Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara a unha federación conxunta

Unha decena de asociacións unen voz diante de "situacións graves para o futuro cultural e nacional"

De xeito específico pronúnciase a prol dun "Panteón Nacional público e laico" e reclaman accións da Xunta para facerse coa titularidade do recinto.

Redacción - 12:55 05/07/2010

Desenvolver proxectos conxuntos e reaxir con rapidez e eficacia "diante de situacións graves para o futuro cultural e nacional do país". Son obxectivos das dez asociacións culturais de diferentes puntos de Galiza que se reuniron a pasada fin de semana en Santiago de Compostela para analizaren conxuntamente a situación cultural do país. A xestión en materia de cultura do actual Goberno ou as necesidades de intervención cultural de base estiveron entre os asuntos tratados. Por outro lado, cara ao futuro, as asociacións decidiron artellar unha entidade federativa a través da cal desenvolver proxectos conxuntos e traballar coordinadamente.

De xeito específico, os colectivos presentes aproveitaron para pronunciarse ao respecto da recente polémica sobre o Panteón de Galegos Ilustres. No comunicado conxunto enviado aos medios esta segunda feira, manifestan o seu "total desacordo coa privatización e peche" deste recinto e expresan a "perplexidade e desinterese" polo que consideran que é unha "falta de reacción" por parte da Xunta. "Cerrar un espazo onde repousan símbolos da cultura nacional como Castelao e Rosalía mostra, cando menos, unha tremenda falta de sensibilidade por parte da Igrexa", censuran.

Do mesmo xeito, pola parte que lle toca ao Goberno, reprochan que "asumilo como algo normal, sen o menor intento de solución, amosa a despreocupación e o desprezo pola nosa identidade e pola nosa cultura". As asociacións culturais unen voz na reclamación dun Panteón Nacional "público e laico", e agardan que a Xunta desenvolva as xestións necesarias para se facer coa titularidade do recinto.

Tomaron parte nesta primeira reunión os seguintes colectivos:
Alexandre Bóveda (A Coruña)
A Pomba do Arco (Foz)
Auriense (Ourense)
Campo de Estrelas (Comarca de Compostela)
Maio Longo (Pontevedra)
Medulio (Ferrol)
Meiramar-Axóuxeres (Morrazo)
O Galo (Santiago de Compostela)
Solfa (Santiago de Compostela)
Vagalume (Tabeirós-Terra de Montes)


4.64/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: