Teño comentado en múltiples ocasións, públicas e privadas, que os antigos gobernos de Fraga non facían políticas senón que facían campañas: a propaganda creaba a ilusión colectiva da existencia de feitos. A realidade logo ía por onde lle cadraba. Por iso cando fai uns días, sentado no cine, vin a última campaña propagandística da Xunta, concretamente da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, unha sensación de déjà vu invadiume.
O resume e lema de dita campa é que “onde vivimos importa”. Non podería estar máis de acordo con esta sentencia. Subscríboa plenamente. Agora ben a campaña é, na miña opinión, completamente fallida e incluso innecesaria. Vexamos porqué.
Un dos factores do cambio político foi o maltrato xeralizado ao territorio, ao país, a arbitrariedade e a trama de intereses que sufría. Un bo grupo de votantes estaban fartos de tanto deslexo e violencia, outros obviamente non. Así que se esa campaña vai para os pre-concienciados, o Goberno debería saber que xa están (estamos) moitísimo máis aló e que non nos fai falla ningunha campaña: eles gobernan porque nos así o decidimos e non queremos spots, queremos feitos. Por qué me atrevo a dicir isto? Porque a sociedade civil volta a reorganizarse contra as agresións ambientais, territoriais, etc. ao marxe do Goberno e así recentemente montouse unha nova plataforma chamada Galiza non se vende.
Respecto aos votantes non concienciados, ou os non votantes, teñan por seguro que as campañas propagandísticas pouco lles importan: curiosamente sae nas imaxes unha parella nova nunha casa contemporánea; dubido que os meus parentes que viven en casas ladrillo-vista, fibrocemento e solucións imaxinativas (vamos, o que os urbanitas galegofalantes chaman feísmo) se sintan identificados ou aludidos por tal plantexamento, é máis, dubido que o entendan ou mesmo que cheguen siquiera a percibilo no medio da fervenza navideña de anuncios de colonias e xoguetes mentres papan as frebas da última matanza (incruenta eso si).
En definitiva, dende o meu punto de vista, innecesaria e pouco útil. Agora ben, se cadra equivócome por completo: é posible que esa campaña estea dirixida a propia Xunta para non esquecer en ningún momento cáles son as súas obrigas. É posible que estea dirixida á Consellería de Pesca para que non poña as piscifactorías sobre espacios naturais. Se cadra está dirixida á Consellería de Industria para non facer máis parques eólicos nas serras, protexidas legalmente ou non, para que pare a desfeita paisaxística, é posible que queiran tamén deter as centrais hidroeléctricas en construcción e autorizadas ou se cadran teñen que lembrar paralizar as canteiras do Caurel e Valdeorras o as areeiras da Terra Cha. Ten que ser, seguro, que a campaña está dirixida á Consellería do Rural para que dunha vez aposte polo rural en vez de desfacer o país con obsoletas concentracións parcelarias executadas ilegalmente en lugares de gran interese ambiental como o e Vilatuxe en pleno LIC do Candán, para que deixe de plantar piñeiros e abrir pistas no monte, como a navallada que lle meteron ao Monte Louro (tamén en Rede Natura 2000).... O anuncio tamén será visto na Consellería de Medio Ambiente, concretamente en Calidade Ambiental e Conservación da Natureza, responsábeis de vixiar e gardar o noso patrimonio.
Porque todo eso é máis é o noso territorio é hora de esixir políticas reais e non propaganda que inda por riba traslada aos cidadáns responsabilidades que nos mesmos lles outorgamos co noso voto. E non só responsabilidades senón tamén culpas, moi cristián sen dúbida pero pouco atinado.
A mellor campaña a favor do territorio que a Xunta pode facer é a de dar exemplo. Mentres, érgueste unha mañá e atopas que a túa casa é unha desfeita.
moita razón!. cambiaron os politicos pero non as políticas.
de feito son dos que pensa que os que toman as decisións políticas son as empresas, o poder público dirixido e orientado polo poder privado das grandes corporacións transnacionais.
o mundo o revés!!
parabéns polo artigo! e aínda sumaria o facto do esbaldimento de cartos que supóm que a conselharia do ambiente gaste em planos de conservaçom de espécies em perigo de extinçom e no entanto outras conselharias aprovem e promovam actuaçons que podem rematar com essas espécies.
Na aldea de Perros,concello de Sarria,un residente previo arboricidio de castaños centenarios,pechou parte dun souto con alambrada e bloques,este souto sempre estivo aberto e foi de disfrute colectivo,pois nel atopasa unha capela,donde celebrase cada primeiro domingo de agosto uhna festa, este souto esta en pleno Camiño de Santiago,e xa aparece no diccionario de P.MADOZ do ano l849,esto atenta claraamente contra ley de proteccion do Camiño de Santiago,ley do patrimonio cultural galego,dereito civil, e tamen temos un documento donde indica un camiño publico por parte do peche, temolo denunciado o concello de Sarria, e Xunta,asociacion amigos do souto reinvindica un area de ocio e descando para rematar liortas propias doutros seculos,nesta aldea son os orixines da nai de F.MARTIN SARMIENTO, que ben poidera ser na sua honra pos pasou moi esquecido na aldea e no concello no ano das Letras Galegas.
Parabéns polo artigo, señor Pumariño. Agora ben, dicir que Vilatuxe é un lugar de grande interese medioambiental paréceme unha esaxeración. ¿E quen lle di ós nativos de Vilatuxe que por estar nun lugar tan interesante non teñen dereito a unha concentración racional dos seus terreos?
Mais se andamos no mesmo Réxime, resulta que tampouco cambiamos de políticos, ou o que é, os políticos son indistintos (tanto da cal)unha vez ocupan un cargo porque cumpren cs funcións do mesmo. Ou qué!
Supoño que foi tanta a desfeita que esperabamos resultados inmediatos desta nova Administración. Agora ben, e compartindo a crítica do autor do artigo, eu simplemente esperaba que este novo goberno impulsara, dunha vez por todas, outra forma de facer política por parte das distintas administracións.Baratísima e supoño que de fácil consenso: suprimir valados publicitarios, os contenedores de lixo a vista, os cableados nas fachadas, as marquesiñas de latón ou plástico no medio do campo, etc, etc, etc.
Naceu en Lugo e vive en Santiago de Compostela. Biólogo, traballa coma consultor ambiental e leva máis de vinte anos vencellado ao movemento ecoloxista.