Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Marcos Seixo

Unha doenza sen cura

15:22 25/04/2010

Dicía Camilo José Cela que o nacionalismo é unha doenza que se cura viaxando; afirmación que non é certa nen sequera no que atinxe á súa propia persoa, pois o seu ultranacionalismo español non se chegou a curar nunca, por moitas viaxes que fixera ao longo da súa vida.

A falsidade desta torpe declaración materialízase do mesmo xeito no meu caso, pois aínda que non viaxo excesivamente, cando o fago non consigo máis que reforzar o meu patriotismo (galego, por suposto). Cheguei xa á conclusión de que esta enfermidade non ten cura, mais non me preocupa demasiado, pois en vista da lonxevidade que acadou o chocalleiro escritor padronés, á que eu tamén aspiro, este andazo non debe revestir tanta gravidade.

Recentemente tiven á oportunidade de visitar o Magreb e de reflexionar, desde unha perspectiva nova para min, sobre as grandes falacias do españolismo organizado en torno ao PP, Falanxe Española, UPD e outras forzas (nas que tamén habería que incluír importantes sectores do PSOE). Que é o que pretenden realmente cando aseguran que no noso país a lingua española está en perigo pola imposición do galego?

Resulta curioso que non se inmuten perante o retroceso do idioma cervantino en antigas colonias españolas (ou protectorados ou como os queiran chamar). Non hai máis que achegarse polo Rif ou por cidades como Tetuán, Larache ou Tánxer para comprobar como as persoas de máis de cincuenta ou sesenta anos saben falar perfectamente o español e que, no entanto, a mocidade aprende como segunda lingua o francés e non coñece xa o español, debido á política uniformizadora de Marrocos. Algo similar ocorre co Sáhara Occidental, e é previsíbel que algún día esta situación acabe estendéndose a Ceuta e Melilla.

O que non acaban de entender os españolistas é que é precisamente nestas terras onde retrocedeu de xeito significativo o coñecemento e uso do español, cuestión que a min non me preocupa demasiado. Con todo o que non acabo de comprender é como eles a obvian por completo. Realmente do único que se preocuparon no seu momento foi de demonizar todo o que supuxera un intento de liberación nacional, como o que protagonizaron os rifeños con Abd el-Krim á cabeza, ou o Frente Polisario no caso do Sáhara Occidental (quizais por estaren infectados tamén polo virus nacionalista).

No Rif e no Sáhara o problema básico foi a incapacidade dos españois para levar a cabo un proceso de descolonización minimamente digno, intelixente e responsábel, deixando as antigas colonias completamente desprotexidas, a expensas da vontade dos marroquinos, sen establecer ningún tipo de garantías no que atinxe á consecución da súa lexítima soberanía.

Algunha semellanza con este caso preséntaa a situación de Puerto Rico, onde o inglés gáñalle terreo ao español sen que a RAE nin os nosos españolísimos políticos mostren unha grande preocupación.

Intúo que a cuestión radica en que é máis doado humillar aos galegos (no peor sentido do termo) que importunar aos franceses ou aos ianquis, a pesar de que saben que unicamente nos casos que estaba comentando, o idioma español perde terreno frente a outras linguas.
En Galiza a única lingua en retroceso é precisamente o noso idioma nacional, até o punto de que xa vai camiño da desaparición en poucas décadas de continuar con esta falaz política de desprezo, humillación e sometimento.

Mais non sexamos totalmente pesimistas e agardemos que cando chegue o proceso descolonizador de Galiza, os españois xa se topen coa suficiente experiencia como para comezar a facer as cousas cun pouco de sentidiño, e non dese xeito desleal e chapuceiro co que sempre actuaron ao longo da súa historia.

4.97/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marcos Seixo

Marcos Seixo Pastor é profesor de lingua e literatura galegas. Na faceta de escritor cómpre destacar como autor das primeiras biografías de Blanco Torres e Xoán Xesús González, a edición dalgunhas das súas obras, así como distintos traballos sobre a represión franquista.  É membro da Asociación Cultural O Meigallo de Cuntis e coodenador da revista cultural A Taboada. »



Anteriores...