Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CRÓNICA DENDE A 33 FEIRA INTERNACIONAL DO LIBRO

'En Bos Aires comprendemos que o noso país non é pequeno'

Díxoo o subdirector de Creación e Difusión Cultural da Xunta en Arxentina. Unha crónica para Vieiros de Débora Campos.

Débora Campos - 17:26 23/04/2007

Mentres era oficialmente inaugurada pola senadora e muller do presidente arxentino, Cristina Fernández, a 33ª Feira do Libro de Bos Aires o xoves, preto de alí unha comitiva de escritores galegos ofrecía unha mesa redonda sobre “Literatura galega actual”, no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Belgrano. “É aquí, en Bos Aires, onde moi especialmente comprendemos que o noso país, que é pequeno e ten unha determinada cantidade de persoas, nin é tan pequeno nin remata nesas persoas que nel viven”, dixo visiblemente conmovido o subdirector de Creación e Difusión Cultural da Xunta, Francisco F. Fernández Naval na apertura.

Fernández Naval chegou á Bos Aires o xoves mesmo encabezando unha delegación que completan os escritores María do Cebreiro, Anxo Angueira e Carlos Arias e as cantantes Uxía Senlle e Carme Dor. Todos eles participarán de actos dentro da Feira do Libro, unha das mostras culturais mais importantes da rexión, e doutras actividades organizadas polas institucións da colectividade galega bonaerense.

A primeira desas presentacións foi a que fixeron na Universidade de Belgrano. Diante dos profesores e alumnos do Centro de Estudos Galegos. Moito se falou de libros. E moito de emigración.

“É unha honra, un pracer incualificable asistir a este acto, diante de este público tan entusiasta entre os que teño familiares que acabo de coñecer hoxe, esta mañá”, seguiu Anxo Angueira quen, certamente, chegou escoltado por tíos que non deixaban de ollalo cheos de orgullo e ledicia. Logo, percorreu o que chamou “estigmas da literatura galega asociados a escritores”: Rosalía, Manuel María e Xosé Luís Méndez Ferrín.

E rematou dicindo: “As consecucións políticas son inestábeis. As conquistas lingüísticas van e veñen. Pero onde non temos problemas é na literatura. A literatura é un espazo liberado e temos un sistema literario que é fabuloso. Claro que temos tensións e ten que habelas!, iso tamén mostra que somos unha literatura normal”.

Cando chegou o seu momento, Carlos Arias trazou un panorama da actualidade galega diante dun público maior que levaba nas mans as copias e apuntes coa biografía de cada un dos presentes, porque eles tiñan estudado e preparado preguntas para esa presentación. As donas non escondían o tempo adicado á maquillaxe e escolla das roupas, nin eran quen, moito menos, de disimular a expectación. Dende logo, houbo quen gravou a presentación e quen fixo fotos dos persoeiros. O que alí pasaba era, para eses homes e mulleres, algo ben parecido a unha festa.

“Vivimos un auténtico milagre. Vivimos case 70 ou 80 anos de expansión da literatura e aí está Galicia, nese momento”, dixo. E engadiu: “Hai outra transformación que está detrás desta e é a propia transformación de Galicia”.

No remate, foi a quenda da poeta María do Cebreiro que percorreu o fenómeno da poesía de autoras dos anos 90. Antes diso, claro, contou unha historia: “Súmome a esa emoción de pisar por primeira vez esta terra. A miña nai pediume que paseara por Bos Aires en honra da miña avoa Elvira que sempre desexou facer tal”.

En Bos Aires, do Cebreiro falou do poeta arxentino (de orixe) e galego Eduardo Estévez salientando un dos seus primeiros libros nos que adoptou a voz narrativa dunha muller “porque daquela (anos 90) era rendible formar unha voz feminina”, dixo e logo subliñou catro vieiros dentro da poesía de autoras galegas.

Cando foi o momento das preguntas, un home pediu a palabra e dixo en galego: “Nos, os que aquí estamos, somos galegos ou fillos de galegos e temos no corazón a Galicia que os nosos deixaron ao vir para aquí. A miña nai foi alá de novo e cando volveu me dixo: «Galicia non era Galicia. Os vellos morreran e os novos eran vellos». Dalgún xeito vivimos nesa Galicia e por iso non sabemos nada da nova poesía nin dos novos autores que aquí non podemos ler. É un xeito de nos desculpar diante de vos”.

Para rematar, o coordinador do Centro de Estudos Galegos, Adolfo Lozano, pechou a mesa redonda cun chamamento: “Vós", díxolles aos escritores galegos e á cantante Carme Dor, "tendes que vir máis. Nós tamén somos galegos e queremos coñecervos, falar galego, aprender”.


4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Fernández Naval, María do Cebreiro, Anxo Angueira e Carlos Arias. Foto: Débora Campos
Fernández Naval, María do Cebreiro, Anxo Angueira e Carlos Arias. Foto: Débora Campos