Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Nos 50 km marcha

Santi Pérez vai estar este ano en Beixín

A federación recoñeceu a marca mínima do marchador. Os demais olímpicos galegos son: Gómez Noya, Raña, Paz, Echávarri, Aguilar, Molanes, Portela e Cal.

Redacción - 11:00 04/06/2008
Santi Pérez vai estar este ano en Beixín

Santi Pérez vai estar este ano en Beixín

O comité técnico da Federación Española de Atletismo decidiu dar por boa a marca feita en 2007 polo marchador vigués, Santi Pérez, para concederlle o pasaporte para Beixín 2008. Serán os segundos Xogos Olímpicos de Pérez, tras Atenas 2004, onde conseguiu un diploma olímpico, ao terminar oitavo nos 50 quilómetros marcha.

A decisión aínda non se fixo pública, mais sóubose por boca do atleta granadino Alejandro Cambil, campión estatal dos 50 Km marcha, que lle manifestou aos medios andaluces que estaba fóra da listaxe olímpica, en beneficio do atleta vigués. A súa condición de reserva fai que teña que agardar por unha posíbel renuncia por parte dalgúns dos atletas seleccionados.

Non as tiña todas consigo
Finalmente a federación valorou máis a marca conseguida por Pérez o ano pasado (había que facer menos de 3:50 horas nos 50 Km marcha, e o vigués fixo 3:46) que as súas actuacións deste ano. De feito, o vigués non as tiña todas consigo despois da súa irregular participación na Copa do Mundo, en Cheboksary (Rusia), onde foi o cuarto atleta estatal na proba; por diante del entrou Cambil, cun tempo de 3:51, a un segundo da mínima.

Aínda que non foi comunicado de xeito oficial, Pérez iría ás súas segundas Olimpíadas acompañado de García Bragado (pendente aínda dunha operación de cadeira) e Mikel Odriozola.

Os olímpicos galegos
Anotando xa o nome de Santi Pérez na listaxe, imos xa en nove olímpicos galegos que van estar este verán loitando polas medallas en Beixín. No Atletismo, xunto con Pérez, está Sandra Aguilar, no maratón. En vela repiten, na clase Tornado, Antón Paz e Fernando Echávarri. En piragüismo estará de novo David Cal, acompañado de Teresa Portela e Sonia Molanes; esta cuarta feira tamén se ha saber se Carlos Pérez, Perucho, formará parte do equipo de K-2.

E para terminar, completando a listaxe, aparecen os dous galegos máis poderosos do triatlón, Iván Raña e Xabier Gómez Noya.

E os parolímpicos...
Para facer parte do equipo parolímpico, foron preseleccionados os atletas Lorena Franco (atletismo), Gustavo Nieves (atletismo), Susana Rodríguez Gacio (atletismo), Pablo Cimadevila (natación), José Manuel Prado (boccia), Maximiliano Magi (atletismo) e Álvaro Illobre (tenis en cadeira de rodas), mais algúns deles aínda deben conseguir as marcas mínimas para participar nos Xogos.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: