Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Cultur.Gal

Na procura dunha industria dinámica para a literatura, a música e o audiovisual

O Pazo de Congresos de Pontevedra acolle até o domingo a Cultur.Gal, unha feira que integra e relaciona os sectores que actúan arredor da cultura galega.

Redacción - 13:50 11/05/2007

A cultura galega vai moito máis alá do libro. É unha das mensaxes que se quere transmitir coa celebración do primeiro Cultur.Gal. Esta iniciativa posta en marcha pola Asociación Galega de Editores parte co obxectivo de integrar a todos os actores da industria cultural galega: literatura, audiovisual e música principalmente.

Deste xeito, o Pazo de Congresos de Pontevedra convértese nunha plataforma na que expor toda a oferta producida pola industria cultural do país, constituíndo un perfecto escaparate para profesionais e cidadanía en xeral. Os que se achegan durante estes días até o recinto pontevedrés teñen a súa disposición todo tipo de productos culturais realizados en Galiza: libros, discos, dvds, produtos informáticos, artesanía do libro e do papel, etc.

As actividades culturais tamén centran o protagonismo nesta primeira edición da feira. Así, Cultur.Gal ofrece tamén unha continuada oferta de eventos, baseada na presentación de libros e discos, no encontro con escritores e músicos, proxeccións, mesas redondas, actuacións musicais, actividades infantís ou danza, así como a retransmisión en directo de diversos programas de radio e televisión da RTVG.

Comeza a fin de semana no Cultur.Gal


A feira prepárase para recibir a meirande parte dos 20.000 asistentes que se agardan en total logo da xornada inaugural deste xoves. O venres, a mañá está protagonizada polo Seminario Sobre Comercio internacional do libro, un concerto da banda de música de Pontevedra, a proxección de diversas curtametraxes de ficción e a presentación do programa Mega, música en Galicia.

Pola tarde, proxectanse os documentais A casa de Lola de Andrés, Cousas de Kulechov, Contactos, Vilaboa: mirando á Meca, Tecendo o fío da memoria e Mundo Bazar. Os visitantes tamén terá a oportunidade de experimentar coa dobraxe cinematográfica a través de escenas de Heroína, Para que non me esquezas, Trece badaladas, Finisterre, O ano da carracha e O lapis do carpinteiro.

As presentacións de libros tamén terán o seu protagonismo na tarde do venres. Así, os escritores Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, e o historiador Francisco Xavier Redondo Abal, autor de Botarse ao monte. Censo de guerilleiros antifranquistas en Galiza, asinarán exemplares das súas obras. Jaureguizar tamén presentará Plastilina nos pulmóns, o xornalista Eduardo Rolland fará o mesmo con Galicia en guerra, así como Política Lingüística Presentación con NDL (Novas de libros), revista de novidades editoriais da AGE, financiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Pola súa parte, o cineasta Héctor Carré asinará exemplares da súa novela Diario do impostor, ao igual que Agustín Fernández Paz coa súa obra Corredores de sombra.

Ás cinco, proxectase un documental sobre a rodaxe de Hotel Tívoli de Antón Reixa. A mesma hora comeza a emisión en directo desde o Pazo do programa da Radio Galega As quimbambas. Longo sendeiro de pedra, Danza na terra, Paralelo, Estiven en Galicia e lembreime de ti, Dez olladas, Ecos e La línea, son unha serie de documentais experimentais que se proxectan desde as 18:00 h. A
presentación do disco Engado de Xosé Lois Romero precederá á emisión en directo do programa Xabarín Club da TVG e ao concerto do grupo Malvela. Pouco despois celebrase unha lembranza a María Mariño coa proxección dun traballo documental de Manuel Forcadela.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: