Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Pili Neira, seleccionadora nacional

"Isto é unha recompensa ao meu traballo e faime moita ilusión"

Este Nadal celebraremos a estrea da nova selección galega de fútbol: a feminina. Vieiros falou con quen será adestradora do combinado nacional.

Antía Rodríguez - 09:00 12/11/2007
Pili Neira

Pili Neira

O seu nome escoitouse a semana pasada cando a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, e o presidente de Federación Galega de Fútbol, Carlos Meana, presentaban a nova selección galega de fútbol: a feminina. Pilar Neira leva moitos dedicados ao deporte, e non só ao fútbol; tamén xogou 19 tempadas ao balonmán, no Balonmán Coruña, equipo do que é agora vicepresidenta.

Esta coruñesa de 44 anos leva dende os 19 adestrando equipos de fútbol e de fútbol sala, sempre masculinos. Xogou sete ou oito anos no Karbo da Coruña, co que gañou dous Campionatos de España. Ademais, foi campioa, coa primeira selección galega, nos Campionatos Estatais, a comezos dos oitenta.

Tamén pertenceu á primeira promoción de mulleres que obtiveron o título de adestradora, a comezos dos oitenta, e dende aquela non baixou dos bancos. Polas súas mans pasaron xogadores de varias categorías: alevíns, infantís... e o Riazor de fútbol sala, co que competiu e gañou dous Campionatos Estatais.

Agora adestra ao Orzán de mulleres (compiten no 1º grupo da división Autonómica, e van de primeiras), no ano de creación do equipo e soubo, ao recibir unha chamada da federación, que o seu nome era o que máis soaba para ser seleccionadora nacional.

Vieiros: Como recibiu a noticia da creación da selección? E a da súa escolla como seleccionadora?
Pili Neira: Cando me chamaron quedei un pouco cortada, porque non esperaba nada parecido. Non agardaba que pensaran en min para o posto, e, a verdade, faime moita ilusión que me tivesen en conta. Que confiasen en min é a unha recompensa ao meu traballo, porque penso que hai moita xente capacitada para cubrir un posto tan importante.

Pensa que a creación dunha selección feminina era unha débeda pendente en Galiza? Que as mulleres do fútbol galego están esquecidas?
Penso que de un tempo para aquí (hai uns cinco ou seis anos) o fútbol femenino renaceu en Galiza. Cando eu xogaba, nos oitenta, había tres ou catro equipos: o Celta de Vigo; o Karbo da Coruña (o meu); o Maravillas, tamén da Coruña; e o Chorima, de Ferrol. Pero dun tempo para aquí o fútbol colleu un novo pulo e comezaron a se crear ligas femininas por toda Galiza.

É de agradecer que se faga isto polo fútbol femenino e polo deporte da muller en xeral.

Como vai a selección de xogadoras? Pódese falar xa dalgúns nomes?
Teño enriba da mesa uns 24 ou 25 nomes. Moitas delas xa foron avisadas pola federación, e faltan aínda 6 xogadoras por confirmar a súa asistencia. Aínda non podo dar nomes e apelidos, porque isto funciona así: eu penso os meus nomes, e pásollos á federación que fai as chamadas e reúne as rapazas. Xa vos enteraredes de quen vai convocada no seu momento.

Na súa opinión, que habería que facer para darlle o pulo que precisa o fútbol ou o deporte feminino en Galiza?
Quizá un apoio meirande por parte das empresas, porque calidade nos equipos haina, e moita. Pero para ascender na liga fan falta de 24 a 30 mil euros e non todo o mundo está disposto a poñelos na mesa. Fai falta xente que se involucre. O problema son os cartos para mover os equipos.

En canto ao apoio institucional, penso que a federación e a Dirección Xeral para o Deporte están traballando moi ben; están volcados no proxecto.


4/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: