Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Rafael Pillado

Ría de Ferrol, no ollo do furacán

18:27 18/02/2009

O conselleiro de Medio Ambiente, no seu paso por Ferrol o 27 de xaneiro, anunciou o seu compromiso coa Ría declarándoa "zona sensible", sinalando ademais que a "bocana da Ría é moi estreita e os riscos da deterioración das augas son maiores". Engadía que a partir do ano 2009 poñerá en marcha "un plan de controis de vertidos, inspección e análise da Ría, que pretende diagnosticar os pequenos vertidos que poderían escaparse aos controis de maior envergadura".

Noutras circunstancias, poderiamos considerar esas declaracións como un paso positivo. Non obstante, e paralelamente a esas declaracións, dous días despois, o 29, o Diario Oficial de Galicia recollía o anuncio de Reganosa para licitar a ampliación de capacidade de regasificación, multiplicando por dous e medio a actual capacidade.

Tal decisión supón varios e graves problemas:

1º.- Se a situación actual é de degradación, na que se utilizan 300.000 toneladas diarias de auga da Ría para quentar o gas, e que volve ao mar moito máis fría, esterilizada e contaminada de cloro, con esa ampliación, pasaría a 600.000 toneladas por día.

2º.- O número de gaseiros que entrarían na Ría, pasarían dos actuais 36 ao ano, a máis de 100, o que multiplicaría os riscos para toda a poboación. E ninguén sabe qué licencia e qué tramitación medioambiental se fixo para que se autorice esa ampliación, nin tampouco se sabe cal foi a postura dos Conselleiros de Medio Ambiente e Pesca nesa decisión.

3º.- Por outra banda, en clara contradición coas declaracións feitas, esa Consellería outorgou a Forestal do Atlántico a Autorización Ambiental Integrada, rexeitando as alegacións de varias asociacións que mostraban os datos fraudulentos aportados pola Empresa. De tal xeito que se autorizou verter á Ría 351.475 toneladas diarias de augas residuais. E vexamos ademais que, o proxecto de depuración da banda sur da Ría, que percorre dende Fene a Ares, deixa á marxe os verquidos de Forestal e Reganosa, que van sen depurar ao mar.

E aínda máis, o Presidente da Xunta, Sr. Touriño, o día 30 de Xaneiro anunciou que “Antes do remate da próxima lexislatura, nos anos 2011-2012, estarán saneadas as rías na súa totalidade”.

Nas circunstancias actuais, tanto o anunciado polo Conselleiro como polo Presidente é imposible na Ría de Ferrol. Ou descoñecen a realidade, ou simplemente a ocultan. En calquera dos casos, é grave.

A única forma de cumprir eses compromisos é sacando a planta de Gas de Reganosa do interior da nosa Ría. Si, gustaríanos que iso se fixese pola decisión dos dirixentes políticos galegos antes de que os tribunais e a presión cidadá o consigan.

O conselleiro terá que explicar esa contradición. E tamén, ¿por que esa excepción con Ferrol? ¿En beneficio de quen?

Incluso, o anuncio da creación de emprego no marisqueo galego choca frontalmente coas tendencias na nosa comarca.

Non nos cansaremos de repetir que un sistema baseado na destrución do medio, como estamos a vivir, non ten futuro e se encamiña a un grande fracaso.

Por último, quixeramos saber onde quedou o argumento de que Reganosa é unha empresa estratéxica para Galicia. Porque é previsible que as decisións de Reganosa queden nas mans dunha empresa catalá ou aínda máis probable, dunha empresa italiana.

Ver para crer.

4.69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Pillado

Rafael Pillado Lista naceu en San Cibrao (Cervo) en 1942. Con dous anos trasladouse coa súa familia a Ferrol, onde seu pai estaba preso pola súa filiación republicana. Traballou de montador mecánico en Bazán, onde tivo unha importante actividade sindicial e política en CC.OO. e no PCG. Na actualidade é afiliado do PSdeG e é vicepresidente da asociación Fuco Buxán. »



Anteriores...