Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
XURXO BORRAZÁS

"Eu non fago literatura galega, fago textos de Xurxo Borrazás"

Xurxo Borrazás naceu en Carballo en 1963 pero hai tempo que vive en Vigo, cidade acaída para o seu discurso estremeiro, o lugar no que se puxo a escribir. Na procura dunha cartografía persoal de urxencia, propóñolle que pense nun recanto para a conversa e acordamos un encontro no bar Hipólito, no barrio das Travesas. Unha entrevista de Iago Martínez con fotografías de Tamara de la Fuente.

TEMPOS Novos - 19:27 05/12/2007

Levo na man o seu recente Arte e parte e dúas versións de Ser ou non: a novela orixinal, publicada en galego por Galaxia en 2004, e a española, que vén de editar Caballo de Troya. Advírtolle que veño disposto a falar do seu ensaio, é claro, mais tamén de paratextos. Dálle volta ao meu exemplar de La aldea muerta e ponse a ler.

Xurxo Borrazás:
Os paratextos falan máis de quen escribe que dos libros.

ProTexta: En xeral ou no caso de Ser ou non e La aldea muerta?

Non, en xeral.

Pode ser, mais chama a atención que o da edición galega subliña o discurso crítico da novela, o cuestionamento da institución literaria, dos premios, mentres que no da versión castelá ese nivel desaparece completamente. É que non está tampouco no texto?

O editor díxome que lle gustaba a novela, pero que estaría mellor sen esa parte na que reproduzo o debate do xurado dun premio literario. O resto está igual, co premio e todo, pero o debate non. En realidade fora algo que eu metera aí de últimas, porque me dixeran en Galaxia que a novela era moi abafante, que precisaba algo de aire, e a min parecérame que talvez con ese debate a esponxaba un pouco. Quedara chocalleiro, nada fino, a verdade, así que cando o editor de Caballo de Troya me propuxo quitalo dixen que si decontado. É a idea orixinal, a montaxe do director que din nas películas [ri].

A radiografía do sistema literario galego que Arte e parte quere trazar é moi negativa. Semella que só houbese marxe para o consenso, e porén, como dicía antes, Ser ou non véndese precisamente subliñando o seu nivel máis crítico.

En Galicia hai espazo para os discursos críticos, pero hai que ocupalo, e o que non hai é moita xente que o queira ocupar. Supoño que a xente mide até onde pode ir sen perigo, como pode facer un discurso aparentemente crítico pero sen ferir. É o que veño a dicir en Arte e parte: todo o mundo se coñece, e aínda que o pareza non é unha broma. Se coñeces a todo o mundo tampouco podes ir moi lonxe nas críticas, porque todo o mundo ten as súas cousas boas e as súas cousas menos boas. Como eu non trato con moita xente do sistema literario, fóra da miña xeración practicamente nada, creo que fun un pouco máis libre.

Cres que este libro se podería ter escrito en Compostela?

Uf, non. Santiago é o paradigma diso que estaba a falar, onde as relacións están máis trabadas. En Santiago pode haber un individuo ou unha individua que pase de todo e tire para adiante, pero eu creo que Vigo é unha cidade que pon a xente máis en marcha, sen mamoneos: son do naval e se teño que poñer un petardo poño un petardo...

Menos contaminada pola liturxia.

Menos protocolaria, si.

Por seguir coa tradución...

A tradución é un dos fenómenos máis emerxentes no panorama dos tres ou catro últimos anos. Escoito a outra xente dicir que se publican máis traducións que a xente de aquí, pero a min paréceme fundamental, xa non para nós, que lemos ou escribimos agora, senón para o futuro, pois cando alguén queira ler un clásico ou a obra dun autor moi coñecido poderá dispor dela en galego. Paréceme fundamental que non haxa que pasar polo filtro do castelán. A moitos niveis, non tanto a nivel lingüístico como a nivel político. Eu accedo dende aquí a cousas de todo o mundo sen máis intermediarios. Logo estaría o caso oposto, o das traducións do galego para fóra, que tamén son fundamentais.

O malo das traducións do galego para outras linguas é como se colocan esas edicións. Adoito, os autores centrais son introducidos nas literaturas estranxeiras, non como autores centrais do sistema literario galego senón como autores periféricos do sistema español. Como corrixir iso?

É moi difícil que os españois nos vexan como autores e non como galegos. É moi difícil dar ese salto. Eu non son político e non sei como facelo, pero pensemos en grande, pensemos que unha tradución ao castelán pode facer que lean as túas obras en Francia ou en Inglaterra máis facilmente que se estivesen en galego.

En Gales presentácheste dicindo que chegabas dun país raro a falar dunha literatura rara.

Díxeno case como un chiste. Somos un país raro porque temos unha lingua que é a base dunha literatura pero que non ten estado nin forza política que a apoie, como acontece en Gales. Iso xera toda unha serie de contradicións das que logo falaba na conferencia sobre as relacións da lingua coa literatura.

En Arte e parte reivindicas a desfiloloxización da literatura e porén, nesa conferencia, trazas un paralelismo total entre a lingua e a literatura. Hai aí unha certa contradición.

Unha cousa é falar da lingua, socioloxicamente, que é do que falaba eu en Gales, de sociolingüística, e outra é falar de filoloxización, que é falar de sofisticación no peor sentido da palabra. Non creo que haxa contradición aí. Eu creo que a lingua é moito máis importante que a literatura no noso país. A lingua é decisiva.

Por que?

Porque a literatura é unha diversión, pero a lingua é algo que afecta ao ser, á esencia de Galicia. Polas súas peripecias históricas, pola xente que resistiu, para min é decisiva.

En Arte e parte queres liberar a literatura das súas responsabilidades na construción da identidade.

É que aos autores, sobre todo dende a Transición, por non ir máis lonxe, asignóusenos un papel case de funcionarios desa loita política pola construción da identidade, e eu defendo que non, que facer boa literatura per se axuda máis á lingua, aínda que non o pareza, que facer unha cousa máis deliberada, máis programática. Eu poño sempre a mesma metáfora: no fútbol, a portería está no medio, pero hai que xogar polas bandas.

Coido que aí entran en conflito dous niveis distintos, ou dúas perspectivas: a do escritor, que se pode ver a si propio como un creador libre, e a do sociólogo, que revela o rol da literatura nos procesos de construción da identidade. No libro citas a González-Millán e a Figueroa, dous autores moi vencellados a esta problemática.

Falo do escritor como creador. Aos pintores ou aos músicos non se lles esixe o mesmo que aos escritores. Por que? Quizais porque os escritores traballan coas palabras, o mesmo que os xuíces ou os políticos, pero son artistas, artistas, nin sequera pensadores. Nese sentido, non deben parar a pensar se o que fan é bo ou non o é, simplemente teñen que soltar e soltar o que lles veña, sen máis condicionantes. Todo o mundo funciona aquí como se isto fose un sistema normal, no que se publican libros, hai editoriais, pero eu creo que falta a excentricidade, falta a extravagancia, os discursos máis persoais. Hainos, pero menos dos que a min me gustaría. A min se me van contar unha historia, como hai moitísimas na literatura galega, dunha maneira canónica de todo, pois non me interesa. A min gústame outro tipo de literatura. Non hai un Beckett, por exemplo, non temos ese tipo de excentricidade, de loucura, ese afastarse dos discursos centrais. Eu non o vexo, non o vexo ou véxoo moi escasamente. Hai demasiada normalidade.

Cres que foi un fracaso a política de normalización dende os oitenta para esta parte?

Foi un fracaso rotundo porque o din os datos. Hai máis condicionantes, claro, pero coido que a política foi errada de principio a fin. Escolleuse unha mala norma e fíxose unha mala promoción, unha promoción ritual e virtual, e a xente non é parva, a xente ve que os referentes de normalización son referentes falsos, tanto nos políticos como nos medios. Todos son castelánfalantes. E digo que se escolleu unha mala norma porque se lle fixo pensar aos que eran realmente galegofalantes, na Costa da Morte ou nas montañas de Lugo e de Ourense, que a norma que se propoñía viña a substituír a súa lingua, e é un lugar común, que o din os paisanos, que eles non saben falar galego, cando eran os que o falaban de verdade. Se os galegofalantes de verdade senten que se lles está furtando algo ou impoñendo algo, pois é unha política errada. Agora, eu non son político.

Non hai nesa visión dos "galegofalantes de verdade" unha forma de mitificación parella ás que denuncias en Arte e parte?

O popular é un valor absoluto. A fala da xente nos bares, nas tabernas, é para min un valor absoluto. Non é ningunha mitificación. Se queres normalizar a lingua, tes que ir alí onde a xente a fala e tomala como referente principal, e non unha norma castelanizada totalmente, sobre todo no aspecto máis material da linguaxe, que é o fonético. Todo iso quedou varrido.

A entrevista completa, na edición impresa de ProTexta (nº 4, outono de 2007)


Documentos

3.69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Borrazás, no barrio vigués das Travesas
Xurxo Borrazás, no barrio vigués das Travesas
O escritor, nun intre da entrevista
O escritor, nun intre da entrevista