Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica dende a India (14)

Cambios de mentalidade

Cousas moi básicas, se cadra, pero que cando comezamos o proxecto eran a normalidade. "Se non me pega o meu home, quen o vai facer", dixera unha muller daquelas. Escribe María Reimóndez desde a india.

Redacción - 12:50 25/08/2007

Cando o grupo chega a Mahalaksmipuram primeiro queren ver o alpendre caído como unha constatación do acontecido a semana pasada. Pero o obxectivo non é ver o alpendre senón falar coas mozas e mozos do grupo de mocidade do suburbio. É o primeiro contacto coa comunidade e todo son curiosidades e miradas.

O grupo leva as súas preguntas preparadas e as mozas responden con determinación. Contan as súas actividades, o tempo que dedican a axudar nas clases de apoio, a coidar da limpeza do suburbio (malia a que está dividido por un sumidoiro aberto a todo o mundo lle chama a atención a limpeza), o logro de que algunhas e algúns chegasen á universidade. A esperanza de futuro que se agocha no seu esforzo.

Cambios de mentalidade
Cando remata o día do grupo para min aínda queda día. Yanira e mais eu marchamos a C-Block ver un grupo de aforro. Agradezo, malia ao cansazo, o tempo de traballo en soidade, volver un pouco á miña normalidade, sen ter que traducir, sen ter que explicar, sen ter que preocuparme de nada máis que do que me contan as mulleres.

Deixo que realicen a súa xuntanza habitual, os cartos vanse poñendo nunha pota que logo levarán ao banco, compártense as informacións e novidades. E logo teñen aínda un tempo xeneroso para min, para facer o meu pequeno exercicio de avaliación no que as mulleres e mais eu pasamos un tempo divertido no pequeno xogo que agocha a avaliación da asimilación das mensaxes de saúde e xénero.

Resulta unha satisfacción fonda comprobar o cambio de mentalidades, a maneira en que negan con rotundidade que haxa que educar só aos fillos, que un home teña dereito a bater na súa muller. Cousas moi básicas, se cadra, pero que cando comezamos o proxecto eran a normalidade. "Se non me pega o meu home, quen o vai facer", dixera unha muller daquelas. Pero agora sei que se algunha fixese unha afirmación dese tipo todas as mulleres do grupo estarían aí para contradicila e para convencela con poderosos argumentos de que o mundo non debe ser un lugar de violencia.

Despedida
Pola mañá aínda Yanira nos acompaña a visitar a escola de tránsito onde están nenas e nenos que antes traballaban e que deixa bastante impresionado ao noso grupo porque unha cousa é falar en abstracto e outra é ver as caras das meniñas de oito anos que xa andaban traballando limpando casas ou os nenos miúdos que limpaban vasos nos postos de té.

Cando montamos no pequeno bus de volta á oficina levamos algo de présa porque Yanira ten que coller o tren a Chennai. Sei que a verei sen dúbida á volta pero estes días con ela foron realmente enriquecedores. Para ela era a primeira vez que compartía cuarto con alguén (e con pouco espazo porque no meu cuarto tiñamos que durmir facendo un T para poder caber as dúas no chan) e para min era unha desas poucas veces que comparto o meu tempo aquí con outra persoa. Botarei en falla as conversas e a compaña e tamén o feito de saber que Yanira comprende moitas cousas dunha maneira que me resulta próxima. O tren marcha pero moitas cousas quedan.


3,33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: