Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN NA GALERIA LASSALETTA: BENJAMIN PALENCIA

Paisaxes e pictogramas do neno que "non sabe debuxar"

Un dos artistas que percorreu o século XX a carón doutros como Alberti, Mallo, Cossío, Neruda, é Palencia, un pintor que sempre seguiu o seu vieiro particular, aínda desde dentro das vangardas europeas. Por que o artista pinta con cores fortes no medio da negritude franquista?

Lito Caramés - 22:30 16/07/2007

A Galería Lassaletta vén de celebrar os trinta anos de vida. Daquelas, ano 1977, abriron a galería coa mostra dun artista do nivel de Benjamín Palencia. Hogano, para conmemorar eses trinta anos, volve ás orixes e ofrece outra exposición do mesmo artista. Palencia. Non se trata dunha exposición menor. Unhas setenta obras colgan nas salas da galería, xunto con papeis persoais, recordos, pedras decoradas, poemas, cartas, primeiros debuxos de cando andaba polos quince anos, ... O primeiro pincel que usou.

Benjamín Palencia percorre a pintura española do século XX de cabo a rabo. Da pintura e dunha parte da cultura. Desde moi cedo pinta, interesándose polas paisaxes duras e sobrias do seu Albacete natal, o que o levará anos despois a crear a Escola de Vallecas. Pero as súas paisaxes pasarán pola súa exquisita sensibilidade, nas súas verbas dunha carta a Federico García Lorca: “hay que huir de la frialdad y rigidez de esos seres que tienen toda la antipatía de los dibujos a tiralíneas”. En Madrid terá moi boas críticas xa polos anos vinte, mormente do poeta Juán Ramón Jiménez. Logo farase amigo de Salvador Dalí e de moitos outros artistas e intelectuais: Maruxa Mallo, Rafael Alberti, Federico García Lorca, Cossío, Miguel Hernández ou o escultor Alberto Sánchez. Na galería Lassaletta, e a carón de paisaxes e composicións surrealistas, pódese ler un poema caligrafiado, que Alberti escribiu para Benjamín.

Despois de viaxar a París os seus intereses cambian e vaise orientando, logo de pasar por estruturas cubistas, cara ao surrealismo. Non tardará moito en usar ideogramas de inspiración surrealista que poden referenciar outros tempos outras culturas; o seu interese polo primixenio e arcano. E como non ao Miró máis clásico.

Na exposición que agora se pode contemplar na galería Lassaletta, unha boa parte da obra de Palencia é surrealista. Son abundantes os cadros dos primeiros anos trinta nos que os ideogramas, os pictogramas e incluso os esqueletos e outras estruturas mínimas enchen os papeis e mais as teas. Unha das obras que se titila “Fósiles” (1934) recorda cousas que tamén fixera Maruxa Mallo, moi interesada ela tamén en percorren as paisaxes próximas a Madrid en bicicleta (segundo contan, era a única muller que antes da II República andaban en bicicleta por Madrid. Espírito Libre onde os haxa) e reproducir nas súas teas cardos secos, ósos e outros restos orgánicos que traía dos paseos. En París, Maruxa, sorprenderá moito ao santón A. Bretón coas caveiras e cardos; tanto que lle merca unha peza: Espantallo. Anos despois o mesmo Palencia laiarase de non poder pasear cos seus amigos, entre eles con Maruxa Mallo. Destes mesmos anos é a colección que Benjamín fai sobre os sentidos, e dos que se poden ver varios na exposición. Por exemplo, O Tacto (1931): un corpo humano, en negro, devén case todo el mans. Ben o dixo el mesmo: “rayo en el papel mis sueños, mis sensaciones, como un niño que no sabe dibujar, pero que sus imágenes rayadas están cargadas de sensibilidad y poesía”.

Das súas amizades cos artistas dos anos trinta, xurdirá a posibilidade de se converter no Director Artístico do teatro La Barraca, de Federico García Lorca. É tamén o autor do anagrama da Barraca: a roda de carro e a máscara no medio. Non era a primeira vez que Palencia se relacionaba co teatro. Para a obra La Pájara Pinta, do seu amigo Alberti, pódense ver na galería da Rambla de Catalunya debuxos de traxes e figuríns. Por certo, este verán La Barraca recupera as rotas que fixeran durante a II República por Galicia: As pegadas de La Barraca.

Despois da tráxica guerra incivil, Palencia refúxiase nas paisaxes. Nada de experimentación, máis ben certa tendencia a unha plástica tradicional. E, curiosamente, durante o franquismo Palencia vai apostando cada vez máis pola cor; cores cada pouco máis fortes, atrevidas e menos naturalistas. Algúns críticos até falan de colorido fauvista, tan forte é a paleta que emprega. A luz parece encher agora as teas. Tamén se fala de novas influencias de Vázquez Díaz. Non deixa de chocar que, na etapa gris-marengo da nosa historia, o pintor queira forzar as cores da natureza. Será o seu xeito de fuxir da mediocridade? Será para rachar a escura uniformidade? Nos anos trinta, en troques, cando orientou a súa produción cara as composicións surrealistas, Palencia usou moito o negro en pictogramas e signos abstractos.

Destas paisaxes dos anos sesenta e setenta tamén hai unha boa representación na Galería Lassaletta. Son paisaxes que se moven entre a tradición e a innovación no uso das cores e da luz. Tamén hai paisanaxe: campesiñas, nenos e campesiños que mostran a policromía da súa vida labrega. Todo sempre desde a emoción.


EXPOSICIÓN: BENJAMÍN PALENCIA

Galería Lassaletta
Rambla de Catalunya, 47 (Barcelona)

Horario: de 10 a 13.30 e de 17 a 20.30 h.
Até o 31 de xullo.

Entrada de balde.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: