Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Os proxectos poranse xa en marcha

Rehabilitaranse a reitoral de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, e a Colexiata de Xunqueira de Ambía, en Ourense

A Consellaría de Cultura e Deporte inviste 320.000 euros na primeira, para acondicionala como museo diocesano e vivenda, e 163.000 na segunda.

Redacción - 19:15 19/06/2007

Xa se fixeran traballos de rehabilitación da cuberta e da fachada da Casa Reitoral de San Martiño de Mondoñedo no 2005. Esta segunda fase centrarase en acondicionar o interior e repor as estruturas de madeira, as instalacións e os acabados.

A Dirección Xeral de Patrimonio propón darlle ao lugar unha dobre utilidade: por un lado como vivenda, e polo outro como un museo vinculado á igrexa, onde se exporá o seu material litúrxico e as pezas de arte que a conforman. Tamén se prevé unha partida para o proxecto museolóxico, que analice os temas e pezas que van ser expostos, e un posterior proxecto museográfico que estude a instalación expositiva.

Oito séculos de patrimonio arquitectónico

En canto á Colexiata de Xunqueira de Ambía, xa na terceira fase do proxecto, Patrimonio realizará traballos de limpeza mediante a eliminación de parámetros discordantes, sempre baixo o control arqueolóxico, ademais doutras intervencións como o desentullo de materiais soltos, as demolicións de pedra e do balcón de formigón, o levantado da carpintaría exterior, o destapado da porta norte, e escavacións interiores e exteriores cos seus estudos arqueolóxicos pertinentes.

A Colexiata de Xunqueira de Ambía ten a súa orixe nunha capela que se construíu no século IV. Xa no VIII estabeleceuse alí unha comunidade monacal, e foi no 995 cando se fundou o mosteiro de Santa María de Xunqueira de Ambía. Logo dunha etapa de decadencia, no 1928 a igrexa pasa a ser administrada pola Orde da Mercede. Esta basílica románica de tres naves e tres ábsidas é Ben de Interese Cultural desde o 3 de xullo de 1931, xunto coas outras edificacións singulares do centro histórico da vila.

As obras xa foron adxudicadas, no primeiro caso á empresa Construcións Luís J. Sánchez S. A., e no da colexiara ourensá, a Neor S.A., e comezarán de inmediato despois de que saíren publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 12 de xuño.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: