Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FEIRA DO LIBRO DE CUBA

A cultura galega xa mira para A Habana

Do 13 ao 24 de febreiro participarán na feira máis trinta editoriais do país, medio cento de autores, e ofeceranse nove exposicións e unha ducia de concertos.

Marcos S. Pérez. Vídeo: Lucia Iglesias - 13:45 18/01/2008
Cartaz de edición 2008 da Feira

Cartaz de edición 2008 da Feira

A Feira do Libro da Habana debe converterse na porta de entrada da cultura galega en América, unha histórica oportunidade de negocio e de visibilización de Galiza en todo o mundo, principalmente en América. Se ben non ten a visibilidade comercial da de Frankfurt ou Guadalaxara, a feira cubana é equiparábel a estas en participación popular. As súas dimensións son significativas: 650.000 visitantes, 1.3 millóns de libros vendidos, ou 650 editoriais representadas. E a Feira é algo máis que os dez días nas que ocupa o fortín de La Cabaña na Habana; unha vez que pecha as súas instalacións, moitas das actividades, mostras e presentacións viaxan por trinta cidades e vilas da illa. En definitiva, a Feira constitúe o máis importante esparate da literatura e da industria da edición en América Latina.

É a primeira vez que unha cultura sen Estado de seu é a convidada de honra na Habana, despois de que nos últimos anos México, Francia, Italia, Brasil, Alemaña ou Arxentina (no 2007) tivesen este privilexio. É por isto que a Consellería de Cultura, a través de Ánxela Bugallo, asumiu esta mañá na presentación da programación que Galiza ofrecerá na Habana, que se trata "dun grande reto como país e como cultura". E un paso que pode levar a outros: o máis inmediato a posibilidade que Galiza sexa o país convidado na Feira do Libro de Guadalaxara (México) en 2011. A cultura galega viaxa á Habana para facerse grande, para dialogar coas demais culturas do planeta en pé de igualdade.

Pola súa banda, Anxo Quintana falou dos intercambios culturais entre os dous países, unha relación bidireccional: "Galiza mirou para América, pero América tamén mirou para Galiza, América fíxose un pouco galega", citando os exemplos de autores como Nélida Piñón. O vicepresidente da Xunta defendeu que o noso país debe ter un papel fundamental como ponte cultural entre Europa e América. Para Quintana, a presenza de Galiza na Habana é "un exercicio de autoestima" e unha maneira de existir no mundo globalizado dende a identidade propia, a única fórma posíbel.



Programación galega na Habana
Na Habana estarán presentes máis de trinta editoriais galegos, e boa parte dos autores máis imprtantes do país, encabezados por Méndez Ferrín, Suso de Toro, Manuel Rivas, Teresa Moure, Luz Pozo, ademais de Nélida Piñon, Ramón Villares ou Miguelanxo Prado. Haberá música, coas actuacións de Uxía, Nordestinas, Marful, Narf e Xabier Díaz. Ademais, presentarase o Proxecto Rosalía XXI, no que participan Abe Rábade, Anxo Angueira e Guadi Galego. e celebrarase o Encontro de voces galegas e cubanas, no que Pablo Milanés actuará con varias cantantes galegas. Tamén participará Quico Cadaval, co seu Encontro de contadores: galegos, cubanos e africanos, e haberá espazo para a danza contemporánea de Pisando ovos, os monicreques de Galitoon, e a maxia do Mago Antón.

A presenza galega en Cuba será patente tamén a traves de nove exposicións, entre a que destaca unha antoloxía da arte galega dos últimos 25 anos montada polo CGAC, unha mostra cos Novos nomes da Arte Galega, comisariada por Jose Lens; así coma unha exposición co mellor dos últimos dez anos da banda deseñada galega.

E por suposto a través dos 13 libros editados expresamente para a Feira: antoloxías de poesía, de narrativa, obras sobre a relación entre Cuba e Galiza, unha reedición de 16 poemas galegos para Ernesto Che Guevara contra a súa morte, ou o libro infantil Rene no conoce Galicia, de Pepe Carreiro, que servirá para presentarlles o noso país aos nenos cubanos.

A conexión histórica entre Cuba e Galiza
Ánxela Bugallo falou despois de Neira Vilas, e comezou a súa intervención, precisamente, cunhas palabras do escritor sobre os vencellos entre Galiza e Cuba, "pobos irmáns, para sempre" e sobre a solidariedade mutua que sempre existiu entre os dous países. En xeral todas as intervencións realizaron continuas referencias á intensa relación que Galiza tivo con Cuba ao longo da historia, principalmente a traves da numerosa emigración das últimas décadas do século XIX e de comezos do XX. "Esta é unha viaxe distinta", apuntou Luis Bará, "a viaxe da creatividade".

En concreto Neira Vilas destacou o feito de que en Cuba naceron algúns dos símbolos máis senlleiros de Galiza coma o himno, a bandeira e a Academia Galega, e de igual xeito ensalzou a importante actividade da Cátedra de Lingua Galega da Universidade da Habana, creada nos anos sesenta, e que entre outras cousas creou as cátedras de galego nas universidades de Leipzig e Leningrado. En Cuba tamén se publicaron obras clave na historia da literatura galega, como a segunda obra de teatro do Rexurdimento, Non máis emigración (1886), ou A besta, de Xan de Masmo, a primeira novela social galega. E tampouco cómpre esquecer que en Cuba a colectividade galega puxo a andar un total de 73 publicacións periódicas, unha actividade editora superior ao da colonia irlandesa en Nova York, por exemplo.


5/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ánxela Bugallo, na presentación, acompañada de Anxo Quintana, Neira Vilas e Luis Bará. En primeiro plano, Anisia Miranda
Ánxela Bugallo, na presentación, acompañada de Anxo Quintana, Neira Vilas e Luis Bará. En primeiro plano, Anisia Miranda
O Consello Asesor da participación galega na Habana
O Consello Asesor da participación galega na Habana
Entrada ao fortín de La Cabaña, sede da Feira do Libro
Entrada ao fortín de La Cabaña, sede da Feira do Libro
A Feira do Libro da Habana é moi popular na illa
A Feira do Libro da Habana é moi popular na illa