PASOK, de Giorgios Papandreus, parte cunha pequena diferencia nas enquisas sobre Nova Democracia, do primeiro ministro Costas Karamanlis, nuns comicios marcados polos incendios deste verán.
Votar é obrigatorio en Grecia, entre os 18 e os 70 anos
Grecia vota este domingo nas eleccións xerais, onde Nova Democracia, do primeiro ministro Costas Karamanlis, e PASOK, de Giorgios Papandreus, disputan uns apertados comicios, cos masivos incendios deste verán de fondo. O voto no país mediterráneo, o segundo máis pobre da UEM, é obrigatorio para as persoas entre 18 e 70 anos.
As 66 vidas e os 3.000 quilómetros cadrados de terra fértil que levaron por diante os lumes do mes pasado poderían ter un efecto determinante nas eleccións ao parlamento grego.
ND, o partido no poder, tira do que foi, ao seu entender, unha excelente campaña de axuda ao desastre. Fronte a isto, as acusacións de neglixencia formuladas polo seu principal opositor -e segundo nas enquisas a sete décimas de distancia--, o Movemento Socialista Paneléenlo (PASOK) de Giorgos Papandreu.
Aínda que o gañador é incerto, todo apunta a que haberá unha Cámara Baixa conformada por cinco partidos (os dous mencionados, mais o Partido Comunista Grego -KKE-, a Coalición da Esquerda Radical -SYRIZA-, e a Concentración Radical Ortodoxa -LAOS, nacionalistas euroescépticos).
Karamanlis anunciou a principios desta semana a súa intención de repetir os comicios antes de permitir un goberno de coalición, porque ao seu entender "a cooperación parlamentaria co resto de partidos é imposíbel". As sondaxes afirman que a porcentaxe de indecisos oscila entre o 13 e o 20 por cento.
O pasado mes de agosto, os lumes arrasaron as rexións de Laconia, Mesenia, Ileia e Arcadia -en total, un 2,3% da superficie do país, e, ademais dos máis de sesenta mortos, acabaron coa colleita estival da uva, dos cítricos e das olivas.
Os agricultores gregos non só perderon os ingresos dun ano enteiro, senón os medios necesarios para subsistir durante as vindeiras tempadas.
Vaia, non sabía que Grecia fose máis pobre que Romanía, Bulgaria, Polonia ou Hungría.... aiiiiiis..
" O voto no país mediterráneo, o segundo máis pobre da UEM, é obrigatorio para as persoas entre 18 e 70 anos." non creo que sexa moi correcto dicir que Grecia é o segundo país máis pobre, en todo caso o segundo menos rico. Non miremos tanto para o noso embigo e teñamos en conta que o mundo non acaba en Xibraltar nin no Exeo.
Pois tampouco é o segundo máis pobre da Unión Monetaria, ten maior renda per cápita que Eslovenia (que entrou este ano) e Portugal.. ademais as enquisas din que Kostas Karamanlis vai gañar...