Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Aquí, onde naceron algúns dos mellores equipos

"Estamos organizando un 'partidazo': o Galiza-Cataluña de hóckey"

Falamos co vicepresidente da Federación Galega, da Española e da Europea de Patinaxe e deportes asociados sobre o presente e o futuro do hóckey no noso país.

Redacción - 09:00 15/04/2008
Ignacio González, coa Copa do Mundo gañada pola selección española en 2007

Ignacio González, coa Copa do Mundo gañada pola selección española en 2007

Ignacio González Pereira é a un tempo avogado e vicepresidente da Federación Galega de Patinaxe, da Federación Española e da Federación Europea. Sabe moito de hóckey porque xogou durante décadas no Dominicos da Coruña e aínda non se desvinculou deste deporte.

Leva á volta de 12 ou 13 anos na Federación Galega, e a súa relación coa Federación Española comezou na altura da crise que houbera nesta entidade cando os seus intereses turraron contra os da Federación Catalá, que quería que a súa selección puidese xogar campionatos oficiais internacionais (cousa que fixo en 2004, gañando o Mundial B, en Macao). Disto, da selección propia e do hóckey galego falamos con González Pereira, quen lle revelou a Vieiros un chisquiño do que vai ser a presentación da selección galega absoluta masculina, nun partido digno de ver contra unha das mellores seleccións: outra volta, a catalá.

Vieiros: Como resulta o exercicio de tomarlle o pulso ao hóckey en Galiza? Equipos hainos (e hóuboos), e moi bos, pero, hai afección? Hai interese por este deporte?
Ignacio González Pereira: En Galiza houbo unha época dourada do hóckey, cando o Liceo estaba en pleno esplendor -a comezos dos oitenta-, con Martinazzo e compañía (eu tiven a sorte de vivila, porque xogaba nos Dominicos, como equipo rival). O hóckey chegara a Galiza con forza, e mesmo se creou unha escola na Coruña, para os máis pequenos.

Nos tempos actuais estamos vivindo un pequeno baixón, pero segue a haber afección, sobre todo na Coruña, en Vigo, nas zonas do interior da Coruña, como Ordes ... E un dos obxectivos primordiais da Federación Galega é que se estenda ao resto de Galiza. Un dos feitos polos que a candidatura de Vigo para o Mundial de 2009 foi todo un éxito é que na súa exposición os promotores (o Concello de Vigo e o clube Vigo Stick) aludiron á expansión do hóckey por toda a provincia, empregando como subsede a cidade de Pontevedra. Por isto, entre outras cousas, a Federación Galega apostou forte pola candidatura viguesa.

E, alén da afección, hai base? Como se traballa dende a Federación para dinamizala?

Pois entre os traballos desenvolvidos dende a Federación para fortalecer a base está a creación dunha escola de hóckey feminino na Coruña, unha categoría que está máis en precario que a masculina, ao non estar tan consolidada. Os clubes nutren a súa base desta escola.

Ademais, dende a Federación tamén se axuda aos clubes economicamente (pagando as arbitraxes, entre outras cousas).

Ademais de apostar pola base, apóstase polas seleccións nacionais?
Coa selección sempre imos ao máximo deportivamente. Ademais de todo, é unha das mellores seleccións do Estado. Agora mesmo, nos campionatos estatais masculinos a selección a bater é a catalá, aínda que Galiza quedou xa dúas veces campioa, por riba dos cataláns. Outra selección potente é a asturiana; é a terceira en discordia.

A catalá é potente de verdade, de feito chegou a gañar aquel Mundial B (o das seleccións chamadas "de nivel inferior") de 2004, "o da polémica"...

Si, eu naquela altura, con aquela polémica, entrei na Federación Española, da man de Enrique García Raposo e continuei co actual presidente, Carmelo Paniagua, cando dimitiu o anterior presidente. Cheguei como avogado na defensa dos intereses da Federación Española.

E que conclusión tirou da loita de ámbalas dúas federacións? Como está agora a cousa?
Que finalmente o que sae prexudicado de todo isto é o hóckey, o deporte e os deportistas. O deporte queda nun segundo plano, e só sae nos medios por este tipo de cousas. Agora as cousas seguen como estaban, Cataluña segue sen poder xogar unha competicón oficial.

Daquela, a oficialidade da seleccións nacionais non é unha das loitas da Federación Galega?
Nós si que loitamos, pero no terreo deportivo. Porque non imos ter selección se sempre a tivemos, e en todas as categorías. Até chegamos a participar nos Xogos Cantábricos. É o máis normal ter selección propia... O problema é cando se queren politizar os deportes. Os deportistas o que queren é xogar, competir... A política lévanos a malos resultados.

Pero, segundo soubemos, están organizando un "partidazo" que se presta moito a estas reivindicacións...

Si, estamos en conversas coa Federación Catalá para organizar dous encontros entre as dúas seleccións absolutas masculinas; todo un "partidazo".

Seguramente o primeiro dos partidos sexa en Galiza, e o de volta en Cataluña, a comezos de maio. Queremos empregalo de carta de presentación para a selección galega masculina senior, pero se cadra podería ampliarse á feminina, no futuro, de igual xeito que se fixo este ano coa selección de fútbol.


Ligazóns

4,8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ignacio González
Ignacio González
A selección catalá de hockey patíns
A selección catalá de hockey patíns
Un partido da Ok Liga
Un partido da Ok Liga
Un partido de hóckey feminino
Un partido de hóckey feminino
Partido do Liceo contra o Blanes
Partido do Liceo contra o Blanes
Partido do Vigo Stick contra o Sitges
Partido do Vigo Stick contra o Sitges
Imaxe dun partido do Borbolla, en Monte alto
Imaxe dun partido do Borbolla, en Monte alto
Na liga feminina galega
Na liga feminina galega