Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Cambio climático, en serio?

09:33 14/05/2007

Nestes últimos meses é difícil abrir un xornal, prender a radio ou a televisión e non ter varias novas sobre cambio climático: gobernos que toman medidas, empresas que se poñen as pilas, expertos que alertan das consecuencias, que explican os procesos, tertulianos todólogos que descobren mediterráneos climáticos.... E eu, persoalmente, confeso que xa estou farto, todo cheira a moda.

O do cambio climático e o famoso efecto invernadoiro son cuestións que para un reducido número de persoas é un fenómeno que se comezou a falar hai xa uns trinta anos, así que esta especie de febre climática actual é unha medida, en certo modo, do que tarda en pasar o debate dende círculos científicos e ecoloxistas á sociedade en xeral, tres décadas. Sirvan estas verbas como (auto) homenaxe á persoas e colectivos, de aquí e acolá, que hai xa moitos anos estabamos preocupados por este fenómeno global.

Cumpriría preguntarse por qué se tardou tanto logo; obviamente pola presión en contra dos lobbys correspondentes: o enerxético, o petrolífero, o automobilístico... asociados a determinadas marionetas políticas, por exemplo sucesivos gobernos republicanos nos Estados Unidos, tépedos gobernos demócratas e papanatismo europeo. Neste contexto é impagable a labor feita por determinados científicos cuestionando resultados durante máis de tres décadas; a cuestión estaba clara e o único que fallaba por coñecer era a magnitude do fenómeno e a súa escala temporal. Aínda descoñecemos cousas, obviamente, pero iso non debería ser impedimento para actuar.

Agora, coa moda climática, parece que a cousa vai en serio. Parece: se ben todo o mundo ten na boca o quentamento global, ninguén parece disposto a facer nada serio por mudar a situación. Salvo propaganda. E negocios.

O núcleo do problema está na producción de enerxía a escala global, obviamente é unha cuestión a resolver pero neste contexto hai que lembrar que o único watio limpo é aquel que non se consume. Esto contrasta co brutal incremento do consumo enerxético, a pesares de que parte desa enerxía xa é renovable nunha fronteira diluída entre o negocio e a especulación con cachondeo incluído: agora resulta que as grandes eléctricas son as compañías máis “sostibles” e para que o saibamos fannos anuncios con xente guapa, paxariños silvestres e idílicas paisaxes. Vale.

Se esto fora en serio, e centrándonos xa en Galicia, habería que mirar canto se destina a aforro enerxético en contraposición co que se destina á producción, habería que contrastar cánto se destina á cambio climático e cánto se destina ao transporte privado por estrada, é dicir, cántas autoestradas están neste momento a ser construídas e/ou ideadas? Por poñer exemplos concretos, por qué se está a facer unha autoestrada entre Lugo e Monforte por Sarria, habendo unha liña de tren paralela e semiabandoada a 20 metros? Por qué se está a facer unha autoestrada Brión- Compostela en vez dun metro ou tren lixeiro de superficie? E así poderíamos recitar, sen pensalo moito, unha ducia de lamentables exemplos. Esas autoestradas terían estado ben, hai 80 anos, xustamente, non hoxe. Por outra banda, os vehículos son cada vez máis potentes (compárese un coche medio dos 70 cun dos 90 ou cun de hoxe en día), claro que dirán os tecno entusiatas que hoxe en día son máis eficaces. Poderíamos pensar en reducir os límites de velocidade en estradas e autoestradas como fai non moito fixeron en Bélxica, pero claro aí están os lobbys do motor cos seus símbolos: a Fórmula 1, o Dakar, o mundial de motos, etc,  a santa velocidade.

Pero podemos seguir: por qué se subvencionan os voos de baixo custe? Qué interese pode ter o Estado en pagar románticos fines de semana en Roma?

Claro que o de culpar as persoas dásenos moi ben. É bonito poñer a parir aos que empregan enormes e estultos 4x4 dicindo que contaminan moito, pero sendo esto rigorosamente certo, o que realmente nos fode é a súa arrogancia e poderío económico. Postos a poñer a parir é moito máis útil perseguir aos camións, é dicir ao transporte de mercadorías por estrada; por qué non viaxa todo por tren, por un tren eficaz.  Postos a pensar, por qué glorificamos o sector da construcción como motor económico cando é un sector que derrocha envía fervenzas de CO2 á atmosfera. E falando de construcción, quén son os responsables da planificación territorial que obriga a miles de cidadáns a vivir na periferia das cidades e empregar o vehículo privado da cotío?

O problema é que para todo esto hai que pensar, tomar decisións importantes, efectuar quizais algún pequeno sacrifico: todo elo medidas levemente impopulares que ningún dos nosos políticos teñen o que hai que ter para por en marcha. Nin nos tampouco. Pero benvida sexa a moda climática.

4,14/5 (22 votos)


Comentarios (7)

arzaya #1 14/Maio/2007 arzaya

Certo. Pero aínda que vaiamos todos os galegos e europeos en autobús, a potenciación do cambio climático polo home non se parará se os países de economías emerxentes e os EE.UU non fan nada para evitalo. Pensemos en China, qué tipo de control ecolóxico se fai nese país. É máis, como cambiar unhas decisións políticas sen democracia? Como cambiar a vida das clases medias e altas dun país (EEUU) que empregan o coche para todo, e que viven comodamente e ricamente nun sistema ecoloxicamente insostible? Efectivamente nós tamén somos responsables, só que hai cousas que un pode evitar, outras dificilmente. Se temos que ir traballar a Romeor (Courel) en que imos? en ferrocarril?

DanielErreCe #2 14/Maio/2007 DanielErreCe

Está visto que o ser humano só lembra a Santa Bárbara cando trona. Cando o problema estoure sen solución, cando inundacións, secas, fame e pandemias crucen as fronteiras entre os ricos e os pobres... cando as corporacións capitalistas xa non poidan espremer máis o planeta e a humanidade... só entón tomaremos en serio o impacto deste tren de vida sobre o planeta... Pero agora quen pensa niso? Ademais, non serán lerias deses iluminados ecoloxistas?

Barcelos #3 14/Maio/2007 Barcelos

Tocaches un tema que moi poucos tocan. O tren. O ferrocarril inventouse a principios do século XIX e en España pouco avanzaron e en Galicia aínda menos. Con bos ferrocarrís, metros e tranvías poderiamos viaxar máis rápido e de forma menos contaminante. Ainda que ao Caurel habería que ir en bici, en burro o en coche eléctrico o con gasoil de toxo o de algas.

Respecto ao cambio climático de acordo contigo en que é unha moda, como a do Camiño de Santiago. Pero iso non é malo se serve para que algúns, especialmente os EE.UU deixen de encher a Terra de lixo, merda, bombas e mortos.

Empecemos por reciclar ao Bush.

lavesedo #4 14/Maio/2007 lavesedo

Pois eu penso que a moda climática vén apoiada polo lobby da enerxía nuclear, así que a ver que facemos....

DanielErreCe #5 15/Maio/2007 DanielErreCe

Probabelmente sexa un debate promovido por distintos sectores do lobbie enerxético. Como apunta lucidamente Xabier V Pumariño, hai quen está aproveitando para facer negocio porque a construción está deixando de ser o motor económico conxuntural. Que outros elementos tan cautivos como a demanda enerxética poden blindar o poder financeiro en épocas en que o negocio da vivenda da signos de esgotamento? O enerxético é un deles, así como o tecnolóxico e o do transporte (tanto no que respecta ao modelo de vehículo como no modelo de infraestruturas). En calquera caso, o cerne de todo crecemento está hoxe no consumo de enerxía. É iso significa que o debate no é unha simple confrontación de intereses locais (falo de rexións planetarias), que tamén, senón de perspectivas de futuro global. Non será o debate da sustentabilidade unha das encrucilladas que pode marcar para sempre un futuro críbel para a humanidad? Lonxe das modas, coido que cómpre parar a pensar en que medida a cidadanía pode contribuír a que este debate sexa todo o rigoroso que merece e, sobre todo, que as solucións que se albisquen teñan o compromiso da posibilidade e do ben común. Apunto unha pregunta concreta: pode entrar a cidadanía, actualmente e baixo estas condicións económicas de libremercantilistas entrar neste debate para ser motor de cambio e non mero usuario/consumidor?

Kandpalleiro #6 16/Maio/2007 Kandpalleiro

Un artigo de altura, claro, conciso, directo... Xa lle gustaría a moitos "periodistas" escribir algo así.
Estou tamén coa visión de DanielErreCe no que o troco de tornas das rendabilidades é o que está a 'por de moda' o tema da sustentabilidade para levalo cara ó terreo que lles interesa (Eolicas, nucleares, biodiesel...).

eugalego #7 16/Maio/2007 eugalego

EXTINCOM-DESAPARICOM.

Nom e a primeira vez q falo do tema. O ser humano nom estapreparado pra a supervivencia. O efeito invernadoiro, a deforestacom, extincoms massivas, a polucom, os mares esnaquizados??
Tendes filhos, sobrinhos, netos?? Q futuro lhes espera?? Secas, inundacoms, fame, emigracom, guerra, morte, xenocidio, extincom...
Exemplos passados, civilizacoms desaparecidas
-Maia
-Crescente fertil
-Ilha de Pascua
-Tasmania
Animais extinguidos:
-Paxaro elefante
-Ave Moa
-Lobo marsupial
-Orangutam continental
-O dodo
-Tigre do Caspio
-Leom de Anatolia

Especies em caminho, lugar q um dia, neste seculo ou no seguinte, ocupara o ser humano:
-A beluga.
-O narval.
-Urso polar.
-Urso iberico.
-Urso panda.
-Todalas especies de tigres.
-Tamem as de rinocerontes.
-Gorilas.
-Chimpances...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vázquez Pumariño

Xabier Vázquez Pumariño

Naceu en Lugo e vive en Santiago de Compostela. Biólogo, traballa coma consultor ambiental e leva máis de vinte anos vencellado ao movemento ecoloxista.