Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Debate no Parlamento sobre a viaxe á Habana

"Falen co sector", recoméndalle Cultura ao PP sobre as queixas pola estratexia de proxección internacional

Dos "cheques, polbo e empanada" en tempos de Fraga á estratexia real de "internacionalización da cultura galega".

Redacción - 09:00 12/03/2008

Pode España e non Galiza? "O que lles doe é que Galiza estea á altura ou mesmo superior", defendeu a conselleira de Cultura, pedindo igual "respecto" para o sector cultural do país que o que tivo a delegación española que en 2001participou no mesmo evento, a Feira Internacional do Libro da Habana, estando o PP liderado por José María Aznar á fronte do goberno español.

Na súa intervención, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, argumentou que os anteriores gobernos "non estabeleceron ningún tipo de acción nin obxectivo" en materia de promoción exterior da cultura do país. Bugallo contrapuxo a esa situación a estratexia desenvolvida polo seu departamento nos dous últimos anos nos que, na súa opinión, apostouse pola "internacionalización das distintas manifestacións culturais". De xeito específico, a conselleira considerou que a participación de Galiza como "cultura invitada" na Feira do Libro da Habana marca "un antes e un despois" na proxección internacional do país.

"Non temos medo a saír polo mundo e estamos orgullosos da cultura xerada en Galiza e da potencialidade das industrias culturais", explicou Ánxela Bugallo, avanzando que a estratexia de internacionalización continuará e subliñando o apoio do sector, explicitado nos últimos días a través de artigos en prensa e comunicacións oficiais como a asinada conxuntamente pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación Galega de profesionais da Ilustración (AGPI) e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix).

Na súa quenda de intervencións, os voceiros de PSdeG e BNG, Francisco Cerviño e Xosé Ramón Paz Antón, defenderon que o Goberno fixe fondos para a promoción cultural no exterior, fronte á política do PP, que na época de Manuel Fraga levou a Cuba "quilos de polbo e empanada".

Pola súa banda, o voceiro do PPdeG, Ignacio López Chaves, pediu "facturas, contratos e expedientes", teimando en cualificar de "desbalde" o gasto na viaxe e acusando á consellaría de levar á Habana a "afiliados e cargos" do BNG. Ademais, López Chaves opinou que a embaixada cultural galega debera ter incluído a promoción de autores como Camilo José Cela, Gonzalo Torrente Ballester, Ramón Valle-Inclán ou Marta Rivera de la Cruz.


3,71/5 (7 votos)

Comentarios (2)

Colazo #1 12/Marzo/2008 Colazo

Cela, T.Ballester e Valle-Inclán xa fai tempo que non poderían viaxar a Cuba. Marta Rivera de la Cruz só chegou a ser finalista dun Premio Planeta e menos mal, para os aires que colleu cun sub-campionato do premio dunha editorial.
A Literatura Española, aínda feita por galegos, é Literatura Española e ten máis medios, incluso públicos, a nivel estatal para a súa promoción.
"Literatura galega é aquela que está escrita en galego, independentemente do DNI do seu autor" Dolores Vilavedra, profesora de Literatura Galega na USC
"Que autores galegos desenvolvesen a súa produción en español convértelos en autores da Literatura española"catedrático de Literatura española da USC, José Manuel González Herrán
http://www.galicia-hoxe...

Pombo entrou no tercio para discrepar e indicarlle, ante a súa resignada mirada, que a súa "lingua materna" era o castelán e polo tanto é "unha escritora en castelán", con independencia de que saiba e use o galego.http://www.galicia-hoxe...

Por certo, hai algo máis ridículo no parlamento galego que o analfabetismo de López Chaves?

Roquinho #2 13/Marzo/2008 Roquinho

Totalmente dacordo contigo, ser galegos pero escribir en castelán, converteos en escritores en lingua castelán e polo tanto representantes da literatura castelán, mentres que ser non nado na Galiza pro escribir en galego, converte a calquera en representante posible da literatura Galega.
Non teño tan claro o da Literatura Española, porque ahí entrarían tódolos escritores en calquera das linguas que hai en España, ó meu entender.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: