Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOTA DO EDITOR

Até sempre

Hoxe, 24 de xullo de 2010 e véspera do Día Nacional, Vieiros pecha logo de 15 anos de ilusión e esforzo por manter o medio que sempre soñaramos.

Lois Rodríguez - 00:00 24/07/2010
Tags:

Nacemos cando a rede galega estaba aínda en cueiros e ningún medio do país estaba na web. Tivemos a mesma forma de entender Galiza que aquela revista homónima do exilio liderada por Luís Soto: un país moderno e aberto ao mundo, sen complexos e con todo o futuro por diante.

Vieiros foi desde o comezo unha iniciativa aberta e independente, que pretendeu abeirar a toda a comunidade de galegos alí onde estiveren, na crenza de que Galiza non é só un territorio, senón tamén un espazo de comunicación. E nese espazo, Vieiros converteuse no cerne de múltiples proxectos, tanto propios como alleos. Do seu impulso xurdiu o primeiro especial electoral on-line (Eleccións Galegas de 1997), a primeira ciber-charla cun persoeiro (Isaac Díaz Pardo), o primeiro vocabulario sexual realizado coa colaboración dos lectores, a primeira experiencia de creación literaria en rede (Por conto alleo, de Camilo Franco), ou a creación de ‘A Polo Ghit’, o primeiro concurso da canción galega do verán.

Como punto de referencia dos internautas galegos no mundo, Vieiros chegou a ter até máis de trinta correspondentes-colaboradores en diferentes lugares do mundo: desde Gotemburgo a Nova York pasando por Bos Aires e O Bierzo . Asemade, deulle abeiro a colectivos e outras publicacións, como o IGADI, Tempos Novos, Canal Ciencia, Federación Ecoloxista Galega ou Irimia.

Mais foi o labor informativo diario o que consolidou Vieiros como medio de referencia da Internet galega, sobre todo a partir do Prestige, cando -cun esforzo informativo sen precedentes- acompañamos a resposta social diante da catástrofe mentres a meirande parte dos medios maioritarios miraban cara a outro lado.

Sen embargo, e a pesar dos seus máis de 20.000 lectores diarios, Vieiros nunca foi un medio rendible e necesitaba absorber parte dos recursos necesarios para sobrevivir dunha empresa do mesmo accionariado.

En xuño de 2009, nunha situación de aparente bonanza económica no seo das dúas empresas, unha auditoría externa desvelou irregularidades económicas e administrativas de extrema gravidade, cuxa responsabilidade foi asumida por escrito polo daquela xerente e apoderado das empresas, Óscar Martínez, quen terá que responder diante da xustiza.

Este proceso levou ao peche da outra empresa e de forma inmediata deseñouse xunto cos traballadores un plan de viabilidade para salvar Vieiros, cousa que non foi posible dada a gravidade da situación, á que houbo que sumarlle o duro golpe da crise económica.

Foi pois un ano moi difícil no que empresa e traballadores intentamos de todos os xeitos manter acesa a estrela de Vieiros, pero chegou a hora de renderse.

Neste momento, só resta darlles as grazas a todos os lectores, aos que creron neste proxecto, colaboraron nel e puxeron o seu grao de area para que outro xornalismo galego fose posible. E moi especialmente aos traballadores e aos opinadores, pola súa entrega e compromiso inesgotable.

Foi un pracer. Até sempre.

Lois Rodríguez, editor de Vieiros


4.71/5 (722 votos)