Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NOVOS SOPORTES, NOVAS LINGUAXES

Como serán os libros de mañá? (e II)

Francisco Castro, Manuel Bragado, María Yáñez e Manuel Gago reflexionan sobre os novos soportes do libro e sobre o agromar de novos formatos.

Marcos S. Pérez - 09:00 24/01/2008

Antes de Nadal Amazon puxo á venda o Kindle, o libro electrónico máis avanzado dos comercializados até agora. A súa aparición abriu o debate sobre a supervencia do papel como soporte para o libro. Manuel Gago cre que o ebook aínda é un produto moi limitado, sen máis vantaxes que a súa capacidade de almacenamento. Porén, tamén confía nas melloras tecnolóxicas, por exemplo nas interfaces, que chegarán a ligarse aos propios contidos, ou na crecente autonomía das baterías. Mentres, en opinión de Francisco Castro, do Kindle "fálase porque exista, non porque fora unha necesidade". Para o escritor é máis un fenómeno de mercadotecnia, e ademais considera unha "falacia" que o trebello vaia fomentar a lectura entre os máis novos, só polo feito de que poidan ler nunha pantalla.

Pola súa banda, María Yáñez é máis optimista. Opina que as vantaxes que ofrece o libro electrónico son moitas "e para os nativos dixitais máis aínda". Por exemplo di que moitos estudantes atópanlle hoxendía moitas eivas ao papel, "porque non ten Ctrl+F co que poder atopar un nome ou unha palabra ou porque non se pode cortar e pegar o texto". Segundo María Yáñez o Kindle é "o máis parecido ao iPod do libro, e está ben como un paso máis cara á explotación comercial dos contidos dixitais". Pero do mesmo xeito que o éxito do modelo iTunes é moi limitado e conxuntural, aproveitando a transición entre o modelo de negocio vello e o novo, pensa que o do Kindle tamén o será. María Yáñez é tallante: "vender copias dixitais das cousas creo que non ten moito futuro, e tentar limitar a distribución de copias dixitais é absurdo".

Finalmente, Bragado, que di non ser "nin un tecnófobo, nin un determinista tecnolóxico", cre que nos vindeiros anos van aparecer tecnoloxías que fagan moito máis cómoda e atractiva a lectura en soportes dixitais, seguramente en obxectos multiplataforma, que ao igual que o iphone permitirán facer varias funcións dende o mesmo aparello.

Novos formatos, novas linguaxes
Para Manuel Gago, as novas tecnoloxías non están creando novas narrativas, pero en cambio están influíndo moi poderosamente nas narrativas tradicionais. E cita o Nocilla Dream de Agustín Fernández Mallo ou as últimas obras de William Gibson (o autor da fundacional Neuromante), quen afirma que á hora de escribir ten en conta que o fai para usuarios que teñen o buscador de google ao seu carón.

Francisco Castro cre que a pantalla condiciona, e a rede está convertendo o hipertexto en algo moi natural. O hipertexto, unha forma de lectura non lineal presente por suposto no exemplo canónico de Rayuela, pero tamén en obras máis clásicas, como a segunda parte de O Quixote, na que a presenza referencial da primeira parte é constante, lembra Castro.

Tamén Bragado opina que a escritura na rede vai provocar cambios nos contidos, producindo a aparición dunha nova textualidade. Algo que xa se podería estar vendo na fragmentación narrativa presente na meirande parte das novelas contemporáneas. En Galiza, por exemplo, apunta que estamos asistindo a obras poéticas que teñen unha existencia previa na rede, sobre todo nos blogs, unha tendencia que tamén existe en Portugal, onde gran parte da poesía que se publica está dispoñíbel en internet.

Blogs e literatura
A este respecto, Gago salienta a relación que se estabelece entre autores e lectores a través dos blogs dos primeiros, nos que, ás veces, até se pode prolongar o discurso iniciado nas obras. En canto á influencia que poden ter os blogs e as características da súa escrita (textos curtos, subxectivos, con gran presenza do hipertexto) sobre a produción de narrativa, Francisco Castro é máis escéptico: "cando escribo unha novela son moi consciente de que se trata dun xénero moi distinto".

Unha percepción distinta, por exemplo, á que teñen outros autores como Anxos Sumai, quen recoñece que a escrita na rede si inflúe na forma en que ela escribe unha novela ou un relato. En calquera caso Castro engade "veremos o que pasa dentro dalgúns anos"; a meirande parte dos autores que manteñen tamén un blog eran xa literatos antes de coñecer a rede, "pero haberá que ver a influencia que teñen os blogs nos autores máis novos".


4.64/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: