Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Destapadas as contas do clube

O Depor podería estar nunha "situación próxima á creba"

Que está a acontecer co Dépor? A uns postos do descenso e con certas irregularidades nas contas salta de novo á palestra dos medios.

Redacción - 12:48 10/01/2008
Lendoiro

Lendoiro

Na mañá da quinta feira o xornal La Voz de Galicia publicaba unha extensa reportaxe sobre a situación económica do RC Deportivo da Coruña titulada "O Deportivo pode desaparecer por culpa de Lendoiro e o seu consello".

Do titular xa se deduce a quen lle botan a culpa, mais dentro, no texto (sen asinar) da serie "Salvar ao Deportivo", barallan a posibilidade da desaparición do clube: "ten (o Deportivo) o risco firme de desaparecer como entidade".

A culpa desta situación, que cualifican como extrema, bótanlla ao presidente do clube, Augusto César Lendoiro: "Os case 20 anos de Lendoiro na presidencia conduciron ao clube a unha situación terminal", unha situación "próxima a quebra", camuflada, segundo din, "mediante artificios coas contas".

Ademais valórase moi negativamente a actual posición do equipo na táboa clasificatoria da primeira liga de fútbol estatal (atópase en postos de descenso) e coméntase, de pasada, que os accionistas de entidade están a piques de acudir ao xulgado "para defender os seus dereitos e intereses".

As posibilidades "da salvación"
Segundo este medio, as posibilidades de que o Depor se salve son poucas, pero existen. O que se podería facer ("a solución máis viábel") é que o clube se acolla á Lei Concursal, de tal xeito que podería seguir xogando en Primeira División, mentres as contas pasan polas mans dun xuíz, que as tentaría ordenar e limpar. Se nos xulgados se proba unha xestión neglixente, por parte de Lendoiro e do seu equipo, estes terían que responder co propio patrimonio. Segundo La Voz Lendoiro posúe, na actualidade, de máis de mil millóns de pesetas (6 millóns de euros) "gañados co Deportivo".

No Open Vieiros os lectores levan tempo falando do tema
A pasada fin de semana, riablus puña no Open Vieiros unha ligazón a unha outra noticia deste xornal na que xa se falaba das contas do Depor, cheas de "contías difíciles de interpretar". Para o lector ou lectora vieiresca, así é como se están "a cargar o Depor".

Tamén se abriu un debate que estoicof titulou "O Dépor vaise a segunda" no que pedía cambios no clube, "empezando por Lendoiro!". Nos comentarios (11) a xente tamén lle botaba a culpa a Lendoiro ("un ditador rodeado de inútiles" para Barcelos) e ao seu equipo directivo ("que só se atreven a abrir a boca para comer e beber nas comidas do club"). Galicecos tamén consideraba que o descenso sería positivo, en canto á renovación da directiva, "que levan moitos anos amañando o que non sabemos", mais non para os xogadores, que "teñen calidade" e "o equipo só amosa a carencia dun dianteiro que marque goles".


4.25/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un cartaz alusivo a dous dos "eternos" dirixentes coruñeses, Paco Vázquez e Lendoiro, que estudaron xuntos, mesa con mesa / Flickr: seretuaccidente
Un cartaz alusivo a dous dos "eternos" dirixentes coruñeses, Paco Vázquez e Lendoiro, que estudaron xuntos, mesa con mesa / Flickr: seretuaccidente