Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aprobado por Medio Ambiente

Ven o lago das Pontes como tapadeira dos vertidos da futura celulosa

O colectivo ecoloxista Erva considera que a lagoa artificial que ha asolagar a mina das Pontes responde á "vontade do bipartito" de levar a papeleira para este concello.

Antía Rodríguez - 17:00 25/01/2008
A bandeira de Erva, e, ao fondo, Ence

A bandeira de Erva, e, ao fondo, Ence

Para Erva o proxecto do lago artificial das Pontes é un "despropósito e unha estafa ambiental" que "perpetua o modelo forestal e industrial de corte colonialista e claramente prexudicial para o país".

O grupo ecoloxista manifesta, nun seu comunicado, o rexeitamento ao lago, que cubriría a antiga mina de lignito de Endesa, nas condicións actuais nas que se atopa a explotación. Para Erva o proxecto do lago ten unha serie de eivas técnicas ás non se lles fixo caso, e hai unha serie de condicionantes ambientais de transcendencia que farían que as augas, en poucos anos, comezasen a se volver ácedas e deixasen de valer para practicar nelas actividades recreativas.

Neste sentido, dende Erva pensan que, dada as situación do futuro lago artificial, e o pouco tempo que vai valer para o lecer, nuns 10 ou 15 anos servirá perfecto para depósito dos vertidos da futura Ence, que podería resituarse nas Pontes.

"Sospeitamos que detrás dos ritmos acelerados para crear o lago están determinados intereses para trasladar a Ence"
Segundo lle contou a Vieiros Pedro Alonso, voceiro Erva e responsábel da Comisión de Política Forestal, o que o colectivo ecoloxista quere é denunciar publicamente e a través dos medios de comunicación social, que tal como se presenta o proxecto de acondicionamento do oco da mina, "a auga vaise acidificar en poucos anos" e non vai servir para nadar nin navegar nela.

Segundo dixo Alonso, "queren encher o burato en 4 ou 5 anos... Estes prazos que marcan implican que non van facer caso do período preciso para selar a mina como debe ser. Estes ritmos acelerados fannos sospeitar que hai determinados intereses por trasladar Ence. Hai présa por mudala de sitio. Así apuntaríanse o traslado nesta lexislatura", o que lle daría moitos puntos de cara ás eleccións, segundo dixo, ao goberno galego.

Pedro Alonso dixo non dispoñer dos medidores axeitados, mais prognosticou, que as actividades recreativas no lago non van ir alén dos 10 ou 15 anos, como moito, "posto que as terras acedas e hiper-ácedas non o van permitir. Estas deficiencias deberían subsanarse nun período de axeitamento rigoroso" e non nos prazos que marca o proxecto actual da obra, salientou.

"Acoller Ence sería o peor que lle podería pasar ás Pontes"

Ao preguntarlle se ve factible que nun futuro se empregue o lago para botar nel os vertidos de Ence, Alonso considerou que "politicamente todo é factible", mais dixo que "outra cousa é que dean con unha fórmula para estabelecer unha factoría ambientalmente substentábel", de feito, os efectos de Ence serían moito maiores neste lago que en "augas circulantes, como unha ría ou un río", lembrou Alonso.

Para terminar, o voceiro de Erva, referíndose ás recentes declaracións do alcalde das Pontes, Valentín González (PSdeG), quen teimaba por traer Ence para o seu concello, dixo que acoller a papeleira "é o peor que lle pode pasar ás Pontes", e lembrou que encher o lago implicaría ter que traer auga do Eume, o que non garantiría o mantemento das condicións ecolóxicas do propio río aguas abaixo do lago.

Para terminar, Alonso dixo que o proxecto do lago non faría máis que crear unha "área ambientalmente perniciosa" no Concello das Pontes.


Ligazóns

4.92/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ence, na ría de Pontevedra / Flickr: zeraquiel
Ence, na ría de Pontevedra / Flickr: zeraquiel
Unha rúa das Pontes, coa cheminea de Endesa ao fondo / Flickr: Miguel Edreira Castro
Unha rúa das Pontes, coa cheminea de Endesa ao fondo / Flickr: Miguel Edreira Castro
O Eume, que pasa polas Pontes, e que se vai empregar, segundo o proxecto, para encher o lago artificial da mina de lignito / Flickr: joe_aesmorga
O Eume, que pasa polas Pontes, e que se vai empregar, segundo o proxecto, para encher o lago artificial da mina de lignito / Flickr: joe_aesmorga