Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Modificacións a raíz da sentenza do TC sobre o Estatut

"Nazón" de PSdeG

O PSdeG presenta o seu documento base para reformar o Estatuto de Autonomía, onde recupera a fórmula 'Nazón de Breogán' defendida por Touriño en 2007.

Redacción - 12:00 03/07/2010
Manuel Vázquez e Francisco Caamaño

Manuel Vázquez e Francisco Caamaño

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, presentou un documento para que sirva de base para reformar o Estatuto de Autonomía que, no seu preámbulo, recupera a fórmula 'Nazón de Breogán', proposta en 2006 polos socialistas para intentar alcanzar un consenso na definición de Galiza.

Os socialistas aseguran que a súa proposta "adapta" á sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut o documento pactado nun 90% entre as tres forzas con representación no arco parlamentario galego en 2006.

En xaneiro de 2007, Touriño (PSdeG), Anxo Quintana (BNG) e Alberto Núñez Feijoo (PPdeG), tentaron consensuar o texto mais non chegaron a superar as súas diferenzas sobre a identidade de Galiza, o estatus da nosa lingua e algunhas cuestións sobre financiamento autonómico.

Despois de que na súa Conferencia Política de xuño o PSdeG dese por pechado o debate, agora o líder socialista retoma a proposta de Touriño de incluír a referencia á palabra 'nación' a través do Himno, coa fórmula 'Nazón de Breogán', formulación que fora aceptada polo entón dirixente nacionalista, mais non por Feijoo, que propuxera utilizar "sentimento nacional".

Pachi Vázquez incidiu nesta denominación ironizando ao dicir que supón que o presidente da Xunta "non terá pensado cambiar o Himno". Ademais, alegou que, aínda que o preámbulo "non ten valor xurídico", si ten "valor de compromiso co país, coa súa cultura e co seu Himno".

"É unha mostra de respecto", aduciu, a pesar de mostrarse consciente de que "a clave" do Estatuto é a obtención de maiores cotas de dereitos, un novo modelo de financiamento, máis competencias ou a obriga de investimentos. "Isto é o que fará mellorar a vida dos galegos", concluíu.

Preguntado pola posibilidade de rebaixar a definición de carácter nacional no caso de que as negociacións volvesen encallar por este motivo, Vázquez advertiu de que o texto galego "ten que ter en todos os ámbitos, polo menos, o mesmo que o que máis teña". "Alguén que queira a Galiza non lle pode negar a súa identidade e a súa cultura recoñecidas dentro do marco constitucional", dixo.

Modificacións no documento base remitido
Logo de informar de que xa remitiu o documento base aos líderes de PPdeG e BNG, advertiu o partido que lidera Feijoo de que a súa formación o presentará como unha proposición de lei no caso de que o próximo curso político non se inicie o debate sobre a reforma estatutaria. Deste xeito, os grupos terían que explicitar no Hórreo a súa postura ao respecto da modificación do Estatuto vixente desde 1981.

Galiza, dixo, non pode estar no "tren de cola" das reformas estatutarias no Estado, xa que foi unha das "tres primeiras" en contar con el. "O bo que ten ir de sétimos é que ninguén terá un estatuto constitucional con máis dereitos", argumentou, en alusión a que xa se coñecen as "liñas vermellas" marcadas polo TC unha vez coñecido o texto catalán.

Manuel Vázquez reclamoulle a Feijoo que "abandone o escapismo" e deixe de actuar como "escudeiro de Rajoy", porque están en xogo alternativas como crear unha Axencia Tributaria galega, un Instituto de Finanzas e outros elementos parar "saír da crise e sentar o futuro de Galiza".

No documento do PSdeG utilizouse a sentenza do TC sobre o Estatut para modificar os puntos que foron declarados inconstitucionais. Por exemplo, o que alude ao Consello Galego da Xustiza -cunha redacción similar ao texto catalán- ou a retirada da palabra "preferente" no ensino referido ao galego; mentres as competencias sobre as caixas de aforros pasan de ser exclusivas da comunidade a compartidas co Estado.


4.3/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: