Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Rafael Pillado

Que modelo de empresarios?

11:10 04/01/2008

Estes días saltaba ás primeiras páxinas informativas o que se coñece como a trama de corrupción urbanística en Mugardos. Para os avisados non supuxo sorpresa algunha. O rumor popular vense facendo eco de manifestas irregularidades desde hai algún tempo. Todo isto, pese a que unha parte da poboación, estimulada desde algúns partidos políticos, coa promesa de postos de traballo e inmensos beneficios económicos, mira a outra parte. ¡Xa vedes cál é o resultado!

¡Mugardos non era así!, Afírmase. ¿Desde cando se observa esa deriva? Probablemente, desde o momento no que se producen grandes inversións no concello da man da iniciativa privada. Os presuntos implicados na corrupción son, de momento funcionarios, políticos e algún pequeno empresario, sobre os que debe caer todo o peso da Lei. Mais, aínda non aparecen os responsábeis desas grandes inversións.

Vén a conto as palabras pronunciadas a mediados dos anos 90 polo intelectual francés e á vez directivo de multinacionais Alain Minc, que dicía: En todos os estados é grande a tentación de converter á clase política no chivo expiatorio, como se ela fora a gran culpable ou a única responsable. ¡Hipocrisía colectiva! As comisións e o tráfico de influencias están envelenando o conxunto da vida social… ¿Que observador da vida económica pode garantir que a firma dos grandes contratos realízase sempre segundo a estrita legalidade?... ¿Que axente financeiro pode certificar que nunca tropezou con transaccións que lle pareceran raras ou deshonestas?

É dicir, non só hai que ver aos corruptos senón, e sobre todo, aos corruptores. Eles si, dispoñen de diñeiro. Por pór algúns exemplos próximos, sobre o entorno que estamos analizando:

a).- Ao se producir o caso “Prestige”, acusábase ás mafias internacionais de causar ese e outros desastres, ao prescindir da seguridade e buscalo beneficio a toda costa. Lembro como proliferaban os argumentos nese senso. Mentres, nos nosos propios fociños, xa se descubrira tras a “Operación Remolque”, a importación de fuel que era descargado en Forestal do Atlántico, co pretexto de exportalo a Portugal. En tanto, defraudábase á nosa Facenda Pública, vendéndoo en España.

b).- Varios depósitos da empresa Forestal do Atlántico aséntanse sobre unha zona de servidume de protección de costas.

c).- Unha parte das instalacións de Reganosa foron construídas sobre un recheo ilegal, gañado ao mar. Incumpríndose en moito, a superficie concedida para os seus peiraos.

d).- As instalacións de Reganosa están situadas sobre chan comprado a baixo prezo á veciñanza (solo rústico especialmente protexido) que posteriormente, o Concello de Mugardos, co beneplácito da Consellería de Política Territorial, recalificou como solo industrial. A estas alturas xa coñecemos que parte dese chan segregado e valorado en 47 millóns de pesetas en febreiro del 2001, vendeuse un mes despois por 737 millóns. E estamos a falar dunha planta de gas que ameaza ás persoas, postos de traballo e á ría enteira. Unha bomba de reloxería.

E por outra banda, o pasado 23 de novembro, se entregaba a Roberto Tojeiro o galardón “II Premio á Familia Empresaria de Galicia” (como antes fixera a Deputación da Coruña, entregándolle a Medalla de Ouro), coa presenza de representantes de diversas institucións galegas.

Pretensións
Non é a primeira vez que se lle recoñece como “empresario modelo”, “moderno”, “modelo de éxito”, “lección de valentía”, “compromiso con Galicia”, “¿¡que asume riscos!?”. Só falta incluír “galegos coma ti” e “vivamos como galegos” para pechalo círculo, en clara intención de difuminar a súa verdadeira dimensión e facerlle aparecer como patriota. ¿Ou non é esa a pretensión tamén de quen premia? O Sr. Burns dos Simpson, quédase pequeno.

E chegados aquí cabe preguntarse, coa seguridade de que non nos volveron idiotas. ¿É este o modelo de empresarios que defenden as nosas forzas políticas? ¿É este o comportamento empresarial que estimulan os nosos representantes nas institucións? ¿Cal e a colleita que esperan obter desta práctica política? ¿Botarán as mans á cabeza se ao final descobren que alimentaron ao monstro? ¿Ou non tomaron nota aínda da experiencia de Marbella?

Non nos queda máis remedio que dicir, como o Sr. Minc que as comisións e o tráfico de influencias están envelenando o conxunto da vida social. Ese camiño soamente conduce á degradación da vida democrática e das súas institucións.

Afortunadamente, a maioría deste país non está corrompido. Esa constatación abre o camiño á esperanza. Pero, ¿con que modelo de empresarios?

4.81/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Pillado

Rafael Pillado Lista naceu en San Cibrao (Cervo) en 1942. Con dous anos trasladouse coa súa familia a Ferrol, onde seu pai estaba preso pola súa filiación republicana. Traballou de montador mecánico en Bazán, onde tivo unha importante actividade sindicial e política en CC.OO. e no PCG. Na actualidade é afiliado do PSdeG e é vicepresidente da asociación Fuco Buxán. »



Anteriores...