Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Reflexión sobre a natureza

Mercé de Rande regresa con 'Fiando o Caos'

A bailarina e coreógrafa, en colaboración coa Sala Nasa, achega a Compostela o seu último traballo, no que fusiona a danza co teatro e co vídeo.

Lucía Iglesias - 13:30 23/01/2008

Danza, pero tamén teatro físico e instalación audiovisual, é o que nos trae a compañía A Mercé das Cirkun Stanzias no seu último espectáculo. Fiando o Caos trata de acadar unha multidisciplinariedade que vén propiciada en parte pola diversidade dos intérpretes da compañía, procedentes dos ámbitos artísticos máis variados. A obra poderá verse na compostelá Sala Nasa do 24 de xaneiro até o 2 de febreiro.

Con esta composición, Mercé de Rande demostra a riqueza da interdisciplinariedade artística, baseada nos impulsos cruzados dun grupo heteroxéneo de creadores entre os que se atopan membros procedentes do clown, como é o caso de Natalia Outeiro “Pajarito”; outros máis relacionados coa interpretación e do teatro, como Joshua MacCarey; ou expertos no mundo da videocreación, neste caso, Xosel Díaz, que participa en directo na composición dun vídeo que se proxecta durante a representación da danza, formando así parte do espectáculo.

O caos e a desorde mundial son os temas fundamentais da composición, pasando sempre pola abstracción propia da danza e da música. Mediante os movementos dos artistas e as imaxes procedentes do vídeo, a montaxe tenta representar o caos que está a incidir no clima e na natureza modificando o seu comportamento, que inflúe tamén na identidade e na cultura dos pobos. Realizase esta visión partindo da situación de Galiza, unha das zonas máis castigadas en canto a catástrofes naturais, para extrapolalo ao resto do mundo.



Vivir nun mundo globalizado

A visión dos galegos nun mundo globalizado tamén é abordada nesta montaxe, que denuncia as catástrofes ecolóxicas que nos rodean. Para representar esta situación, Mercé de Rande axúdase de diversos elementos de plástico, que representan unha marea que invade a escena e que xustifica os movementos violentos dos intérpretes, a mestura de idiomas e a necesidade última de tocarse para sentirse acompañado.

A Sala Nasa, pola súa parte, coproduce este espectáculo aportando as infraestruturas necesarias para o seu desenvolvemento, así como reunindo aos colaboradores necesarios para a realización do mesmo. Técnicos de son, vestiario, iluminación, son algúns das achegas que a Nave de Servizos Artísticos ofrece á compañía.


4.5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Joshua MacCarey e Pajarito representan a tormenta e a auga
Joshua MacCarey e Pajarito representan a tormenta e a auga
Tamén hai sitio para as meigas
Tamén hai sitio para as meigas