Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓNS NO MNAC: DEBUXOS E NATURAS MORTAS

As cinsentas da Pintura reclaman as súas horas de gloria

Non sempre as obras mestras están presididas por figuras humanas, profusamente coloreadas. Os bodegóns só serven para facer prácticas nos días que non hai encargos? Previo a cada obra pictórica, hai que pasar polo debuxo?

Lito Caramés - 23:00 18/06/2007

Se no mundo da arte pictórica hai un “irmán cativo”, un case-nada, un proxecto de..., iso é o debuxo. É habitual sentir que o debuxo non é máis ca unha fase preparatoria para a Pintura; o que importa. Se a pintura ten unha temática que naceu de seu como simple exercicio de estilo e que é desprezada por amplos sectores sociais e culturais, é a natureza morta, o bodegón.

Pois ben, o MNAC, ese museo cada mes máis amplo e sito nese marco incomparable (vai de tópico!) de Barcelona que é o Palau Nacional de Montjuïc, ten o acerto de exhibir ao mesmo tempo dúas exposicións temporais, dúas. Unha leva o título de Natures Mortes, de Sánchez Cotán a Goya, a l'entorn de la Col.lecció Naseiro adquirida per al Prado, mentres que a outra responde por Dibuixos espanyols a la Hispanic Society of America. Del Segle d'Or a Goya. Case nada. E as dúas --de feitura e procedencias dispares-- rematan en Goya.

O MNAC brinda a oportunidade de comprobar se esas dúas formas creativas son as ovellas negras da Pintura. Para animar as visitas só anotar dúas observacións, apuntamentos sobre o debuxo e as naturezas mortas. Primeiro, recomendar a re-visualización do filme “El Sol del Membrillo” (Víctor Erice, 1992), onde o pintor Antonio López pasa meses (meses!) debuxando, perdón querendo debuxar, a fugacidade do intre, o movemento vexetal. E admirar Cesta de Froita (1597), de Caravaggio, ou Bodegón con Cardo e Francolín, de Sánchez Cotán, dúas das primeiras naturezas mortas onde a austeridade de formas e fondos fala de experiencias relixiosas (misticismo, sufismo) e a virtuosidade técnica obriga a esquecer que son bodegóns, e a pórnos diante de obras mestras da pintura.

Estas reflexións, antes de falar nada do contido das exposicións, teñen un obxectivo: eliminar prexuízos a quen visite as salas do MNAC. Alentar a contemplación con ollares infantís.

A mostra de Naturas Mortas (Natures Mortes, de Sánchez Cotán a Goya, a l'entorn de la Col.lecció Naseiro adquirida per al Prado) presenta 60 obras de mestres deste xénero: os Zurbarán, Sánchez Cotán, Luís Meléndez ou Goya. Dentro dos bodegóns, uns artistas buscan máis as froitas, mentres outros introducen animais. A destacar as pinturas de acios de uva tinta e branca que se poden apreciar nas telas de Fernández ou de Zurbarán, ou as complexas composicións de Meléndez, con mazás, acios, pan, melóns e botellas. A mediados do século XVII unha liña de traballo decídese polas flores como tema único, pezas que tiveron éxito en moitas cidades. Incluso na Corte de Madrid.

Pintar seres vivos na súa última etapa, a morte, sempre forza á reflexión sobre a fugacidade da vida. Tempus Fugit. Calquera composición pictórica de froita, hortalizas, rosas e lebres é unha instantánea, unha fotografía. Intres despois xa mudou a forma e tamén algúns detalles da cor.

Onde se observa con crueza a morte é nas creacións de Goya. Parece que busca con intención a postura máis forzada e violenta para falar da morte dun peixe, da morte dun pavo, da morte de animais. Goya quere seguir a serie dos Desastres de la Guerra (as barbaridades de humanos contra humanos) con estas outras barbaridades contra os animais. Toda unha lección de agresividade e da brevidade da vida. A vida; só iso que está antes da morte.

Noutras salas, Dibuixos espanyols a la Hispanic Society of America. Del Segle d'Or a Goya, ofrece 82 obras de todo o fondo que a Hispanic Society of America ten de autores españois. Esta institución, creada polo mecenas A. M. Huntington en Nova York en 1904, é o centro cultural que máis obras de arte español conserva no estranxeiro. Unhas tres mil.

A mostra comeza con debuxos de corte clásico (renacentista) de artistas do século XVI, como Berruguete. A maioría dos deseños son de pintores barrocos. Así hai obra de Pacheco, teórico da arte e mestre de Velázquez, ou de Ribera. Deste último (Il Espagnoletto, como lle dicían en Nápoles) o seu debuxo David decapitando a Goliat interesa para observar a forza anatómica das dúas figuras e a composición en diagonal e escorzo, típica do barroco. Ribera foi un dos máis importantes seguidores do tenebrismo imposto por Caravaggio, e neste caso non pode optar polos xogos de luz violenta que tanto usou en pintura. Así que busca outros xeitos para que o debuxo non perda forza.

Outros nomes do XVII son Alonso Cano, Castillo ou os Herrera. Non poden faltar as inmaculadas de Murillo, a creación dunha nova iconografía --virxe xove e anxos coma rebolos-- que aquí se observa nos seus trazos principais.

Do XVIII, entre un tardo barroco e as propostas neoclásicas, hai debuxos de Bayeu, o cuñado e benfeitor de Goya, de quen se pode ver (como non!) un cartón para a Real Fábrica de Tapices de Santa Bárbara (para a que tanto traballou tamén Goya). Entre outros autores, chamar a atención sobre os debuxos que Rafael Ximeno elabora sobre o tema Dido e Eneas no porto de Cartago. Son tres estudos nos que compiten o academicismo e a temática clásicas contra novos aires de liberdade, que anticipan o romanticismo.

E remata a mostra con Goya. Dez debuxos de D. Francisco de Goya y Lucientes. Estas obras, como é de esperar, non están fóra das liñas de traballo de Goya. Por iso se poden incluír, uns deseños dentro do tratamento irónico (Tuti li mundi, Viejo en un columpio), outros máis moralizantes (Regocijo, Buena gente son los moralistas); e non faltan aqueles que se refiren á violencia (Tortura de un hombre, Majas peleando). Son todos debuxos potentes, redondos, coa forza e coas teimas das súas series de gravados.

EXPOSICIÓNS:

---Natures Mortes, de Sánchez Cotán a Goya, a l'entorn de la Col.lecció Naseiro adquirida per al Prado,

---Dibuixos espanyols a la Hispanic Society of America. Del Segle d'Or a Goya.

MNAC, Palau Nacional, Montjuïc
Horario: de martes a sábados, de 10 a 19 h., domingos, de 10 a 14,30 h.

As dúas até o 24 de xuño.


1.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: