Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Falamos con Óscar Pereiro antes do Tour

"Hei demostrar na estrada a rabia que leve dentro"

Collemos a Pereiro cos últimos preparativos antes de viaxar a Londres, de onde parte, o vindeiro sábado 7 de xullo a máis importante competición do ciclismo de elite internacional: o Tour de Francia.

Antía Rodríguez - 09:00 04/07/2007
Pereiro no Tour 2006

Pereiro no Tour 2006

Vieiros falou co ciclista galego que toda a xente deu en chamar o "virtual gañador do Tour 2006"; mais o certo é que Pereiro aínda non puido nin cheirar a camisola amarela, e, lonxe da polémica que envolve a concesión do título de vencedor -que ve como unha cousa que vai para moi longo- ultima os preparativos para participar, un ano máis, na competición de máis sona do ciclismo mundial.

A afección galega quere espectáculo, pero tamén segue pendente de que Pereiro sexa proclamado, dunha vez, gañador do Tour. O de Mos tenta manterse alleo a todo, e, un pouco canso das polémicas, fala do seu estado de forma, do que agarda facer en Francia e de cómo está a medrar o ciclismo galego de base. Ademais, acaba de estrear páxina web na que vai ir subindo as crónicas diarias do que lle vaia acontecendo na rolda francesa.

Como marcha para o Tour? Como definiría o seu estado de forma?
A día de hoxe, case unha semana antes do Tour, teño mellores sensacións que o ano pasado. Levo case un ano sen aparecer por ningures e case non me dei conta de que pasaba o tempo e de que chegaba o Tour. Mais estou nun bo momento, cunha tamén moi boa conexión física e mental.

Sente que leva moreas de "presión popular" consigo? que os galegos agardan ter espectáculo?
Máis que presión eu chamaríalle apoio popular, ánimo. A verdade é que estou moi orgulloso de ter o apoio da xente. Ás veces rouba un chisco de intimidade, pero é moi fermosos e é un bo motivo para dar todo de min. Estes tres días que pasei na casa notei moito o calor da xente.

Sempre se mantivo abondo lonxe das polémicas do Tour 2006 (o xuízo pola posíbel dopaxe de Floyd Landis e as súas farangullas), está canso de todo o que rodeou o Tour pasado? De agardar por un maillot que non chega?
Eu creo que todos estamos un pouco cansos, e eu moito máis. Hai moito tempo que deixei de estar pendente de todo iso, aínda que ao comezo seguín o xuízo de Landis, e leo as noticias que van saíndo na prensa, mais un non pode vivir do pasado; hai que vivir do presente e do futuro. E vexo que a cousa vai para longo, moi longo.

Non cre que é un pouco incoherente que os organizadores do Tour non lle deixen correr co número 1 -que levan os gañadores da anterior edición-, mais, pola contra, fanlle saír de último, como deben facer os campións da rolda francesa?
Non vou levar un, que vou levar dous uns! A verdade é que é un pouco raro todo, unha especie de manobra para que a pescada non morda a cola. Eu tómoo con bo humor, porque xa demostrarei a raiba toda que leve dentro na estrada.

Que acontece cando un ciclista profesional dá positivo por dopaxe, perde credibilidade ante os compañeiros, perde caché ante as organizacións internacionais?
A dopaxe estase vendendo dun xeito estraño, como queren os medios, lonxe do día a día dos ciclistas. Se alguén rompe as regras e fai trampa, merece unha sanción e ten que pagar a pena, pero non se lle pode dar tanta mala publicidade como se está a facer. É como cando un amigo teu toma unhas copas, colle o coche e dá positivo nun control por alcolemia: daquela non vai deixar de ser o teu amigo e non o vas mirar por riba do ombro. Pasou, e debe cumprir a sanción, sexa cal sexa. No ciclismo, igual. Aos ciclistas que se dopan estalles ben que os sancionen, pero iso non debera cambiar a forma de pensar dos seus compañeiros. Non hai que tratalos de delincuentes: que cumpran as regras, e, senón, que paguen por non cumprilas, pero nada máis.

Como ve o ciclismo galego? como ve a canteira de ciclistas galegos e a progresión do equipo profesional, o Karpin Galicia?
O ciclismo galego está nun momento moi bo, que se está a vivir con moitísima ilusión dende os equipos e clubes do país. Os ciclistas galegos e o Karpin Galicia estamos funcionando como un reflexo para os máis pequenos, que poden ver nos nosos éxitos un exemplo a seguir. Ademais, está haber importantes cambios, como o acontecido na directiva da Federación, que pode que sexa para mellor. En xeral hai unha canteira escasa, pero se se traballa nese camiño, pódense facer moi boas cousas co ciclismo do país.

Pode que chegue o día no que ingrese nas filas do Karpin Galicia?
Iso nunca se pode dicir, porque é ben complicado. A día de hoxe competimos en niveis ben distintos e mentres eu poida andar nas grandes carreiras, aquí vou ficar. Mais, ogallá que algún día crucemos os nosos camiños: ou que eles dean un paso de nivel, ou que eu pretenda cambiar de vida, e relaxarme das competicións de elite na casa.


4.83/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Óscar Pereiro, coa súa camisola no Tour do ano pasado
Óscar Pereiro, coa súa camisola no Tour do ano pasado
A afección galega apoia a Pereiro. Na imaxe, coa Peña Pereiro
A afección galega apoia a Pereiro. Na imaxe, coa Peña Pereiro
Foto de equipo, con Valverde, do Caisse d'Épargne
Foto de equipo, con Valverde, do Caisse d'Épargne
Os comezos: a primeira licenza da federación
Os comezos: a primeira licenza da federación
Vieiros fala con Óscar Pereiro no mesmo día no que marcha ao Tour (Imaxes: www.oscarpereiro.com)
Vieiros fala con Óscar Pereiro no mesmo día no que marcha ao Tour (Imaxes: www.oscarpereiro.com)