Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Rafael Pillado

Carta ao Alcalde de Ferrol

13:13 04/02/2008

Estimado Sr. Alcalde Vicente Irisarri: o pasado 23 de xaneiro tiven a oportunidade de ver na televisión a película titulada “Tarragona: paraíso en chamas”. Recreación do dramático suceso acontecido en 1978, no cámping “Los Alfaques”, instalado na costa catalá. Quen vira a película non poderá esquecer aquelas dantescas imaxes. Trouxéronme á memoria as fotografías de prensa na que se vían os corpos totalmente calcinados. Conservaban a postura que tiñan antes do impacto.

Un camión cargado con 23 Tm. de gas licuado impactou contra aquel cámping, provocando unha explosión que arrasou parte importante das instalacións. Supuxo preto de 300 mortos, 20 desaparecidos e moitísimos feridos graves e leves. Unha traxedia que, segundo a propia película pudo ser evitada. ¿Lembra vostede os feitos? Eu si.

Sr. Alcalde, so tres días antes facía vostede unhas declaracións a un medio de prensa, nas que, tras ser preguntado ¿cantos queren aínda o seu peche?, referíndose a Reganosa, afirmaba que “practicamente o 100% houbese desexado que estivese no peirao exterior e así foi deseñado polo Goberno socialista no seu día. Pero, ese mesma altísima porcentaxe cre que neste momento, ante a imposibilidade do seu traslado polos custes e a complexidade técnica, hai que dirixilos esforzos a que opero coas máximas condicións de seguridade. E creo que hoxe as medidas se seguridade son suficientes”.

Tras estas afirmacións, con toda cordialidade, emprázolle coas seguintes preguntas:

1.- Partindo de que o 100% dos cidadáns desexa que este no porto exterior, ¿fixo vostede algunha consulta que indique o contrario? Na lexislación europea existe a posibilidade de consulta. ¡Fágaa!, de non ser así, esa afirmación, ademais de balde, é irresponsable.

2.- Dí vostede que non se pode trasladar ao peirao exterior polo custe. ¿Custe de quen? Vexamos: A) A inversión foi realizada polos socios de Reganosa, incumprindo a Lexislación e acelerando a súa construción, pese a dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que confirmaban a falta de Estudo de Impacto Ambiental. A actitude de feitos consumados, foi con total desprezo á Legalidade. B) Non cumpre as condicións establecidas na autorización de construción: Distancias a núcleos de poboación de 2000 metros e libre entrada e saída dos gaseros en caso de emerxencia. Nesas condicións, os inversores perderían calquera indemnización.. (A autorización recorrida busca protexer aos inversores, nada máis). Polo tanto, os socios arriscáronse a perdelo investimento. E di vostede, tamén, pola complexidade técnica. Ese argumento non o dan nin os promotores.

Non existen tales límites. E vostede o sabe. Contra todo tipo de argumentos técnicos estase a construír un porto exterior n’A Coruña.

3.- No caso de “los Alfaques” era posible evitala traxedia. ¿Cre vostede que os argumentos técnicos o de custes poden xustificala morte dun so cidadáns? Non digamos de miles!

4.- E afirma vostede que, segundo a súa opinión, “as medidas de seguridade son suficientes”. Precisamente, Europa decidiu endurecelas esixencias para este tipo de instalacións. Esas medidas son hoxe vulneradas por Reganosa. E esa Lexislación parte do feito certo de que non existen garantías suficientes na seguridade. Nunca son suficientes. Véxase o peche da planta de Brindisi en Italia.

5.- Escoitámoslle dicir ¡que fale a Xustiza! Sendo xa alcalde, tivo a posibilidade de facilitar que a mesma falase, se revocaba a decisión do Sr. Juncal de renunciar a unha sentenza favorable ao Concello de Ferrol. Non o fixo. ¿É que desconfía vostede da Xustiza? ¿Ou é que esqueceu á mesma?

Por último, vostede non ten nada que ver coa decisión de instalar Reganosa en Mugardos. O porto exterior deseñouse para que alí estivera a regasificadora, sendo vostede Presidente do porto. Pero, polas razóns que sexan, vense a sumar a cantos defenden as teses desa empresa.Argumentan que “agora xa foi”. Pois ben, con esa argumentación renuncia vostede a defender a cantos aquí vivimos. A quen queremos seguir vivindo. E por iso, deslízase cara a irresponsabilidade deste desaguisado. Eu podo compartir moitas cousas con vostede, pero, neste caso, síntome a anos luz.     

4,94/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Pillado

Rafael Pillado Lista naceu en San Cibrao (Cervo) en 1942. Con dous anos trasladouse coa súa familia a Ferrol, onde seu pai estaba preso pola súa filiación republicana. Traballou de montador mecánico en Bazán, onde tivo unha importante actividade sindicial e política en CC.OO. e no PCG. Na actualidade é afiliado do PSdeG e é vicepresidente da asociación Fuco Buxán. »



Anteriores...