Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Rafael Pillado

Ferrol 1972

10:10 12/03/2009

Hai 21 anos, Xulio Aneiros, Manolo Amor, José María Riobó (a quen quero lembrar hoxe, xunto con Amador e Daniel), máis eu, asinabamos un artigo para reivindicar a data do 10 de marzo de 1972. Diciamos así: “O dez de marzo cúmprese o dezaseis aniversario da máis importante mobilización dos traballadores galegos na súa historia recente. En marzo do 72, os traballadores da Bazán, núcleo máis organizado da Clase Obreira Galega, coa solidariedade da comarca, Galicia e outros lugares de España, enfrontábase resoltamente contra a Empresa e Institucións políticas do franquismo, que negaban dignas condicións de vida e de traballo, e as liberdades políticas, sindicais e nacionais, ao conxunto da sociedade. Impoñían así a súa maioría de idade e rexeitaban unha ditadura que xa duraba décadas, e cuxa razón de ser era asoballar os traballadores”.

“O 10 de marzo convertíase así na expresión internacionalista dos traballadores galegos na defensa de dereitos e liberdades a conquistar polos traballadores españois. Constituía e constitúe un achegue ó que é a festa do 1° de maio para todos os traballadores do mundo”.

Certo, o 10 de marzo de 1972 os traballadores da Bazán e con eles os da comarca, e a cidadanía de Ferrol, agredidos polas forzas represivas do franquismo paralizaron a cidade. Así o relata o noso amigo infelizmente falecido, Ramiro Fonte en “Os leopardos dá lúa. 1993”... A cidade negábase a espertar. O ambiguo silencio do albor prolongábase cara o medio día, coma se todo estivese encamiñado a borrar aquela data do conxunto do tempo. As badaladas das horas soaban mal, desconcertadas e, no canto de alelar o aire, aínda o magoaba máis creando unha forma de silencio maior. Non se ouvían as cornetas dos cambios de garda nas principais dependencias marítimas, nin os monótonos muxidos das sirenas do estaleiro. As portas dos comercios das rúas principais estaban pechadas. Os coches non circulaban. A cidade estaba morta, coma se ás súas portas viñesen petar, novamente, os espectros dunha afastada guerra ...”

Efectivamente, a morte de Amador e Daniel, a posibilidade de que Xulio Aneiros morrese tamén, e a morea de feridos polo ataque policial provocaron unha resposta fulminante e unánime dos ferroláns e ferrolás, un rexeitamento a aquelas accións fora de toda medida. O réxime pretendía producir unha grande conmoción a sangue e lume que xustificase despedimentos e cadeas para desfacer a organización opositora dos traballadores. O réxime daba por perdido o seu control sobre esta comarca, como recoñecía o xefe do servizo secreto, Coronel San Martín, e quería reprimilo custase o que custase. E iso sen que por parte dos traballadores se recurrise a ningunha forma de violencia. Exercitábanse, iso si, o que hoxe son practica legal, a manifestación e a folga.

Pero hoxe, 37 anos despois daqueles feitos, cómpre ter presente aquela experiencia. Non xurdiron por casualidade aquelas loitas. Eran o resultado de anos de traballo, de sufrimentos, de sacrificio por dotar aos traballadores de instrumentos axeitados de defensa. As ensinanzas de marzo dinnos que en calquera circunstancia, a unidade dos traballadores é fundamental. Unidade para a acción, non para a pasividade. Como é fundamental a solidariedade de clase. Unha solidariedade que no 72 supuxo que o problema que afectaba a un grupo de traballadores, por pequeno que fose, era de todos. Do mesmo xeito que onde había un persoal desorganizado, era tarefa de todos axudalos a organizarse. E esa tarefa correspondeu fundamentalmente aos compañeiros de Bazán e Astano, onde se concentraba a principal forza laboral.

Solidariedade de clase que rachaba calquera diferenza entre traballadores fixos e subcontratados. Proba diso é que anos despois, moitas das subcontratas incorporáronse as empresas principais. Por que agora non?

Non deberamos perder de vista que estamos diante dunha grave crise do sistema económico. Que vai afectar, xa o está facendo, a tódolos sectores da sociedade e fundamentalmente ás forzas do traballo e da cultura, sobre todo afectar pola precariedade laboral. Sen perder de vista que tamén sacode xa a importantes sectores da pequena e mediana empresa.

Ninguén sabe até onde chegará esta situación, a pesar de que os gobernos se poñen a disposición daqueles que veñen xenerando o fundamental da crise. E sería moi bo, que os sindicatos tomasen nota. Pola profundidade dos problemas, a situación esixe ter ben engraxadas as ferramentas de defensa dos traballadores. E quen non respondan nesta época ás necesidades do mundo do traballo, poden quedar arrinconados pola historia.

Non chega con ter institucionalizada esa data de marzo. Nin chega con ter estruturas sindicais organizadas. Hai que dar cada día proba da súa utilidade.

O 10 de marzo é unha data na historia pero é tamén un espello en que mirarse para non perder o paso.

4.92/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Pillado

Rafael Pillado Lista naceu en San Cibrao (Cervo) en 1942. Con dous anos trasladouse coa súa familia a Ferrol, onde seu pai estaba preso pola súa filiación republicana. Traballou de montador mecánico en Bazán, onde tivo unha importante actividade sindicial e política en CC.OO. e no PCG. Na actualidade é afiliado do PSdeG e é vicepresidente da asociación Fuco Buxán. »



Anteriores...