Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Mera

O metal un conflito do que tirar algunhas ensinanzas

16:55 24/05/2007

Desde o 3 até o 21 de maio, data na que comezaron a traballar de novo os operarios do sector naval, hai 14 días intensos, de marchas, ocupación de edificios públicos, bloqueo do trafico en lugares chaves, presión policial, algunha detención; ou sexa: mobilizacións pra chamar a atención, sensibilizar á sociedade, e obrigar á patronal á cumprir o convenio, e a Inspeción e Consellaría de Traballo esixirlles que sexan garantes efectivos de que así se faga. A folga e a protesta son os únicos mecanismos efectivos que ten a clase obreira pra conseguir unha distribución máis xusta da riqueza e mesmo garantir que se lle faga cumprir á patronal a lexislación laboral. Lembremos que estamos diante dun capitalismo globalizado, polo tanto de empresas non dependentes dun centro de traballo e ás veces dispostas a aguantar perdas económicas conxunturais importantes, que pensan recuperar con creces coas diferenzas de plus-valías futuras duns salarios baixos, ou con axudas doutras patronais que ven na confrontación unha aposta  estratéxica.

Na actualidade só se respectan os convenios colectivos alí onde hai forza sindical. Na maioría das empresas os ritmos de traballo son abafantes, en moitas non se cotizan e pagan as horas realizadas a máis (e non por vontade do afectado), alongando de feito á xornada laboral real. Falta inspeción, as multas impostas ou non se pagan ou terminan por ter un valor simbólico; moitas reclamacións dos traballadores cando se deciden en Maxistratura xa carecen de valor efectivo, mesmo hai cada vez máis sentenzas que fan unha interpretación neoliberal das relacións laborais, mediante unha leitura pro empresarial da lexislación vixente. A xustiza está politizada e é clasista. Do que non hai dúbidas é que se un obreiro nun cumpre bótano ao día seguinte. Hai unha dobre vara de medir.

Neste contexto hai que entender a loita laboral do naval, cun engadido histórico, o metal é na provincia de Pontevedra un sector con tradición de mobilización, unidade e participación. Isto reflectiuse na folga do ano pasado por mor do convenio, e agora un ano despois. Ademais, na provincia de Pontevedra unha boa parte dos operarios son mozos e o sindicalismo nacionalista é maioritario, cun peso no sector rente do 48% do total.

A única resposta
A folga comezou porque había empresas do naval que non cumprían o pactado en convenio, moi especialmente Nervión, no referente ao mínimo de empregos fixos que deben ter no cadro de persoal, neste ano un 45% do total. Aceptar a postura desta empresa seria botar abaixo todo o conseguido no convenio e, como consecuencia da derrota, dar moitos máis pasos atrás nas conquistas acadadas durante décadas de loita. A única resposta posíbel era aceptar o reto e convocar o paro en todo o sector naval.

Os empresarios utilizaron todos os medios pra desprestixiar a folga mesmo pediron unha e outra vez contundencia policial, coa pretensión de que o paro se fixera invisíbel. Parecíalles isto unha saída máis positiva que a negociación, o que reflicte o seu grao de civilización cando lles atinxe o peto. Secundados nestas reclamacións pola dereita, especialmente pola alcaldesa de Vigo, que amosou así a sua faciana máis reacionaria. É verdade que houbo algún acto de violencia gratuíta, porén foi conxuntural, minoritario, e condenado polos sindicatos. En 14 días de manifestacións, con miles de persoas na rúa é imposíbel que todo siga unha orde perfecta, máxime cando as economías persoais se resenten e os nervos están máis presentes. De todos os xeitos o fundamental foi a protesta medida, a organización e as ocupacións sen incidentes (como en Facenda). Mesmo así o acontecido amosa que é necesaria unha maior formación e estructura político-sindical. Os medios de información (uns máis que outros) fixeron da anécdota o principal, servindo deste xeito os intereses dos empresarios, tomando parte descaradamente por unha das clases en conflito... despois de todo eles tamén son empresas.

Nas relacións entre as forzas sindicais esta non era unha folga doada, como xa se demostrou no paro de fai un ano as diferenzas son notorias. Había forzas dispostas a ceder e pactar calquer proposta e outras que todo lles parecía pouco. Nestas actitudes xúntanse conceucións ideolóxicas e o oportunismo do que procura ampliar o seu espazo de calquer xeito. O sindicalismo nacionalista, hexemónico, tiña que conducir todas estas expresións e levalas polo mesmo rego pra evitar que a patronal aproveitara as diferenzas ou estas debilitaran a participación. Nesta folga isto conseguiuse, tal como se demostra no feito de que o pre acordo fora aprobado pola práctica unanimidade nas asembleias, só houbo un voto en contra en Vulcano. Só ao final a UGT facendo unha reviravolta aparece como critica ao acordo, eso si desconvocando a folga, e negándose durante o conflito a secundar un paro que abranguera a todo o metal. Ou sexa, unha postura non críbel, digna de ser analizada pola sicoloxía máis que desde a coherencia política e sindical.

Mediación
Favoreceu pra conseguir unha saída, como ignoralo, que estexamos metidos nun proceso eleitoral, e este feito seguramente tamén incidiu pra que a actuación policial fora medida. Sen deixar de estar presentes e dispostos á actuar, xa que nos últimos días había un gran despregue de furgonetas e “especiais”, nas marchas numerosos policías de paisano e foron detidos moitos manifestantes unha vez rematadas as manifestacións (até hoxe nove, seis afiliados á CIG). Aínda que tardou en mollarse, ao final a mediación da Consellería de Traballo e da Inspeción  foi positiva, xa que premeu pra conseguiren un acordo.

A patronal tampouco estaba unida, polo que sabemos que había posturas máis negociadoras e outras máis intransixentes, como a de Asime, supoño non tanto por solidariedade cidadán como porque xogaban máis ou menos cartos segundo a duración da folga e as súas consecuencias. As declaracións que realizaron, despois de aceptado o preacordo polas asembleas de traballadores, dicindo que ían contratar 3.000 polacos e romaneses parece máis unha ameaza que un dado valorado e realista. Semella que ten a intención de dicir que en calquera intre podían subtituír os operarios con xente de fóra, agora pra recuperar as horas perdidas mañá pra suplantalos. Amosa ademais que moitos ven o país como unha leira na que eles teñen, como durante o feudalismo, dereito a facer e desfacer sen obrigacións sociais. A mesma solicitude do presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra pedindo man dura e actuacións legais contra os sindicatos por vandalismo, reflicte que non dixeriron ben que teñan que cumprir o que pactan, que as regras de xogo tamén van cos poderosos, cos donos do diñeiro.

Outros dos temas aparecidos arreo nos xornais foi o do custo económico da folga, se cadra un pouco exaserados nalgunha información. En poucos casos se tivo en conta que os responsábeis eran os patróns, en case que ningún se fixo mención aos custos que tiñan pra os obreiros do naval, cuns ingresos mensuais duns mil euros, que son maiores exclusivamente facendo máis e máis horas extras, nun traballo duro, ao aire libre, chova, vaia vento e frío, ou aínda que a calor abafe.

Fenda xeracional
Sen dúbida iste acordo, que completa o convenio asinado fai un ano, evita dobres interpretacións e amosa á patronal que de non cumprilo en todas as empresas afectadas enfróntanse a un novo conflito. O acordo dá máis garantías e semella que terá unha maior vixiancia por parte da Xunta. Agora ben isto non significa que non se poidan dar incumprimentos. O acordo é un cambio de tendencia xa que significa enfrontar a temporalidade sen que a patronal reciba en troque abondosas achegas dos cartos públicos.

Neste conflito do naval desde os dirixentes máis veteranos da CIG que conduciron a loita (Antolín Alcantara, Miguel Malvido, Manolo Domínguez, Víctor García, etc.) fíxose unha aposta importante por incorporar á mocidade tanto nas mobilizacións como empurrando pola súa participación, conscientes que son o relevo necesario e que se debe evitar unha fenda xeneracional.

Por último subliñar que a participación que se deu na folga do metal, a súa dureza, a cantidade de días que durou, amosa ademais que os que dan por morta á clase obreira non son capaces de ver o que pasa ao seu redor. É verdade que desapareceron moitas das grandes empresas, porén no mesmo recinto da fábrica ou en outras que son a súa extensión produtiva, traballan tantos ou máis operarios/as que antes, facendo as mesmas funcións. Hoxe hai máis traballadores/as en Galiza que hai unha década realizando o traballo tradicional da clase operaria, sexa detrás dunha maquina, conducindo un camión, limpando portais, ou servindo de camareiros/as nun bar ou hotel.

A clase obreira segue a ser o sector maioritario da clase traballadora, e das clases populares, a que libra as loitas de vangarda, e a que ten un maior sentido de clase aínda que sexa intuitivo. A vella teoría marxista non pasou de moda, senón que mudaron de formas e comportamentos exteriores do capital e da xente. A nación galega pasou en 30 anos de ser unha sociedade onde a metade da povoación activa era labrega (cunha economía de subsistencia, e características de semiproletariado) a outra na que a clase traballadora é maioritaria, un 75%, hai unha burguesía globalizada moi forte, a maioría da economía fica en mans estranxeiras, e existe unha clase media desafogada que mesmo abrangue un sector da clase traballadora. Todo isto condiciona a política de alianzas, e como tratar, divulgar e explicar as loitas laborais, tamén sen dúbida a do naval.

3,81/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Mera

Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972.Fundador de ERGA en 1972. Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e
Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 ao 2001. »



Anteriores...