Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Xurxo Borrazás en Cultur.gal

«A creación é un acto solitario que non ten nada que ver cunha feira»

O autor presentou en Pontevedra Arte e parte, o seu primeiro ensaio, que edita Galaxia.

Modesto del Río - 19:05 12/05/2007
Xurxo Borrazás

Xurxo Borrazás

O escritor carballés Xurxo Borrazás presentou o sábado á tarde no Cultur.gal o seu primeiro libro de ensaio propiamente dito, Arte e parte, onde se ven implicados autores, lectores, críticos, editores, a literatura, a lingua e a cultura. De todos os xeitos, non se amosou moi amigo das feiras nin dos actos de presentación pública de libros.

Vieiros: Este é o seu primeiro ensaio. Ao falar da arte e da cultura, céntrase na cultura galega?

Xurxo Borrazás: Xa tiña outras dúas obras que bordeaban o ensaio, O desintegrista e Pensamentos impuros, aínda que este é o meu primeiro ensaio puro. En parte si que se trata da cultura galega e tamén de temas máis xerais da cultura galega. Fala da arte, non só galega, e da súa relación coa política, a sociedade e moitos outros temas.

V: Ao falar de cultura galega, referímonos a cultura en galego? Pódese facer cultura galega noutras linguas?

X. B.: Por suposto, a cultura galega ten que ser en galego. Iso é incontestábel. Non é algo que trate exclusivamente no meu libro, porque xa é de por si un punto de partida. Paréceme inxusto que haxa medios que lles dedican moitas páxinas a autores que escriben en castelán e que levan un premio nalgún lugar remoto do Estado, mentres se esquecen de bos escritores na nosa lingua, que están desaproveitados.

V: E que pensa dunha feira como Cultur.gal e do papel que pode xogar para dar a coñecer a cultura do noso país?

X. B.: Non é este o tipo de actos que máis me gustan. É un escaparate da cultura coa que non coincido. Eu veño para presentar o meu libro. Eu, por min, non faría algún tipo de acto, porque penso que a creación é un acto máis solitario. Non ten nada que ver cunha feira. No de achegar a cultura á xente, supoño que será ese o seu obxectivo, pero iso téñeno que avaliar os políticos e os organizadores.


4.14/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: