Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Mera

Estranxeiros na propia Terra

18:00 31/08/2007

Seica é máis importante, segundo Rajoy, que os nenos e nenas de Galiza saiban inglés que o himno do país ¿a quen lle importa todo o referente á nosa nación?...

Algo diferente seria se tivese que ver co Reino de España ou outra autonomía, daquela o tema non tería dúbidas ¡non hai comparación posíbel!... seria lexitimo, loábel, mesmo necesario. Por exemplo, pensemos que pasaría se a proposta fora sustituir o español polo inglés. Seria coherente coa argumentación na que basean as descalificacións a respeito de todo o que identifica a Galiza singularmente facéndoa sinónimo de pasado, de atraso. Por iso, xa que estamos a facer propostas futuristas, practicas, tal como as analizan estes señores, apostemos en serio, copiemos do máis poderoso, así aforramos tempo… seguro que neste caso os argumentos mudan, e que son moi outros, neste caso garanto que se defende e ponse por riba a finalidade social, a identidade, etc.

O que se olla como normal, como necesario, en calquera outro país e mesmo noutra das autonomías (coñecemento da historia, uso da lingua propia, amor pola cultura, etc.), considerase un atranco, unha eiva, actitude sectaria, cando se pon de manifesto nesta vella nación. Galiza é admirada por estas persoas só pola súa paisaxe e bo xantar… o demais que sexa foráneo, especialmente de Madrid, que son os listos. Como esquecelo, tamén temos un protagonismo, desmesurado, nos meios de información estatais cando se trata de sucesos desagradábeis. Moi repetitivo e negativo pra que sexa sempre casual.

Non é a primeira vez que unha figura representativa do Estado español convertese en fervente critico dos nosos símbolos e elementos identitarios (lembremos a polémica por mor do decreto de normalización linguistica), porén resulta grave e preocupante se o que realiza o ataque naceu eiqui, como neste caso. Son actuacións dignas dunha análise sicoloxica, aínda que non son novidosas, xa que este xeito de proceder deuse e dáse moito en países coloniais ou dependentes; mais despois de todo o que se leva escrito sobre isto o lóxico seria que fora cousa do pasado, que causara un chisco de vergoña, e sobre todo que houbese unha resposta das institucións que seica nós representan ¿acaso non as eliximos tamén pra isto?...

Estas posturas desmerecen ao país e ás súas xentes, réstanos creto no exterior, eivan a autoestima e destrúen identidade, por máis que algúns pretendan tapalas co argumento de que somos persoas moi abertas, e que o noso galeguismo (sempre o maior e máis forte) levámolo por dentro. Agora ben, o perigo e que estexa tan agochado que o esquezamos na vida cotián, e que terminemos sendo estranxeiros na nosa propia Terra. E, aínda que non sexa certo que non saibamos se subimos ou baixamos a escada, algúns desde dentro axudan a facer verdade esta aldraxante caricatura.

Sinceramente ¡abonda de campaña negativa, estranxeirizante e de auto odio!. Son séculos, tendo en conta que ten a súa orixe na disputa pola hexemonía na Península. Pelexa que perdeu daquela este país, que o dividiu, e que deu lugar ao período de expansión de Castela xa na etapa de Enrique de Trastamara. Un proceso de manipulación informativa, que terxiversa a historia e a realidade do momento, e que polo que se ve e se sinte non rematou, por máis que se negue e se lle bote moito adubo; e que mesmo incide nalgúns membros da Xunta, véxanse as declaracións de Sánchez Piñón sobre este tema.

Pra que digan despois algúns “entendidos” que non somos unha colonia. Afirmacións feitas se cadra por ignorancia ou, o que seria máis preocupante, pra non ter que lle dar unha resposta acaída a unha caracterización deste tipo, e facer deste xeito máis morno o transito político e persoal. Mais calquera tema que teña que ver coa identidade, mesmo o máis cotiá, é conflitivo, e axiña esmagado polo poder cando abandona o eido do persoal e ten un carácter coleitivo ou se afasta da loita económicista sen obxectivos estratéxicos. Facendo certo o que encol deste tema dicía Frantz Fanon en “Os condenados da terra” cando argumentaba:

‘Agora sabemos que nunha primeira etapa da loita nacional, o colonialismo trata de desbotar as reivindicacións nacionais facendo economismo. Desde as primeiras reivindicacións, o colonialismo finxe a compresión recoñecendo con humildade ostentosa que o territorio sofre un grave subdesenvolvemento, que esixe un esforzo económico e social importante… E, en realidade, algunhas medidas espectaculares, obras eiqui e acolá, retrasan algúns anos a cristalización da conciencia nacional.’

Fanon daba no cravo, e reflíctese especialmente cando nesta nación tocase o tema identitario ou a situación económica e social cun criterio político, ou sexa, de clase e nacional, e todo se tensa e saen a relucir os coitelos. Agroman os sentimentos fundos nas posturas estratéxicas e sustanciais do poder dominante, a loita de clases, convintemente adobiada e agochada no acontecer diario. O noso país, a súa xente, padece hoxe unha situación noxenta que todo indica só terminará cando exista unha asimilación total ou Galiza teña soberanía. Así o reflicte a realidade cunha enxurrada de exemplos. Claro, que segundo sexa a saída, será o futuro, e por algo todo arelan a liberdade.

4,19/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Mera

Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972.Fundador de ERGA en 1972. Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e
Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 ao 2001. »



Anteriores...