Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A pesares da retirada de Hesbulá

O Líbano volve amencer con enfrontamentos este domingo

Segundo informacións de axencias, polo menos morreron tres persoas, e houbo varios feridos. Partidarios das milicias chiís bloquean a estrada que vai ao aeroporto de Beirut.

Redacción - 11:30 11/05/2008
O líder de Hesbulá, Hasan Nasralá

O líder de Hesbulá, Hasan Nasralá

Este domingo a cidade de Trípoli, no norte do Líbano, amenceu cos enfrontamentos entre os partidarios do goberno de Beirut e os alauítas, unha rama disidente da corrente chií, leais a Hesbulá, a pesares de que parte da milicia relacionada con esta organización se retirou na mañá do sábado, deixando o control da cidade en mans do exército.

Os enfrontamentos están concentrados no norte da cidade da Trípoli, aínda que se teñen sentido disparos e explosións por toda a cidade, segundo informan as axencias presentes na zona. Arredor dunhas sete mil persoas abandonaron a cidade fuxindo dos disturbios, segundo indicaron os responsábeis de seguridade do Líbano, mais a estrada que conduce ao aeroporto internacional de Beirut segue tomada polas milicias partidarias de Hesbulá.

O goberno libanés ve as accións de Hesbulá como un "golpe de estado"

O primeiro ministro libanés, Fuad Siniora, advertiulle o pasado sábado ao grupo chií que "o goberno non vai caer baixo o control dos golpistas" no que foi a súa primeira declaración tras a toma de poder das milicias de Hesbulá nos barrios musulmáns de Beirut. Ademais, negou "ter declarado a guerra" á organización e confirmou que non ten intención de o facer no futuro. Porén, Siniora dixo que o goberno libanés "non vai aceptar o asalto das veciñanza" nin "a morte de civís inocentes".

O goberno do Líbano e os seus aliados encabezados polos EUA cualificaron as accións de Hesbulá como "golpe de estado", despois de que o secretario xeral da organización, Hasán Nasrala, anunciara o "estado de guerra" ante a ameaza oficial de cortar a súa rede de comunicacións militares.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: