Vieiros

As linguas suman
Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SIRO LÓPEZ, AUTOR DA VERSIÓN GALEGA DE 'UNHA CRISE CARNÍVORA'

"Cando me encargaron o proxecto, era obvio que pensaban en algo máis ca nunha tradución"

O debuxante construíu un filme de 'humor galego' ao que lle poñen voz Manquiña, o equipo de 'Corre Carmela que Chove' ou Os Tonechos.

Marcos S. Pérez - 11:35 16/05/2008

A crise carnívora son dúas películas. Está a versión orixinal, en castelán, creada polos responsábeis de Cálico Electrónico (a serie de animación en Internet de máis éxito, vista por máis de 50 millóns de persoas) e na que se poden escoitar as voces de Joaquín Reyes (Muchachada Nui), Oskar Terol (Vaya Semanita), Enrique San Francisco ou Pablo Carbonell. E está a versión galega, creada máis que traducida por Siro López, na que participa Manquiña, Antonio Durán Morris, Os Tonechos, Xosé Manuel Piñeiro, Xurxo Souto e o grupo de Corre Carmela que chove.

A Coruña acolleu este xoves a preestrea mundial de A crise carnívora, un filme que se estrea en todo o Estado este venres. Trátase da primeira longametraxe para cinema realizada integramente en animación flash. Cun humor irreverente e dirixido non ao público infantil, senón a unha audiencia xuvenil e adulta, o filme está producido por Continental, que lle encargou a Siro a versión galega, "cando me fan a min a encomenda, era obvio que non pensaban nunha tradución, pois terían chamado un filólogo", di.

Resulta un filme de auténtico humor galego, moi distinto ao orixinal castelán: "o orixinal era moito máis directo e contundente, non respondía á esencia do humor galego, que emprega camiños moi longos para dicir as cousas", afirma Siro, que engade que o humor galego actúa na película de burladeiro nos momentos en que os diálogos adquiren maior dureza. O humorista ferrolán salienta ademais que na dobraxe galega, inzada de frases populares e de imitacións de persoeiros moi recoñecíbeis (como o propio Manuel Fraga), hai tamén un importante traballo actoral, na que as voces foron quen de se adaptar á personalidade dos protagonistas animados.

Siro, que afirma que escribiu o texto dende o comezo pensando en que Manquiña sería o protagonista, salienta igualmente o traballo de dirección de actores realizado por Tacho González.



O 23, estrea de Abrígate
Por outra banda, o 23 de maio estrearase na Coruña Abrígate, outro filme de Continental, dirixido por Ramón Costafreda con guión de Fernando Castets, responsábel do texto de El Hijo de la novia. A película, que se rodou entre Betanzos e A Coruña, está protagonizada por Félix Gómez, Manuela Pal, María Bouzas e Celso Bugallo. Ademais, as cancións que aparecen no filme son obra de Uxía, completando unha achega galega que se estende a boa parte do equipo técnico.


4/5 (8 votos)

Comentarios (5)

ecoe #1 16/Maio/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Tamén mañán sábado, sobre as 16:30 h., na telegaita, estréase un documentario sobre a Fala das xentes do Val do Ellas realizado polo mesmo director de FRONTEIRAS.

E o luns, na Coruña, pola tarde, presentan ésta tanto o seu director, como un correspondente asturián do galego da Fala do Eo na RAG.

-Xavier #2 16/Maio/2008 -Xavier
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Obrigado pola informação, ecoe. A isto é que se chama jornalismo sem fronteiras, ou jornalismo participativo, ou jornalismo aberto, ou como quiserem. As notícias abertas (com possibilidade de comentários) por parte de VIEIROS são sempre motivo de riqueza informativa e de uma pluralidade de que precisamos imenso.

Parabéns a VIEIROS por continuar no cimo da notícia sempre! Mais alá!

inuit #3 18/Maio/2008 inuit
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Vaia parvada: logo traducir parécevos pouca cousa, e crear é "algo máis"? Traducir que é logo?

Gaviotero #4 19/Maio/2008 Gaviotero
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Mira, mira...los amiguetes del bipartito siguen recaudando cuartos con el dinero de todos...¡¡¡VIVA EL PROGRESISMO SUBVENCIONADO!!! ¡¡¡VIVA LA CULTURA DEL RÉGIMEN!!!

teixugo #5 20/Maio/2008 teixugo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Andam o Freijooy e o Rajooy a fazer mudanzas, e não quero ser mau, Deus me perdoe, mas o que tenhem que mudar é a cara...

DA-ME A MIM O CORPO QUE FEIJOOY
VAI SER TÃO PRESIDENTE COMO RAJOOY...

CUÑAAOOO

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: