte: Huguet (2003). Coñecemento de castelán. Sexto de primaria
O dominio do castelán no conxunto de España non difire globalmente do de Cataluña
O dominio do castelán no conxunto de España non difire globalmente do de Cataluña