Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Atila en Galiza

12:26 20/05/2008

Unha das leis máis interesantes que o goberno bipartito saca adiante, a lei sobre a paisaxe, non está a recibir cobertura mediática á altura do que merece nin da transcendencia que (quizais) vaia ter dita lei. Tampouco vexo que na rúa nin en ámbitos máis concretos haxa moito debate sobre o tema, a pesares das xornadas que organizou o Consello da Cultura Galega. Non sei cal pode ser a explicación ante tal mostra de molicie. A non ser, claro está, que a paisaxe nos sexa completamente indiferente. Quen o diría!

Poderiamos verter toneladas de análises conceptuais sobre a paisaxe, a súa concepción teórica, acepcións en diferentes linguas, culturas e contextos, as súas compoñentes, percepción, obxectivación, etc. pero quizais baste dicir que efectivamente é algo subxectivo, inda que non por iso pouco importante ou obxectivable; podería dicirse, intersubxectivo.

Así que unha lei sobre a paisaxe vén a darlle caracter xurídico a un ben. Ata agora non o tiña. Podiamos dicir que tal ou cal actuación estragaba tal ou cal paisaxe en maior ou menor medida sen que iso tivera maior transcendencia que un berro no medio dunha noite solitaria. Tamén vén a cualificar e cuantificar as paisaxes, en certo modo a darlle contido á intersubxectividade de todos os galegos e galegas (ou non).

Así que políticos de todas as divisións e pelaxes, técnicos, empresarios, cidadáns de todo tipo, lugar e condición non saben o que se lles vén enriba. Creo que algúns (políticos) poderán pensar que como aprobaron tan demoníaco instrumento porque, en definitiva, a valoración paisaxística vaise ter que incorporar aos estudos de avaliación ambiental estratéxica, aos estudos de impacto ambiental, etc. Ningún plan, programa ou proxecto que teña caracter territorial vai quedar á marxe. Sen dúbida debería ser unha celebración para todas aquelas persoas que teñan un mínimo de sensibilidade polo territorio, un mínimo de amor polo país, un mínimo de responsabilidade coas xeracións futuras, un mínimo de consideración polo medio ambiente e un mínimo de respecto pola memoria colectiva e a historia.

Ata aquí todo ben. Quizais habería que preguntarse se a lei chega tarde ou considerar que chega cando pode chegar.

A outra cara

O que realmente é preocupante é se vai servir para algo, para preservar algo, algunha cousa, algo pequeno, mínimo. Dígoo á luz das últimas decisións do goberno galego que saca esta lei. Destaco, inda que habería varias máis, cinco:

1. O plan acuícola que estragará paisaxes litorais de excepcional valor por moito que fagan marabillas para esconder as piscifactorías.

2. A nova lei da minería recentemente aprobada e que legalizará ilegalidades que supoñen auténticas brutalidades paisaxísticas. Qué se pode dicir que non estea xa máis que dito?. Se se trata de postos de traballo, suxiro legalizar o tráfico de estupefacientes, de armas, de madeira ilegal, a prostitución, as carreiras ilegais de coches, etc. A de postos de traballo que sairían á luz!. Sen dúbida, axudaría que as corporacións bancarias galegas tiveran participación nestes negocios.

3. O novo plan eólico. Baste dicir que neste momento hai instalados uns 2000 MW, pois ben, pretendese chegar aos 6500 MW co que de facto converteremos o país nun gran espazo industrial. No futuro rara será a serra, monte, outeiro o prego do terreo que non luza un parque eólico. O seu impacto territorial pode ser 1.000 veces o do plan acuícola pero claro, no interior do país non queda ninguén.

4. A nova lei forestal permitirá a degradación dos nosos montes en función da súa industrialización que levará aparellada a súa simplificación e uniformización. Os incendios que esta lei está a prender (en 15 anos aproximadamente) farán o resto.

5. As concentracións parcelarias que destrúen de xeito fulminante algunha das paisaxes máis valiosas do país: o mosaico agrosilvopastoral, producto da interacción secular entre a natureza e o home. Cómpre dicir que o paradigma da concentración como dinamizador das rendas labregas non se sostén hai anos, pero hai que facer un canto á inercia, perversa manifestación do conservadorismo. Sería máis interesante traballar os recursos humanos e a comercialización, claro que iso é máis complexo e habería que comezar admitindo que os recursos humanos son mellorables.

Chama poderosamente a atención que o bipartito estea participado por unha formación nacionalista. Ao final, en nome do país estrágase o país coma se fose en nome de Deus, de Alá ou dalgunha exótica divindade sen cuestionamento ningún, inda que dende a consellería de cultura se fagan chamamentos á preservación do patrimonio por parte dos cidadáns. Nada que ver coa postura mantida hai unha década co gallo dos parques eólicos do Xistral. Só falla dicir “é que agora o facemos nós”.

E quen pode facer algo? Ten senso a estas alturas? Visto dende fóra, o ecoloxismo galego atravesa horas baixas, dos partidos mellor esquecer. Tan só “Galiza non se vende” parece ter algo que dicir, en definitiva, unha plataforma cidadá aglutinadora de sensibilidades pero que ten diante un muro. Así que non se pode ser optimista.

Ide sacándolle fotos as paisaxes que vos gusten.

4,4/5 (50 votos)


Comentarios (13)

lourentia #1 20/Maio/2008 lourentia

Artigo valente. Que tomen nota no bipartito

alog #2 20/Maio/2008 alog

Moi bo artigo. Estou de acordo co que dis pero sempre me xurde unha dubida por un lado queremos que a xente nova non emigre, para non emigrar temos que facer empresas e as empresas consumen recursos naturais. Evidentemente o camiño non é as piscifactorias...

signatus #3 20/Maio/2008 signatus

"Visto dende fóra, o ecoloxismo galego atravesa horas baixas", "Tan só “Galiza non se vende” parece ter algo que dicir". Estas duas frases (consecutivas, ademais) som contraditórias: a Rede Galiza Non se Vende é fruito (e parte) do ecologismo galego, dum modo concreto de entender o ecologismo, ademais.

pitelo #4 20/Maio/2008 pitelo

a verdade, é k lendo ó artigo poñome triste de karallo, o k máis me gusta de galicia estase estragando. O futuro estase vendo con moito pesimismo, parece que non hai acougo para a xente que de verdade sentimos á terra.

GALIZA CEIBE, de industrias devastadoras (piscifactorias, canteiras....)cando non kede de onde chupar, a ver se papan ós cartos.

galeguzo #5 21/Maio/2008 galeguzo

Verdades coma punhos.

borneira #6 21/Maio/2008 borneira

Non lle saques fotos á ría de Vigo
Ven o domingo ás doce a Vigo, á Praza da Estrela
Manifestación contra a destrución da ría
A RÍA NON SE VENDE
GALIZA NON SE VENDE

Gaviotero #7 21/Maio/2008 Gaviotero

El problema es que recurrir al medioambiente permanentemente como eje del discurso político cuando la libertad de las personas está en juego por la imposición del gallego o cuando directamente se asesina a gente aquí al lado por razones políticas (ETA) pues resulta que no cuela.

A la gente se le puede intentar teledirigir con discursos y rollos medioambientales, pero cuando llega la crisis económica, a la gente le preocupa su bolsillo, y cuando tienes que educar a tus hijos, a los padres les preocupa la libertad para educarlos.

Y más que miran hacia otro lado los políticos de la Junta en relación a la crisis, a la falta de libertad de la que ellos son causantes e incluso al problema etarra...

Treixadura #8 21/Maio/2008 Treixadura

Fantástico artigo . A paisaxe e un dos elementos que mais impacto ten na nosa vida e na nosa saude. Dende o Ribeiro engadiriamos as múltiples desfeitas citadas , a macrocentral de tratamento de refugallos que se pretende montar na comarca do Ribeiro a menos de 2 Km dos núcleos de poboación e nunha terra agrícola dende séculos e das mais rícas en recursos hidrográficos. Para SIGNATUS ,matizar que GALIZANONSEVENDE non e un movemento ecoloxista , aglutina a moitos colectivos cidadans e eles foron os que impulsaron este movemento, non os ecoloxistas, ainda que alguns estan integrados na rede . ¿ Os motivos ? . Quedan ven claros neste artigo , decepción política e ecolóxixa. O muro esta feito de cemento pero merece a pena intentar derribalo.
http://www.espacioblog.com/avi...

signatus #9 21/Maio/2008 signatus

#8 Treixadura: A Rede Galiza Non se Vende aglutina a colectivos ecologistas, vizinhais e outros, nem todo o ecologismo está aí nem todo o que aí hai é ecologista. Contodo, GNSV foi impulsada desde o ecologismo e o seu discurso é ecologista, já que logo, fai parte do ecologismo, ao meu ver.

ecoe #10 21/Maio/2008 ecoe

Qué entidades agocha Atila e desde qué ubicacións actúa?

mceleiro #11 21/Maio/2008 mceleiro

#9 E amais é independente, nasce dos problemas internos de grupos ecologistas "tocados/silenciados" desde arriba. Sociedade civil em estado puro, independente e valente. Como movimento leva o espírito do NUNCA MAIS com coragem, acrescentando o NUNCA MAIS FICAREMOS EM MODA PASSAGEIRA OU MERCHANDISING, como afinal resultou aquele movimento, capitalizado por muitos dos que melhor não falar.

OIIIIOOOO #12 22/Maio/2008 OIIIIOOOO

XD. É mellor morrer que aturarvos.

"""Ídelle sacando fotos ás paisaxes que vos gusten""" ¡Vai rascar os pés!

Borneira!!! ti si! un bico coma un mundo.

sozinho #13 22/Maio/2008 sozinho

Só o coñecemento e o bo criterio pode unir aos grupos ecoloxistas, e moitas veces un illacionismo (non lingüístico) lévanos a só ver Galicia e os seus gurús. Resúltame moi sospeitoso que aquí non dean callado grupos como Ecoloxistas en Acción, ADENA, SEO, etc. A única honrosa excepción é Amigos da Terra, inda que haxa contactos e incluso algún grupúsculo en Ourense. Greenpeace mellor non falar. Se todos estes movementos internacionais non se permiten, e o nacionalismo real (que non a ideal defensa da deiversidade cultural, algo que si defende Greenpeace e moitas outras) está ligado a todo movemento ecoloxista, estámoslle dando a razón, como sociedade, aos que critican ao nacionalismo galego por totalitario. Máis pluralismo, menos atomización e máis criterio é o que necesitamos no ecoloxismo como sociedade.
Saúdos e parabéns polo artigo.
PD: Para G. Paradoxo do ultra-liberal: Contra o totalitarismo hai que ser enérxicos, un goberno forte e sen ministros díscolos nin "alfombrillas": a ditadura é a mellor solución!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vázquez Pumariño

Xabier Vázquez Pumariño

Naceu en Lugo e vive en Santiago de Compostela. Biólogo, traballa coma consultor ambiental e leva máis de vinte anos vencellado ao movemento ecoloxista.