ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
40 ANOS DAS MOBILIZACIÓNS ESTUDANTÍS

O 68 comezou en Compostela

Unha mostra no Colexio de Fonseca lembra o 'maio' galego, que se anticipou dous meses ás protestas nas rúas de París.

Marcos S. Pérez / Vídeo: Lucía Iglesias - 12:30 29/02/2008

O 68 cambiou o mundo; de París a Praga, e de Berkeley a México, e tamén en Galiza. Ou mellor dito, antes en Galiza. En febreiro a universidade estoupou en mobilizacións masivas, tendo en conta súa aínda reducida dimensión, con peches e folgas que marcaron a toda unha xeración e que fixeron que nos anos vindeiros xa nada fose o mesmo.

Na Compostela de 1968 a política comezaba a encher a vida dos estudantes. A JEC (Juventud Estudiante Católica) galega foi a base do PCG, e no 68 o seu carácter legal e aparentemente inofensivo estruturou a loita universitaria na cidade. Pero alén do omnipresente Partido Comunista comezaba a organizarse tamén o nacionalismo, con poucos pero destacados representantes como Luis G. Blasco Foz ou Xesús Sanxuas, e outras organizacións, coma o FELIPE ou diversos grupos chinos.

En novembro celebráronse eleccións na Universidade de Santiago, con vitoria do Sindicato Democrático Libre. Moi pronto o decano de Ciencias, Ocón, comezou a obstaculizar as iniciativas dos estudantes, prohibindo iniciativas culturais e recitais e poñendo limites ás xuntas de facultade. E o 24 de decembro Méndez Ferrín e outros estudantes foron detidos e postos á disposición do TOP. Á volta do Nadal o inverno galego continuou quentándose, con folgas en Ciencias (dende o 15 de xaneiro) e no resto das facultades entre o 16 e o 18, queima de xornais no Toural e diante de El Correo Gallego (19 de xaneiro) e folgas obreiras en Vigo. Entre o 20 e o 23 de xaneiro unha ducia de estudantes foron detidos, producíronse cortes de tráfico e enfrontamentos coa policía.



En todas as universidades do Estado estaba agromando a protesta, e de feito entre o 27 de febreiro e o 2 de marzo celebrouse en Sevilla unha xuntanza de coordinación, á que asistiron tres representantes galegos: Lorenzo Porto, Pancho Álvarez e Rafael Bárez. Pero foi en Compostela onde estoupou. O 3 e o 6 de marzo celebráronse asembleas en Ciencias, que o decano Ocón tentou impedir coa axuda da policía e que remataron coa detención de Pancho Álvarez, Martín de Hijas, Álvarez Areces e Sarmiento. En resposta, todas as facultades compostelás decidiron facer folga a partir do 8 de marzo, organizándose un peche de tres días no edificio da universidade. O 13 de marzo, ás sete e media da mañá, a policía entrou no edificio rompendo un cristal.

Nos días seguintes producíronse ducias de detencións (até trinta só no desaloxo da Facultade de Medicina), así como enfrontamentos coa policía, ingresando os principais dirixentes estudantís o 28 de marzo na prisión da Coruña. A folga continuou durante todo o mes de abril, até o 2 de maio, cando o reitorado levantou as sancións. En abril Villar Palasí substituíra a Lora Tamayo como ministro de Educación. Porén, no ano seguinte regresou a represión: o novo reitor García Garrido impediulles a entrada na universidade aos sancionados, que tiveron que rematar as súas carreiras noutras cidades; así mesmo, moitas prórrogas por estudos para o servizo militar foron denegadas; e detencións, e multas...

Algo comezaba a moverse no país
Os estudantes recibiron o apoio da sociedade galega, e da cidade de Compostela, cuxos veciños proporcionáronlles mantas e comida durante os peches. Obreiros, colectivos profesionais, sindicatos clandestinos, revistas no exilio como Vieiros (que publicou un artigo en apoio dos mobilizados), e unha parte da prensa da época, que comezaba unha tímida apertura por medio dalgúns xornalistas comprometidos como Francisco Pillado en La Voz de Galicia.

Polo medio quedou o 1º de maio, no que estudantes e sindicatos repartiron propaganda obreira polas rúas de Compostela. E quedou tamén o nacemento de Voces Ceibes. O 26 de abril tivo lugar o seu primeiro recital, celebrado no auditorio da Facultade de Medicina diante de tres mil persoas, no que interviron Benedicto, Xavier, Vicente Araguas e Xerardo Moscoso. Pero tamén na música o 68 nacera un pouco antes, en abril de 1967, cando Raimon encheu o Estadio da Residencia da Universidade de Santiago. Aquel día escoitouse cantar o Diguem no, ou o Al Vent en catalán, mais tamén en galego, grazas ás traducións que fixeron Carlos Casares e García-Bodaño, e que correron de man en man.

Algo comezaba a moverse en Galiza nos anos sesenta, co nacemento do Consello da Mocidade (1963), o PSG (1963), a UPG (1964), ou o PCG (1968). A Universidade de Santiago impartía outra formación alén da académica, e aquel 68 foi unha escola da que saíron nada menos que dous presidentes autonómicos: Vicente Álvarez Areces (Tinín) e Emilio Pérez Touriño (delegado no primeiro curso de económicas), deputados como Francisco Cerviño, e ducias de profesores universitarios. O ceo de Compostela era cincento, como a realidade, pero nos anos sesenta o sol comezou a vencer á noite. Deste xeito Compostela foi pasando de ser unha cidade politicamente tranquila, como aparecia definida nos informes policiais, a liderar as mobilizacións estudantís e políticas. Palestras, debates, asociación culturais (coma O Galo, fundada en 1961), o papel dos cineclubes, e a formación e a organización política ían mobilizando o estudantando, que comezaba a poñer en práctica a teoría aprendida, en conflitos sociais como o de Castrelo do Miño (1966).

Entre 1965 e 1968 a conflitividade acadou máximos históricos en moitos sectores de obreiros e intelectuais. A crecente protesta contra a guerra do Vietnam tamén serviu para mobilizar á mocidade universitaria. En novembro de 1968, despois do asasinato do Che Guevara en Bolivia, a JEC tentou organizar unha misa de homenaxe na Capela da Universidade, que foi prohibida, e un recital poético, que foi rebentado por exiliados cubanos. Algo comezaba a moverse.

Venceremos Nós
"Cómpre lembrar que despois do 68 os paxaros seguiron cantando", salientou Ricardo Gurriarán o xoves na inauguración da mostra. Gurriarán dedicou boa parte dos dous últimos anos a recoller información e materiais para a Fundación 10 de Marzo, en case duascentas entrevistas. Boa parte deses entrevistados e fontes (a xeración do 68) estaban no acto, que deixou pequeno o Claustro de Fonseca. No exterior, un grupo de estudantes concentráronse en silencio para protestar contra os procesos abertos contra os mozos implicados nos incidentes producidos na Facultade de Económicas. No interior, o acto pechouse cun espontáneo Venceremos Nós, cantado a coro por todos os asistentes.

Á saída dun dos peches que tivo lugar en marzo de 1968 un estudante clamara: "a universidade morreu, cantemos por derradeira vez o Gaudeamus Igitur". O Gaudemus mantense, pero despois do 68 nada volveu ser o mesmo, e o We Shall Overcome (traducido ao galego por Franco Grande) impúxose.

Fausto Dopico, profesor da Facultade de Económicas da USC: "Foi un cambio persoal, sobre todo: comezamos a combatir o medo".

Benedicto, cantautor: "Derrotar o franquismo era a nosa meta, porque era o que nos impedía realizar todo tipo de actividade; non se conseguiu, pero todo aquilo quedou".


5/5 (11 votos)


Comentarios (19)

luisfoz #1 29/Febreiro/2008 luisfoz
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Algum pequeno erro, ou nom tam pequeno, como considerar Méndez Ferrín o primeiro detido quando este era, na altura, professor no colégio Fingoy de Lugo. Evidentemente nom há tal Vidal Bodaño, suponho q2ue é um cruzamento com Vidal Bolaño, tradutor: trata-se de Salvador Garcia-Bodaño. Para satisfazer curiosidades e dado o erro de atribuir a Méndez Ferrín tal condiçom, dizer que os primeiros detidos fomos Sanjoás e mais eu (em diferentes lugares e horas mas a mesma tarde) que passamos no comissariado a noite anterior à primeira assembleia que se celebrou em Santiago, nom lembro bem a data, creio que foi em 1966, do que estou certo é de que era ano santo em Compostela: o motivo foi o de repartirmos panfletos para convocá-la, Sanjoás repartia os de ADE (ligada à JEC) e eu da ALEU (Asamblea Libre de Estudiantes Universitarios) aliança de esquerdas onde havia gente da UPG, do PCE e independentes.

luisfoz #2 29/Febreiro/2008 luisfoz
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Mais um esclarecimento: em Novembro de 1967, mais ou menos, o Che foi homenageado com a representaçom da obra teatral "Nunca nadie muere nada". Detrás da obra havia um fato de estudantes ligado, na sua maioria, ao PCE (m-l) os chamados pró chineses na altura.

OBSERVADOR #3 29/Febreiro/2008 OBSERVADOR
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

E digo eu, por que Vieiros não se põe em contacto com boas fontes, como Luís Foz, para à hora de redigir este tipo de notícias?

Gaviotero #4 29/Febreiro/2008 Gaviotero
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Esto de recrear la historia hasta el punto de inventársela...los que no fueron antifranquistas no lo van a ser ahora por más que algunos traten de reescribir la historia.

luisfoz #5 29/Febreiro/2008 luisfoz
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Tampouco é tam grave o de Vieiros, algumhas cousas podiam ser consideradas gralhas e o meu segundo comentário é mais bem um complemento de informaçom. De nada. Por umha vez vou-me dirigir à ave preeira: que quer dizer com isso de reescrever a história, ou inventá-la? Insinua que eu nom fum ánti-franquista? Nom tenho muito interesse em reclamar loureiros, que seguramento nom o som para ele, mas nom é apenas que o fosse senom que continuo a sê-lo porque o franquismo nom morreu e ele é umha boa prova.

BonKarallan #6 29/Febreiro/2008 BonKarallan
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Un pouco de historia haina nesta web de musica galega: Miro, Benedicto, Bibiano, Fuxan os Ventos, Quintas-Canella, Emilio Cao, Milladoiro...

http://www.ghastaspista.com/hi...

Podedes baixar música gratis dalgúns grupos.

bertus #7 29/Febreiro/2008 bertus
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Luis Foz, eu non vexo que haxa ese erro que vostede di, pois, nin se alude a quen foron os primeiros detidos, nin se di que Ferrín fose estudante -nin que esa fose a súa primeira detención, cousa que eu ignoro-, senón que il "e outros estudantes" foron detidos naqueles días. Evidentemente a construcción da frase faina equívoca, pero non é loxicamente imposible que Ferrín fose detido con estudantes anque il non o fora. Cando se fala do maio francés tamén se nomean intelectuais, que non eran xa estudantes, vencellados a aquel movemento. Emporiso os seus datos poden ser compatibles cos deste artigo periodístico que, sen pretensións de pormenorizar sobre todos os acontecenmetos ocurridos en torno á Universidade referentes a loita antifranquista (tarefa da cal non dubido a súa necesaria elaboración e da súa grande importancia), pon no centro o ano 68 coma un ano clave no eido universitario compostelá contra a represión franquista. Non en balde, di "Entre 1965 e 1968 a conflitividade acadou máximos históricos en moitos sectores de obreiros e intelectuais". Desta cita sobre acontencemtos xerais pormenoriza vostede algúns detalles particulares moi importantes que de seguro hanse poder complementar con algúns outros máis. Por outra banda, eu non podo pór tanto a mao no lume coma vostede pola contrastabilidade do artigo -xa que non vivín aqueles tempos na Universidade e a penas teño mirado outras referencias históricas sobre eles- e admito que pode haber datos erroneos. Sinxelamente limítome a sinalar que os seus datos non contradín a literalidade do artigo.

ecoe #8 29/Febreiro/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Resulta realmente alucinante mais netamente real que se poida celebrar o 68 e no mesmo tempo se poidan deter uns estudantes por berrar ou insultar a unha política (ou se fora o caso catedrática, etc.).

Trátase do mesmo país? Ónde estaban hai unha semán, na caza de bruxas, os oficiantes do 68? Será que cos mortos ben matados o Poder sempre pode?

O paisiño é realmente insultante!

arinspunk #9 29/Febreiro/2008 arinspunk
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Sinceramente, nom sei como cona há alguém que, a estas alturas, lhe resposta ao Troll.
Haver amig@s, se a ninguém se nos ocorre falar com a máquina do tabaco ou o surtidor da gasolina, por quê falar com um Troll?

Breogham #10 29/Febreiro/2008 Breogham
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Interesante nova do que pasou na velada de inaguraçom da exposiçom dos estudantes em luita no 68 na USC.
http://galiza.indymedia.org/gz...

luisfoz #11 1/Marzo/2008 luisfoz
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Para bertus: A minha memória pessoal é garante de que Ferrín nom foi detido nessas datas. A sua primeira detençom foi a finais de 68 quando voltou de América onde estivera de manteedor dos Jogos Florais do Idioma Galego em Buenos Aires, ali entrevistou-se com o Conselho de Galiza e antes da volta passou por Venezuela onde estivo com Celso Emílio. Esta detençom durou pouco mas a começos de 1969 quando se declara o estado de excepçom, foi preso novamente e passou anos por diferentes penais do estado espanhol. Os seus encarceramentos nom tivérom nada a ver com o movimento estudantil. Eu nom critiquei tanto Vieiros, ver mensagem 5, e insisto em que si falei da minha detençom e da de Sanjoás foi apenas como um complemento de informaçom para a gente que tem curiosidade por esses pormenores

bertus #12 1/Marzo/2008 bertus
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Grazas pola información Luis Foz. É certo que na mensaxe 5 vostede di que non hai tanto erro. Eu non me din de conta dese comentario seu e só respondín atendendo aos primeiros nos que dicía que non era erro pequeno. Non dubido da súa información ao respecto da detención de Ferrín, mais este si que é un dato que contrasta a información do texto. Porén, Ferrín ten falado e creo que escrito algún artigo no que se vincula co movemento estudantil daqueles tempos. E isto eu o vía, e daí o que escribín enriba, coma algo que non contradicía o feito de que xa non era un estudante senón un profesor en Lugo. Nunha edición dun libro seu, coido que "Poesía enteira de Heriberto Bens", lembro que se recreaba o ambiente universitario daquel tempo. Ora ben, as súas detencións, coma di, non terían "nada a ver com o movimento estudantil"; cousa que considero unha distinción oportuna e clarificadora, no senso de que, a pesares de poder compartillar moitas cousas e mesmo persoas, non é o mesmo unha asemblea estudantil ca dun partido político; aínda que, sen desmerecer o distingo, tales movementos non eran totalmente alleos aos movementos dos partidos políticos -coma os que menciona o texto de vieiros- que agromaban por aqueles tempos e dos que moitos estudantes coma vostede paralelamente tomaban parte dun e doutro (anque algúns coma xa sinalou noutrora pretendan negalo), pois parecen inscribirse todos, amais do mesmo horizonte temporal, no mesmo horizonte da loita antifascista.

OBSERVADOR #13 1/Marzo/2008 OBSERVADOR
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Que difícil é aceitar os erros próprios, sobretudo se são criticados desde o conhecimento... Daí que alguns se dediquem a inventar "leis".

galeguzo #14 1/Marzo/2008 galeguzo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Acho que a exposição é necessária, e se calhar mais hoje do que nunca. Ao tempo, animo todo o pessoal para se achegar à amostra, que estará aberta até 29 de Março.

Igualmente, acho que seria interessante que a organização contactara com pessoas como Benedicto, Foz e mais alguém para organizarem alguma palestra pública em que contem as suas experiências da altura. Um bom jeito, como outros, de manter viva a nossa memória histórica e não cometermos erros de vulto como algumas enciclopédias ;)

bertus #15 1/Marzo/2008 bertus
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Observador, vese que non gostas de escribir claro.

bertus #16 1/Marzo/2008 bertus
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Se te dirixes a min dicirche que o erro que mencionaba Luis Foz no 1º comentario foi admitido por il mesmo de que non era tanto erro no seu comentario 5 en coincidencia en parte co meu primeiro comentario, o cal non o escribiría se vira antes o 5 de Foz pra non ser redundante. Pois coma dixen, eses supostos erros non contradicia a literalidade da noticia, fosen ou non certos os datos que daba o texto de vieiros, pois nel non se falaba de primeiros detidos nin de que Ferrín fose estudante, que foi o que semellaba refutar il. Despois il engadiu algo, que antes non dixera, sobre a detención de Ferrín, acaecida segundo Foz a finais do 68 a primeira e comezos do 69 a segunda (practicamente seguidas), e que neste caso si que contradicía o texto e outros que circulan por internet que situan a primeira detención a finais do 67. Do dato de Foz eu non desconfio, mais non por iso asumo ningún erro -agás o erro de non ler, antes de escribir o meu 1º comentario, o comentario 5 de Foz no que matiza o seu primeiro- porque eu non non saín a defender a exactitude e precisión do texto de vieiros, senón simplemente a sinalar que eran perfectamente compatibles cos datos que dou Foz nos primeiros comentarios.

ecoe #17 2/Marzo/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A xulgar polas aparencias igual o debate sería ben radical si o Benedicto aparescese (os actos de Fonseca, non eran...para ele sobresaír...?)

Ou incluso unha lectura política subxacdente: salientando Benedicto, refulxe a seudo socialdemocracia que recolle os intereses. Non?

bertus #18 2/Marzo/2008 bertus
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

igual tes razón ecoe, nisto tamén nos parecemos aos franceses, mira senón ese Benedicto galo que é o "Dany o roxo".

luisfoz #19 3/Marzo/2008 luisfoz
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Aguardo que este seja o último comentário que faga a esta informaçom , a culpa e minha. Primeiro: ainda nom dixem que se trata de umha exposiçom muito interessante e que convido a toda a gente a visitá-la. Segundo, que montei umha pequena, ou grande, enleada com as detençons de Méndez Ferrín; eu queria esclarecer que nom tiveram nada a ver com o movimento estudantil de Compostela, cousa que é certa, mas isso fijo que apenas pensasse no ano 68. A realidade é que Ferrín tambem fora detido, por pouco tempo, no Natal de 1.967; esta detençom devera-se a reacçom policial contra umha acçom da UPG que se realizara a nível nacional: enchera-se o país com uns autocolantes que reclamavam a liberdade para Galiza. Junto com ele foram detidas outras pessoas e entre elas vários estudantes; como curiosidade umha delas era Juan Soto, o actual colunista de El Proqreso que, naquela altura, era membro da UPG. Por fim, quero pedir desculpar por fazer isto tam tarde quando muita gente quiçá já nom o vaia ler.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: