Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Hermida

Desafeccións

14:15 29/05/2009

“A división provincial do 1833 esnaquizou
a nosa unidade adeministrativa –
derradeiro vestixio das liberdades galegas”
Sempre en Galiza. Castelao

Foi o ex-presidente da Generalitat, Pascual Maragall, quen afirmou nunhas declaracións realizadas durante o cénit da campaña anticatalanista da dereita española e coa rebaixa do Estatut polo medio, que había unha crecente desafección dunha maioría dos cataláns e das catalás por España.
Este sentimento de desafección que moitos, desde outros lugares do Estado, tamén notamos non vén motivado póla pertenza a un Estado común máis ou menos compartido ou imposto, nin pola “amabilidade” maior ou menor dos nosos veciños; trátase dun sentimento baseado na observación da realidade actual e na mirada retrospectiva que sitúa as contradicións nacionais no centro dos grandes conflitos habidos durante o século XIX e XX e, polo que parece, se prolongan durante os primeiros anos do século XXI.

Trátase da existencia dun nacionalismo español sobre o que se sustenta o paraugas ideolóxico da dereita. A frase de Jose Antonio, “es preferible una España roja que rota”, no fondo tradúcese en: “non podemos permitir unha España “rota” porque será unha España roja”.

Paraugas ideolóxico que contamina tamén á esquerda –e non me estou a referir a proxectos populistas como UPyD–. Na miña participación en diferentes proxectos de carácter federalizante, tal como lles gusta recordar a algúns dos máis críticos coa miña columna, sempre observei que a pluralidade do Estado nunca se entendeu en toda a súa extensión por quen residían no centro peninsular. É máis, as rupturas aparentemente xerminadas arredor da contradición “esquerda versus dereita” medraban á calor da contradición “centro versus periferia”.

O outro día tiven ocasión de asistir a un acto dun dos proxectos políticos máis innovadores que hai na esquerda actual –mesmo de carácter confederalizante– e puiden comprobar como o relator –de Madrid– non sabía responder a unha pregunta xeral sobre a realidade política galega. Curioso porque estou convencido de que unha ampla maioría das persoas das esquerdas galegas teñen coñecemento da situación política de Madrid, Euskadi ou Cataluña, do mesmo xeito que seguen a situación portuguesa ou francesa, brasileira ou norteamericana.

Quizais sexa este o motivo, e non outro, da dúbida que o outro día formulaba Suso de Toro nun artigo de fondo: por que sendo o ideal federal o máis respaldado politicamente, non existían federalistas, agás o xa mencionado Pascual Maragall.

Mais falemos doutra desafección. A desafección que temos algúns pontevedreses e pontevedresas por Pontevedra. Que tamén ten no ideoloxico o seu elemento central.

Hai 10 anos, a chegada do BNG ao goberno municipal parecía amosar que unha nova xeración de pontevedreses e pontevedresas gañaba a rebelión contra a rancia capital de provincia e as súas “forzas vivas” (se digo os PTV, en Pontevedra saberán do que falo).

O primeiro mandato do BNG foi intenso na transformación da cidade aínda que a perda de pulso na última etapa, así coma o empezoñamento en políticas medioambientais negativas, impediron unha maioría absoluta practicamente segura.

O segundo mandato do goberno, esta vez xa BNG-PSOE, iniciouse con sinais de alarma preocupantes –medioambientais, culturais e sociais, fundamentalmente– así como unha lectura dos resultados electorais errática que marcou unha liña de achegamento aos sectores máis conservadores da vila en detrimento da base social –fundamentalmente nas parroquias– que sustentara o cambio.

Os dous anos deste terceiro –e xa último– mandato téñense caracterizado por actuacións impensables, non só nun goberno de esquerdas senón nin sequera nun goberno medianamente progresista.

A actitude do actual goberno municipal poñéndose á fronte da mobilización racista anti-xitana era preludio da política social de alianzas dun goberno que agora dá un paso máis ao liderar de novo as “forzas vivas” na defensa da capitalidade.

Algúns amigos, e menos amigos, de fóra de Pontevedra pregúntanme con estupefacción que lle pasa ao BNG en Pontevedra, coma se se tratase dun acto de “enaxenación temporal” dos nosos rexedores.

En realidade non é nada diso. Trátase dunha dereitización constante ao longo destes anos que ten o punto de partida nunha política de alianzas cos sectores máis reaccionarios da cidade, primeiro para auparse no poder e despois para manterse nel.

Non hai que esquecer que o BNG pivotou toda a súa estratexia electoral no peche de celulosas, aínda que sen deixar de todo claro cal ía ser a utilización que no futuro ían dar á zona marítimo-terrestre ocupada.

A chegada de Telmo Martín ao PP local desactivou a campaña anti-celulosas sobre a que o BNG construíra o seu espazo electoral e ademais resituou a certos sectores detrás pensando xa na posible especulación urbanística sobre uns terreos que nunca van ser devoltos ao mar.

Pontevedra e as súas “forzas vivas” pois, crean a desafección dunha parte da poboación de esquerdas que crían e cre noutra Pontevedra e que pensa que si hai motivos para mobilizarse e non precisamente pola demanda da capitalidade. Motivos como:

- A loita contra a precariedade e o deterioro das condicións laborais motivada por un capitalismo en crise;
- a defensa da sanidade publica nun momento en que se paralizan os planos de investimento nela;
- a defensa do ensino de calidade e en galego;
- a mellora dos servizos públicos e a súa extensión ao rural pontevedrés;
- a creación dunha rede interior de transporte público inexistente;
- a creación dun tren de proximidade que permita crear un corredor interurbano Pontevedra-Vigo;
- o anti-racismo militante a favor do inmigrante e dos xitanos;
- a loita contra a violencia machista;
- o remate da malversación de fondos públicos.

Defender a capitalidade da provincia é defender un proxecto decimonónico, defensivo e sen futuro; pero ponse de actualidade instrumentalizando un sentimento máis ou menos amplo pero reaccionario que só serve para manter a institución máis rancia e máis innecesaria: a deputación (convertida nunha especie de vireinado polo señor de Ribadumia).

En todo caso, as desafeccións son procesos complexos de analizar. Máis sinxelo vai ser contabilizar a cantidade de votos brancos e abstencións –porque o PSOE local non está moito mellor– de votantes de esquerda de anteriores convocatorias electorais municipais.

Dúas cuestións a ter en conta: o novo portavoz do BNG, Guillerme Vázquez, ata hai ben poucos días membro do grupo de goberno en Pontevedra, ben faría desautorizando este xiro político dos seus antigos compañeiros de corporación. Debe responder se respalda a política racista promovida contra os xitanos e se cre que Vigo non ten entidade suficiente para ser un espazo político á marxe da actual provincia. Se non, alguén debería preguntarllo!

É mais que curioso ver coma os sindicatos maioritarios que non levan adiante unha mobilización contundente en plena crise e cando se agasalla á banca con miles de millóns de dolares, poñense dacordo para ir de xeito conxunto coa patronal en defensa da capitalidade.

Terá razón Walden Bello cando dí que a verdadeira clase revolucionaria son os pequenos labregos e labregas e que a nova internacional é Via Campesiña ?

3.64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xoan Hermida

Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Actualmente é responsable de comunicación e RR.HH. da devandita organización. As súas reflexións poden consultarse tamén na bitácora Galiziaecosocialista. <!-- @page { margin: 2cm } P { margin-bottom: 0.21cm } »



Anteriores...