Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Mera

Serrabal: Máis un exemplo do enfeudamento

11:33 11/06/2007

Resultan difíciles de entender as verbas do Presidente da Xunta a respeito da mina de Serrabal, un día despois de que os representantes dos traballadores e ADIF (Renfe) chegaran a un acordo de facer unha nova valoración sobre o impacto do trazado da vía. Urxir, como fixo despois da reunión semanal da Xunta, unha decisión definitiva a ADIF e considerar exacto o estudo realizado pola Universidade de Oviedo é tomar partido no conflito contra os traballadores, que lembremos están a pe de obra e coidan que a liña afectaría a parte máis importante da explotación de seixo, aquela que pola súa calidade sirve pra xerar silicio solar. Ademais a postura de Touriño é inconsistente, xa que non se corresponde coa mantida até agora, e negativa, porque pode colaborar coa perda dunha morea de empregos.

O Presidente da Xunta aceptou durante estes dous anos todo tipo de xustificacións do Governo central e de ADIF sobre a demora na construción da vía do TAV, e non fixo caso dos argumentos e protestas dos traballadores polo trazado, mesmo chegouse a afirmar que estes estaban a premer pra que o dono da empresa, Villar Mir, conseguira unha maior indemnización (cando a mesma cuantia foi cuestionada publicamente pola CIG). Pra completar o cadro de valores ao que nos enfrontamos cada día neste país, encargóuselle o estudo sobre o impacto na mina á Universidade de Oviedo ¿acaso non temos persoas cualificadas ou medios pra facelo en Galiza?.

Hai que lembrar que nunha reunión mantida no mes de abril entre a CIG e o Presidente da Xunta este aceptaba un cambio de trazado pra garantir os postos de traballo polo que choca que, un mes despois, se reafirme en dar prioridade ao remate do TAV, ignorando as consecuencias. Este tampouco é o momento de debater sobre como adquiriu a mina Villar Mir, e dos posíbeis favoritismos do anterior governo, a non ser que se queira enmarañar todo.

Non habería demora
Os sindicatos con representación na empresa (CIG e UGT) salientan que mentres o seixo normal ten un prezo de 3.000 a 3.500 euros a tonelada no mercado o silicio solar atinxe entre 100.000 e 150.000 euros a tonelada. As diferenzas de valor son máis que evidentes. Engaden que é a única mina deste mineral en Europa, polo que de non ser posíbel a súa extración debería ser importado de Sudáfrica, neste caso podería non ser rendíbel a transformación en Galiza, prexudicando asemade as empresas que fabrican placas solares.  De xeito máis directo afectaría a outras empresas do grupo en Galiza, Ferroatlantica e Silicios de Sabón, onde se fixo nos últimos anos unha política de expansión, e deixaría ao pairo varios centos de empregos.

Serrabal significa máis de cen postos de traballo nos concellos de Vedra e Boqueixon, que carecen de calquer outra actividade industrial importante, polo que a perda de emprego total ou parcial seria unha traxedia na bisbarra. Nestes dous municipios o desemprego atinxía 422 persoas no ano 2006, no ano 2001 o paro abranguía a 328 persoas, polo que non houbo unha evolución positiva. Como din os obreiros da mina cando valoraban a situación “botarnos á emigración a Canarias”. Non é de estrañar que haxa tanto pesimismo, especialmente cando o Presidente da Xunta parece poñer agora por diante o urxente remate deste traxecto, nunha actitude negativa que ademais contrasta coa pasividade amosada durante os dous anos de governo neste tema. A diferenza está na Consellaría de Industria, cumpre dicilo pola sua importancia, xa que mantén neste tema (dende fai algúns meses) unha actitude positiva procurando saídas técnicas que non poñan en perigo o emprego existente. Son as vantaxes do bipartito, ou máis concretamente da presenza nacionalista na Xunta, con todas as súas eivas e limitacións.

Dende o eido dos traballadores/as Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela, explica con claridade a determinación dos afectados e do sindicalismo nacionalista “levamos tres anos de mobilizacións, con maior intensidade nos últimos meses, e agardamos que a Xunta de Galiza se implique na defensa dos postos de traballo e esixa do Ministerio de Fomento que o TAV non afecte aos terreos da mina para que poida continuar a explotación”.

Quen marca as prioridades?
A alta velocidade nas liñas de ferrocarril son unha necesidade, agora ben, o que resulta máis cuestionábel é se cun custe tan alto non hai ou hipotecan outras prioridades. Se por exemplo: non habería que darlle a mesma ou máis importancia ao milloramento da rede interna en Galiza; se non seria máis necesario potenciar as vías que nos conecten directamente con Portugal e o resto da Unión Europea; e se a rede non debía ser ante todo de transporte de mercadorías, xa que se trata de facer máis competitivas ás empresas (ou realmente este non é o motivo?).

Non vexo, por magoa teño que dicilo como unha afirmación, que exista un proxecto de país, de construción nacional, a medio e longo prazo, no que se procure a complicidade da povoación e no que se albisque unha ordenación do territorio axeitada aos tempos, das actividades económicas polas que se vai pular, de millora de calidade de vida e distribución do emprego e da riqueza, e das infraestructuras e servizos nos que se va apoiar. Semella que todo se planifica en Madrid e Bruxelas, e dende eiqui intentamos xestionalo do millor xeito posíbel, con todo os limites e enfeudamento que esto ten. O que acontece con Serrabal semella un exemplo máis. Aínda así moitas veces furouse o cerco, con proxectos claros, vontade e teimosía

4,14/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Mera

Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972.Fundador de ERGA en 1972. Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e
Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 ao 2001. »



Anteriores...