Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Este domingo

Unhas eleccións cruciais para o futuro rumbo europeísta de Serbia

O país acode ás urnas nuns comicios incertos, debido á escasa marxe que separa o Partido Democrático e o Radical Serbio. Tamén votan os serbios de Cosova.

Redacción - 10:45 11/05/2008
O primeiro ministro Vojislav Kostunica, no mitin de peche de campaña

O primeiro ministro Vojislav Kostunica, no mitin de peche de campaña

Serbia celebra este domingo unhas eleccións parlamentarias consideradas cruciais para o futuro rumbo europeísta do país, nun ambiente de medradas reticencias cara a UE pola crise de Cosova.

Os comicios foron convocados de xeito anticipado ante o desacordo entre os socios da coalición gobernamental sobre a relación da proclamación da independencia de Cosova co proceso de achegamento de Serbia á Unión Europea. Serbia, que dende a derrota de Slobodan Milosevic, parecía unida polas arelas de ingresar na UE, partiuse en dúas ante o apoio de moitos países europeos á independencia de Cosova, a pesares da forte oposición de Belgrado.

Aínda que a maior parte dos serbios aínda desexan o ingreso na UE, moitos consideran inaceptábel condicionalo ao recoñecemento de Cosova, e temen que esta poida ser unha esixencia no futuro. Os analistas consideran que estas eleccións son tan decisivas como as do 2000, cando comezou o derrocamento de Milosevic.

O resultado é incerto, debido á pouca diferencia que separa aos principais favoritos, o Partido Democrático (DS) do presidente Boris Tadic, e o nacionalista Partido Radical Serbio (SRS), que no pasado foi aliado de Milosevic. Ámbolos dous han obter en total máis de dous terzos de apoios dos electores serbios que, segundo se prognostica, han acudir en masa ás urnas.

Unhas eleccións sobre as que planea a crise de Cosova

A polarización do electorado ante a situación de Cosova quedou patente xa nas eleccións presidenciais do pasado 3 de febreiro, nas que se impuxo Tadic por unha estreita marxe fronte ao "radical" Nikolic.

O goberno do primeiro ministro Vojieslav Kostunica, xunto co DS de Tadic, tiña entre as dúas prioridades a preservación de Cosova e o ingreso na UE. Agora Kostunica, líder do Partido Democrático de Serbia (DSS), converteuse nun implacábel crítico da UE, á que lle esixe que confirme sen ambigüidades a integridade territorial de Serbia -con Cosova- se desexa o país na familia europea.

Sexa como for, este domingo están chamados ás urnas preto de sete millóns de cidadáns serbios, entre eles os serbios de Cosova (que segundo datos oficiais son arredor de 200 mil), aínda que en contra do parecer tanto das autoridades cosovares (que, porén, aseguraron que non han poñer trabas á votación), como do xefe da Misión da ONU no territorio (MINUK), Joachim Ruecker, que cualificou esta votación de "ilegal e inaceptábel" esta semana.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: