Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Mera

O pulo necesario

17:35 13/12/2007

Coido que hai tempo que o frontismo galego rematou a andaina actual, a última dun período histórico trascendental que encetou durante a ditadura franquista e se alongou ate hoxe por case que catro décadas. Só o tempo dirá se estamos na derradeira andaina deste período. Os síntomas de estancamento, e nalgúns casos de retroceso, son evidentes: perda de votantes, menor activismo político e social, redución da tensión nacionalismo-centralismo e polo tanto da capacidade mobilizadora e de xeración de conciencia política. No interno a forza hexemónica foi perdendo cadros e incidencia institucional, porén mantén ún peso aínda grande nas organizacións nacionalistas de base, xa que ten nelas dirixentes entregados e recoñecidos, mais o proceso de fracionamento non rematou. Todo indica que o seu peso político na fronte non será ocupado por unha estrutura semellante.

A importante presenza do nacionalismo frontista nas institucións non foi quen de evitar estas eivas, de lle dar un novo pulo, que engaiole á mocidade e á clase obreira, alente a mobilización e semente arelas de xustiza e liberdade. Este desgaste é sen dúbida máis evidente entre a militancia, especialmente pola pasividade crítica, o pouco debate orgánico, e a mínima creatividade teórica da organización. Hoxe semella ás veces unha suma de intereses locais, sectoriais e persoais, e un aparello publicitario central. Mais, aínda así, o frontismo continúa a ser a única referencia organizada importante do nacionalismo, insubstituíbel (polo dagora), e a forza máis dinámica e creativa da nación galega.

Só o eido sindical marca unha tendencia distinta, xa que o sindicalismo nacionalista medra tanto en afiliación, como en número de delegados e delegadas, e en capacidade mobilizadora e combatividade. Porén non abonda pra cambiar os resultados xerais, e semella a excepción que confirma a regra. Ademais, sería de parvos non recoñecer que as eivas partidarias máis tarde ou máis cedo deixaran nel a súa pegada, se non se remedian a tempo.

Neoliberalismo abafante
A perda de referencias estratéxicas e a consolidación do modelo autonómico fica claramente unido á hexemonía mundial da globalización neoliberal, ou sexa, ao novo xeito de se comportar o imperialismo (sobre todo no control no ámbito das ideas e polo tanto na formación do imaxinario colectivo). Non é un atranco que incida só no nacionalismo galego, senón que se trata dunha eiva que atinxe a todos os movementos de liberación e aos partidos da esquerda en todo o mundo. O recuar dos dereitos laborais e servizos sociais, a privatización do máis esencial, o aumento das desigualdades territoriais e de clase, son a consagración desta hexemonía imperialista, e a sacralización da avaricia.

Neste contexto xurdiron, no seo dos movementos de liberación e nos partidos da esquerda transformadora, tendencias (que o tempo convertería en maioritarias) que abandonando estratexias de ruptura apostaron como obxectivo seica, neste novo escenario, por conservar e acumular forzas evitando o desgaste da confrontación. Teorizaron, nun primeiro intre, que pra avanzar compre a combinación da presenza nas institucións (centrais pra este fin) e a mobilización social. Claro, que se a protesta supera ou desestabiliza o marco político-institucional (e territorial), imposto polas clases dominantes, confronta, e polo tanto cuestiona unha liña política que prioriza a negociación e o pacto. Son momentos da verdade, e nestes casos, os que se decidiron preferentemente pola vía institucional, optaron por conxelar o estratéxico. Por iso, cando se aposta por esta andaina –ou se lle dá prioridade-, as organizacións de masas e as mobilizacións sociais vense nun papel secundario, como valor eleitoral, e mírase con prevención toda protesta que supere o marco do modelo neoliberal ou evite a súa imposición.

Agora ben, na última década, desde a insurreción de Chiapas, no mundo apareceron importantes alternativas antiimperialistas ao modelo hexemónico (O eixo Cuba, Venezuela, Bolivia, Ecuador, Nicaragua), mentres o imperialismo estancouse e desangrase en Iraq, Afganistán e Medio Oriente (unha guerra que pode perder). China nace como unha nova potencia e Rusia recobra parte do seu poder anterior. A globalización e o neoliberalismo fracasan no social, esgotase o petróleo e a natureza está no límite. Dentro do dramático da situación, hai unha fiestra aberta. Non se pode dicir que todo fica perdido, que non existen alternativas, e que o mundo sexa agora mesmo unipolar. Porén na práctica, mentres se fala destas mudanzas, mesmo se lles dá acollida e se felicita aos que as constrúen, ao mesmo tempo hai quen realiza a millor xestión posíbel a prol do sistema, afortalando así aos que poñen todos os medios pra botar abaixo estas alternativas antiimperialistas. Unha contradición evidente, moi agravada co pulo da globalización neoliberal, especialmente cando se aposta só pola vía institucional. Por onde rachará está contradición e falla de actualización teórica e práctica?... Realmente resulta imposíbel fuxir das tensións que orixina o dobre discurso ou, cando existe coherencia co proxecto histórico, das confrontacións que causa coas estruturas de poder, especialmente se non hai complicidade dos movementos sociais. Estes son tamén os dous camiños que ten por diante o nacionalismo frontista, e que semella anda e desanda a cotío. Ben, deixemos este tema eiqui, pra continuar co razoamento anterior.

Aínda con estas mudanzas dos últimos anos, como o modelo hexemónico actual procede con máis teimosía e forza que nunca antes, tanto no eixo da concentración como da centralización da riqueza, resulta imposíbel separar a loita pola liberación nacional e de clases. Tampouco abre camiño dar prioridade a unha delas, pra conseguir primeiro calquera dos dous obxectivos, e teorizar, que despois o outro será unha carreiriña. Por esta razón a maioría dos partidos marxistas, que rexeitaban ate hai ben pouco a cuestión nacional (non sendo nas colonias en África e Asia) fan agora da defensa da soberanía parte fundamental da súa mensaxe e practica política, indisolubelmente unida á loita de clases. Ademais, o inmenso avanzo das técnicas de comunicación e a importancia económica da produción cultural e de lecer, mesmo pra fixar o consumo doutros bens e produtos, poñen en primeiro plano os problemas derivados da perda de identidade (a asimilación) e a loita no eido das ideas, ou sexa da formación e información, da xeración da conciencia, e unen identidade, economía e sociedade. Estes son aspectos que teñen, todos eles, un papel sobranceiro neste tempo histórico, na loita pola soberanía e a xustiza social. Daquela, que se o practicismo sempre foi un erro hoxe é un suicidio.

Unha xeira esgotada
Acheguémonos de novo á nosa realidade. Resulta evidente que o Estatuto de Autonomía vixente non evitou que continúe o proceso de desgaleguización do país. Por outra banda a presenza do nacionalismo frontista nas institucións tivo un efecto positivo, porén, non foi quen de impedir que se manteña a tendencia destrutiva, aínda que se ralentizou. Polo tanto, o esencial, o central, é que continúa o proceso de asimilación por Castela (por España). Non podía ser doutro xeito porque o proxecto da Unión Europea centraliza e concentra en beneficio dos grandes estados e das grandes empresas. Concentrase e centralízase no económico, abáfase e asimílase no cultural, en beneficio do Governo central e o aparello do Estado (e dos intereses que representa), no senso que lle dá Gramsci ao termo. Pode que o Estado español sexa un socio menor entre os grandes estados imperialistas, porén forma parte dos mesmos (cando menos polo dagora).

A globalización neoliberal restou soberanía aos estados-nacionais dependentes ou febles, porén tamén, e en gran medida, aos entes administrativos internos dos estados centrais do sistema (como as autonomías no Estado español), aínda que tivesen unha forte identidade e organismos consolidados (como sucede en Cataluña e Córcega). Por iso mentres gañamos competencias estatutarias en Galiza fomos perdendo ao mesmo tempo capacidade real de decisión. Neste etapa superouse por unha banda o marco do estado-nación, e pola outra, re-centralizabase o poder real cedido cara baixo no Estado na etapa anterior. Mentres “democraticamente” esmágase a diversidade cultural (aproveitando o auxe da cultura como negocio, e as novas tecnoloxías). O Estado español mediante leis orgánicas e medidas de ordenación foi baleirando de contido as competencias. Na práctica só houbo transferencia de cartos e pra tomar decisións subsidiarias. Como non se cedeu a capacidade de decisión real, carécese de mecanismos pra superar a dependencia e asimilación. Polo tanto, neste novo contexto, non se aposta claramente por rachar coa dependencia, limitarase a confrontación política do nacionalismo galego a conseguir maiores ingresos (competencias ou transferencias). Isto serve pra contactar directamente con sectores sociais máis amplos, porén ao mesmo tempo afortala o clientelismo político e os mecanismos de dependencia. O discurso e as propostas dominantes, de vagar, vanse reducindo ao económico e conxuntural (facendo do lingüístico un icono, máis que un obxectivo), perdendo toda perspectiva global e, o que resulta máis grave, abandónase a mensaxe estratéxica ou limítase ao marco autonómico (do sistema).

Aceptando estas limitacións, impostas polo sistema, ten valor facerlle as beiras aos empresarios, xa que son necesarios pra garantir millorar os resultados macro-económicos (que lle ofrecer á sociedade e manterse como alternativa eleitoral), porén tamén reflicte en termos prácticos a aceptación do capitalismo neoliberal e a colonización. Pra xustificar isto “desde a esquerda” defórmase a teoría do frontismo, copiado doutros tempos e realidades, inventando unha burguesía nacional que non existe. Confúndese a alianza de clases co interclasismo social-católico (a terceira vía). Mesmo hai quen olla galeguismo patronal nos investimentos empresariais, no colmo da distorsión da realidade. A militancia empresarial galeguista é unha anécdota, só algún pequeno empresario ten coherencia e manifesta publicamente opinión positiva ao respeito, outros poñen ovos en todos os cestos. Os investimentos fannos onde lles interesa, sen sequera ter en conta a responsabilidade social da empresa. O capitalismo é global e neoliberal nesta etapa, as excepcións, o secundario non caracteriza nen decide liña. Abonda ollar a actitude militante, dominante, contra a lingua galega dos empresarios. Poucos estados, que non sexan do núcleo central do sistema, teñen burguesía nacional. Samir Amin di que China, Rusia e India son a excepción. Non é alleo ás novas relacións coa patronal que esta liña política teña máis ascendente entre os funcionarios e operarios do sector público, xa que non viven a confrontación directa cos empresarios, miran a loita de clases desde a barreira, aínda que a teimosía privatizadora da patronal debíalles facer pensar máis.

O argumento de que a situación do país é tan grave que esperar á ruptura sería tarde, e que desde as institucións pódese (e existe a obriga) no presente de eliminar estes efectos desgaleguizadores, aínda que houbese que adiar outras reformas necesarias, como as laborais e a loita pola soberanía plena, tivo peso e convenceu a moitos, especialmente nas clases medias. Mais, despois de varios anos de participar no governo, semella que non deu os resultados que se pretendía, e que só favoreceu aos empresarios e aos que se senten españois. Milloraron os dados macro-económicos, porén ao mesmo tempo continúa (aínda que a un menor ritmo) a perda de identidade, a precariedade, a emigración, e desfeita da natureza. E, o que resulta máis grave, desmobilizouse ás organizacións de base (agás o sindicalismo obreiro) e quebrouse a confianza de boa parte da militancia e dos simpatizantes no nacionalismo frontista como forza combativa e con vontade de transformación. Por outra banda, as pequenas forzas políticas á esquerda do frontismo, foron e son incapaces de recoller aos que se afastan. Non falta nelas traballo e vontade, mais teñen unha incapacidade pra asociar proxecto estratéxico e mensaxe social; falla teoría política propia, e arremedar nunca deu resultados.

Construír desde o existente
Cómo avanzar? cómo acumular forzas?. Sen dúbida non é algo sinxelo. O ideal sería sermos capaces a un tempo de participar nas institucións, especialmente en acións de governo, e termos unha estrutura organizativa a todos os niveis, combativa e teimosa, que forzara os cambios. E, fundamentalmente, que o institucional estexa ao servizo do político, do estratéxico. Porén iso non foi ate o dagora posíbel. O institucional tragouse o organizativo e o social, mesmo o proxecto de liberación diluíuse no táctico. E o individual condicionou ao colectivo.

Hai quen pensa, neste contexto, que a total autonomía das organizacións de masas do nacionalismo (ou sexa, o seu afastamento do antes chamado movemento nacional popular galego) pode permitir que cumpran eficazmente o papel de ariete, ao ficar afastadas dos compromisos institucionais. Coido que non seria así, que a practica levaría ao corporativismo, a deixar a política en mans de partidos institucionalizados, e a participación reduciríase a ser comparsas nos procesos eleitorais ou a predicar a abstención. E o que é máis grave, seria despolitizar ao sindicalismo e ás organizacións sociais, reducindo todo a condenar a política e aos partidos, iso de que “todos son iguais”. O camiño debe ser o contrario, o de incidir e ser protagonistas da política, esixir e premer. A condena xeralizada, sen matices, faille o xogo ao sistema e aos partidos co representan (PP, PSOE...), e co tempo (pra evitar o illamento e a marxinalidade) converte as organizacións de masas en colaboradoras daquelo que é máis antagónico “porque o social fica á marxe da política e a súa finalidade é conseguir milloras e premer”. Exemplos desto temos moitos, e excepcións moi poucas que se dan en lugares con tensións políticas moi grandes (Euskadi), e este último non é o noso caso.

Non sei se o frontismo nacionalista será quen de se reconverter e xerar unha nova andaina, unha nova onda, en todo caso débese intentar, porén sobre todo cumpre garantir que non se perda o inmenso capital político acumulado durante a etapa previa. E isto hai que facelo mesmo recoñecendo que no proceso actual hai signos negativos, que cumpre deixar atrás: xornais históricos que pasan a mans empresariais con mudanzas ideolóxicas; organizacións de masas que se pretenden asociar a estruturas estatais; intentos de se integrar en organizacións internacionais, firmemente comprometidas co sistema e nos golpes contra governos antiimperialistas; participación en actos que gaban a realeza, e en acordos que potencian o papel do Estado, só pra tirar réditos partidarios da intermediación, sabendo que nos dan cunha man o que nos quitan coas dúas, confundindo o papel do estado no imaxinario colectivo; un proxecto de Estatuto que ignora a colonización e convértenos en construtores, desde a periferia, dunha España que nos eiva a cotío de contido e nega a soberanía; obras grandiosas que nos hipotecan, e outras de dubidosa eficacia e que nos fan máis dependentes; discursos sen contido que nos suman aos de sempre; privatizacións de servizos públicos... etc.

Non podemos ignorar que a tendencia hexemónica no frontismo, aínda sendo morna, tamén pon freos á asimilación (que non é igual que impedir que avance e moito menos detela); porén tampouco se debe esquecer que non contribúe a acumular militancia activa, e polo tanto a transformar no futuro cualitativamente a sociedade. En poucas palabras: non constrúe poder popular. Só nos dá máis tempo histórico. A pregunta é ¿será posíbel facer ambas dúas tarefas dentro dunha mesma organización?... aínda que nada impide facelo dentro e fora.

En todo caso, pra quen queira xerar unha nova onda, facer unha nova andaina que supere a fase actual, e daquela as eivas e atrancos existentes, debe saber que non se pode facer desde a destrución do tan dificilmente construído polo nacionalismo. Tampouco se pode realizar desde o esquematismo ou desde a derrota, e moito menos ignorando os feitos, tapando os ollos e adiando ou negando a análise, así como o debate e as propostas fundamentadas. E non existe realización colectiva posíbel desde o privilexio das saídas persoais ou da disciplina cega. Tampouco se pode facer nación, construír poder popular, sen definir e predicar a cotío o obxectivo estratéxico, e sementar deste xeito no imaxinario colectivo a necesidade dun estado nacional propio, republicán e democrático. Non foi casual, nen tempo perdido, que durante décadas en cada loita concreta, mesmo nas máis cativa, falaramos de colonización e imperialismo, de xustiza social e liberación nacional. A esa etapa de propaganda activa e axitación debémoslle moito. A conciencia política non xurde espontaneamente, nen por casualidade, por maior que sexa a loita social (tería que durar moito no tempo, moito).

Todo indica que na construción do nacionalismo combativo, rupturista e de masas, van xogar un papel importante a militancia de base, pra alén da fronte, así como as organizacións sociais nacionalistas de masas (cal vai ser o lugar dos activistas da cultura?, tan activos na anterior etapa). Porén tamén será esencial a formación e a información, tanto interna como xeral. Non realizar un esforzo importante pra que a base organizada no nacionalismo ou que simpatiza con el aumente o seu compromiso político, sería o maior erro de todos.

O éxito dunha nova andaina

Toda nova andaina debe buscar primeiro a complicidade do povo, dos galegos e galegas, só así terá éxito, e pra elo ten que tratar todos e cada un dos temas no seo da sociedade, matizar, argumentar, facer propostas, mobilizar e construír a un tempo, e poñer o institucional ao servizo do proxecto político. Unha complicidade da sociedade que só será posíbel desde a confianza e fortaleza que acadan as organizacións que non temen manifestar publicamente os seus anceios e debates, mesmo ás súas autocríticas, porque saben que o que realmente rexeita a xente é a incoherencia, o dobre discurso, a incapacidade, o derrotismo, e o lucro persoal. Unha nova onda que pra construíla cumpre de alicerces sólidos, polo tanto de razoala, tecela e organizala. E necesita sobre todo da mocidade traballadora; de vontade persoal e colectiva.

Por último quero salientar varias razóns polas que cumpre dar un pulo neste intre, e contar cun suxeito capaz de enfrontar este novo momento histórico. A primeira, que no Estado español todo indica que rematou a expansión económica dos últimos anos, baseada na especulación inmobiliaria e na entrada masiva de inmigrantes –pra manter a competividade a costa de baixos salarios e menores dereitos-. Segundo, o Estado volvese cada vez máis represivo, especialmente nos dereitos nacionais e da clase traballadora, e impón cada vez máis unha simboloxía centralista e unitaria, neoliberal e individualista. Terceiro, bule un novo equilibrio de forzas no mundo, do que a queda do dólar non é máis que un síntoma. Cuarto, e xa comentado con anterioridade, todo o poder militar do imperialismo non é quen pra vencer en Iraq e Afganistán (co que isto significa). Quinto, o eixo dos países antiimperialistas é cada día maior (mesmo con toda a súa complexidade e pluralidade). Estas mudanzas terán (xa teñen) consecuencias no eido político, económico, social e mesmo referencial, tanto no campo estritamente partidario, como sindical e asociativo, en todo o mundo (aínda que este proceso sexa máis lento). Deixamos atrás unha fase, o tempo dirá se tamén é unha etapa... e non debiamos desaproveitar esta nova oportunidade, conformándonos con mirar os seus efectos en troques de sermos protagonistas, con todo o que iso significa como país e como clase.

Espero que este artigo axude a lle dar pulo a esta nova andaina, que é de todos e todas as nacionalistas, dos loitadores sociais. Que esta modesta contribución sexa como lembranza do nacemento de ERGA, vai 35 anos, e da Asociación Pondal de Bos Aires, irmans na loita pola liberación nacional e social.

3,13/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Mera

Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972.Fundador de ERGA en 1972. Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e
Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 ao 2001. »



Anteriores...