Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NOVIDADES DISCOGRÁFICAS PARA OS VINDEIROS MESES

2008: A música galega chega á madurez

Co ano chegan os novos traballos de Lamatumbá, Uxía, Projecto Mourente, Ataque Escampe, Niño y Pistola ou Ruxe-Ruxe.

Marcos S. Pérez - 09:50 09/01/2008

Dise que o segundo disco é o difícil, esquecendo seguramente o dificilísimo que é sacar o primeiro. Os últimos meses de 2006 e todo o 2007 foron un momento extraordinario para a música galega, con debús tan importantes como os de 6PM, The Homens, Triángulo de Amor Bizarro, Catpeople, Niño Y Pistola, Ataque Escampe ou Niño y Pistola. O 2008 é a reválida, o momento de que moitas destas bandas presenten os seus segundos traballos, disque os da confirmación.

2008 será tamén o ano de Uxía, con seu esperado novo disco oito anos despois de Danza das Areas (2000). Tamén terán novo disco Serra-lhe Aí, que presentarán o álbum gravado ao vivo en Burela hai unhas semanas. Tamén teremos novo traballos de Mutenrohi e Marful, que contra os últimos meses do ano publicará o seu segundo disco. E unha sorpresa moi agradábel: Batuko Tabanka, o grupo galego-caboverdiano, publicará finalmente o seu primeiro traballo, a través de Pai Música, un disco que será tamén distribuído en Portugal, onde se espera que teña unha grande acollida.

Na Regueifa Plataforma (distribuidora na rede de contidos culturais baixo licenzas Creative Commons) viron a luz os primeiros traballos de Projecto Mourente, Ataque Escampe, Noise Project, Le Glamour Gortesque, Quant ou Nouvelle Cuisine, dará o salto no 2008 aos formato físicos. Non abandona a rede, por suposto, pero varios dos seus lanzamentos farano á vez en formato mp3 descargábel e en edición CD. Así, nos primeiros meses do ano estará na rúa o novo de Ataque Escampe (Arredor da cuestión nacional ou Galicia es una mierda, aínda por decidir), de Projecto Mourente (Kara.o.ke), e o debut de The Rexurdidos (aínda sen título). En outono chegarán os segundos de Noise Project e Colectivo Oruga. A Regueifa Discos aspira a ser un selo de referencia para as bandas indie que canten só en galego.

En Pai-Música, o selo discográfico ligado ao estudio de gravación Casa de Tolos, terán un inverno e primavera moi movidos. Se en decembro presentaron os discos de Tino Baz (Cinsa namorada), a Señora Carme (Na flor dos meus anos) e o proxecto Pelo Gato 24, en primavera publicarán catro novos álbumes. En marzo chegará o agardado novo disco de Lamatumbá, precedido na primeira semana de febreiro por un maxi-single con varias cancións inéditas. Tamén en marzo chegará un recopilatorio de hip-hop, con temas de catro grupos producidos por El Puto Coke: Aid, WöYza e 040, ademais das súas propias cancións. Entre marzo e abril chegará unha interesante colaboración entre Burgas Beat e Magín Blanco. E pouco despois, o novo disco de Ruxe-Ruxe.

Antes, entre xaneiro e febreiro estarán nas tendas os novos traballos de Niño y Pistola, Hollywater e dos vigueses The Blows. Pero as novidades non rematan aí. Despois do verán chegarán os novos traballos de 6PM e moi posíbelmente de Triángulo de Amor Bizarro, que antes realizarán unha pequena xira por México.

Pola súa banda, Falcatruada, cunha grande actividade nos últimos meses de 2007 (lanzamentos de The Homens, Silvia Penide, Narf, Budiño...), centrará o primeiro semestre de 2008 na promoción dos seus grupos, en xira por todo o país, e mesmo con numerosos concertos no resto do Estado e en Portugal.


4.24/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: